19 de ago. de 2021

A GUARDA

Guadi Galego ofrecerá un concerto á beira do noso mar

O sábado día 28 de agosto, ás 21.30 horas, no porto guardés


Infogauda / A Guarda

 Despois da súa primeira toma de contacto coa Guarda no pasado mes de xullo, co concerto do Coro do Conservatorio Municipal e a colaboración especial de Guadi Galego, o vindeiro sábado día 28 de agosto, ás 21:30 horas, a cantante traerá a súa música ata o porto guardés. Será nun concerto á beira do mar, enmarcado na xira de presentación do seu último disco, Costuras, na que a cantante atópase inmersa. Nesta ocasión, ademáis dos seus músicos, tamén estará acompañada polos alumnos do Coro do Conservatorio Elemental de Música de A Guarda. Esta idea xa vén de anos atrás, onde, despois de varias tentativas de traer á Guarda a esta gran artista, por fin vai ser unha grata realidade.     

 A proximidade e xenerosidade da cantante, que fora integrante de Berrogüeto, son de sobra coñecidas polos seus seguidores, así como a súa simpatía cara os mais cativos, polo que cando se lle fixo a proposta de establecer unha colaboración cos futuros cantantes da nosa localidade non o dubidou nin un instante.     

 Esta colaboración co noso Coro será unha ocasión de coñecer o repertorio do seu último disco, sen esquecer os grandes éxitos que foron marcando a súa carreira en solitario.     

 Recordemos que Guadi Galego é unha das artistas máis relevantes da escena galega actual. Comezou a súa andaina con Berrogüetto como vocalista, pianista e gaiteira, e continuou posteriormente, con novas sonoridades e proxectos, con diferentes colaboradores e acadando sempre grandes éxitos de público, crítica e recoñecidos premios. En 2005 lanza o seu disco “Espido”. Continúa no 2009 co disco en solitario “Benzón e no 2012 con “Acadacanto” onde sigue colaborando con Xavier Díaz, Guillerme Fernández ou Xosé Lois Romero. No 2014 ve a luz o seu segundo traballo en solitario, “Lúas de outubro e agosto, e no 2016, ano en que acada o Premio Martín Códax da Música á Mellor Artista na categoría de Canción de Autor, sae o terceiro, “O mundo está parado. No 2019 estreou “Immersion, unha relectura musical e lingüística das súas obras máis recentes da man de artistas como Iván Ferreiro, Clara Peya, Xabier Díaz ou Lisandro Aristimuño. Este álbum valeulle o Premio á Promoción da Realidade Plurilingüe no Estado español. Tras unha xira e un ano marcados pola pandemia, Guadi Galego lanza “Costuras, 10 cancións que viaxan desde mundos asociados á súa infancia ata o presente máis duro e á vez esperanzador.     

 As inscricións para este concerto están xa abertas a través de: https://www.woutick.es/evento/1594/entradas-axenda-cultural-a-guarda

Ningún comentario:

Publicar un comentario