Máis de cen persoas xa participaron nas experiencias náuticas “Vive o Rio Minho ao Máximo”
A iniciativa do VISIT_RIO_MINHO_PLUS está a achegar as asociacións e colectivos de Galicia e do Norte de Portugal á oferta náutica do Rio Minho, con actividades gratuítas en diferentes puntos do territorio transfronteirizo. O programa continúa ata setembro.
Elena Fernández/O Baixo Miño
Máis dun cento persoas xa participaron nas experiencias náuticas do programa “Vive o Rio Minho ao Máximo”, promovido polo AECT Rio Minho, no marco do proxecto VISIT_RIO_MINHO_PLUS, cofinanciado polo programa Interreg VI-A España–Portugal (POCTEP) 2021–2027, e desenvolvido en colaboración coa Asociación Galega de Actividades Náuticas (AGAN+).
Desde o comezo da iniciativa, asociacións e colectivos de Galicia e do Norte de Portugal participaron en actividades de kaiak, rafting, piragüismo e paseos en barco en diferentes puntos do Rio Minho.
O programa contempla un total de 15 experiencias náuticas, distribuídas en tres treitos do río, e ofrece ata 300 participacións gratuítas entre maio e setembro de 2026. A participación rexistrada ao longo dos últimos meses amosa a interese por este tipo de experiencias e reforza o potencial do Rio Minho como destino turístico transfronteirizo, cunha oferta que combina natureza, lecer e descubrimento do territorio.
Asociacións das dúas marxes descobren o Rio Minho
Unha parte significativa do programa está destinada ás asociacións e colectivos do territorio, con actividades totalmente gratuítas que inclúen material, equipamento e acompañamento por parte de profesionais de empresas náuticas galegas e portuguesas. Entre as entidades que xa participaron ou teñen confirmada a súa participación atópanse Cans, APPACDM Valença, ADAPTA, Rock in Río Tea, Citius Fit, Albeos, Terra Grovii, Imigrantes de Melgaço, A Jalleira, Podame e Fibromiño.
A diversidade das entidades implicadas permite chegar a públicos distintos e facilitar o acceso a experiencias que forman parte da oferta turística do territorio.
O programa inclúe tamén actividades adaptadas a persoas con diversidade funcional. As experiencias de Marca Inclusiva, promovidas pola Asociación Vontade, e a actividade de kaiak inclusivo, prevista con Alecrín, reforzan esta vertente e amplían a participación nas actividades náuticas.
Unha oferta náutica á escala do Rio Minho
As experiencias desenvólvense en tres zonas do Rio Minho, cada unha con características distintas. O treito da desembocadura, entre A Guarda/Caminha e Tui/Valença, está marcado pola proximidade ao Atlántico. O treito intermedio, entre Tui/Valença e Salvaterra/Monção, combina a paisaxe fluvial cun importante patrimonio histórico. Máis augas arriba, entre Salvaterra/Monção e Crecente/Melgaço, o territorio ofrece condicións diferentes para a práctica de actividades náuticas e para o contacto coa natureza.
Esta distribución permite dar a coñecer diferentes áreas do territorio e impulsar unha oferta náutica conxunta, coa participación de operadores das dúas marxes da fronteira. Este é tamén un dos obxectivos do VISIT_RIO_MINHO_PLUS: reforzar a proxección do Rio Minho como destino turístico transfronteirizo e poñer en valor recursos comúns de Galicia e do Norte de Portugal a través de produtos e experiencias concretas.
O programa continúa ata setembro
Tras a participación rexistrada nos primeiros meses, “Vive o Rio Minho ao Máximo” continúa durante agosto e setembro, con novas experiencias de piragüismo, rafting, kaiak e paseos en barco. As próximas actividades continúan abertas á participación de asociacións e colectivos do territorio, de acordo coa dispoñibilidade existente. A participación é gratuíta e inclúe o equipamento necesario e o acompañamento profesional durante toda a actividade. As asociacións interesadas poden consultar o calendario das próximas experiencias e realizar a súa inscrición a través das canles oficiais do programa.
Sobre o VISIT_RIO_MINHO_PLUS
“Vive o Rio Minho ao Máximo” forma parte do proxecto VISIT_RIO_MINHO_PLUS, cofinanciado polo programa Interreg VI-A España–Portugal (POCTEP) 2021–2027 e promovido polo AECT Rio Minho.
A iniciativa de dinamización náutica desenvólvese en colaboración coa Asociación Galega de Actividades Náuticas (AGAN+) e está dirixida a empresas náuticas, profesionais do sector turístico, asociacións e colectivos, co obxectivo de promover e reforzar a oferta turística vinculada ao Rio Minho.
Información e inscricións
Formulario de inscrición — Vive o Rio Minho ao Máximo
Información sobre as experiencias:



Ningún comentario:
Publicar un comentario