22 de xuño de 2021

CULTURA

Baiona: Os ollos no tempo

· Nova testemuña literaria de agarimo do artista Caino Vasconcellos a súa matria


Caíno Vasconcellos na súa vivenda estudo
Foto: Infogauda

Ricardo Rodríguez Vicente

 A vila mariñeira de Baiona ten entre súa emprendedora veciñanza a unha persoa comprometida cos máis febles, co medio ambiente e co patrimonio. É, ademais, un artista de ascendente e recoñecida traxectoria, que posúe un amplo currículo de exposicións pictóricas individuais en diferentes cidades: New York, Vigo, Tui, Madrid, Monforte de Lemos, Ourense, Baiona, A Guarda,.... E tamén, outras moitas colectivas. 

 Esa persoa chámase Claudio Vasconcellos Cabral, ainda que para todos, familiares, veciños, amigos, é Caíno. Ese é tamén, por vontade propia, seu nome artístico.

 Máis Caíno é unha persoa que coñeceu de preto o que custa gañar o pan de cada día co suor da súa fronte.

 Naceu nunha modesta casa do barrio da Santísima Trinidade, no seo dunha familia traballadora de Baiona. Fillo da señora Pepita e do señor Urbano, matrimonio que tiveron cinco fillos: Angelines, Urbano, Ramón, Caíno e Andrés.

 Ao igual que seus irmáns, Caíno coñeceu como era á vida dunha familia tradicional que tiña no mar súa arriscada despensa de supervivencia. Sabe como é o labor dunha nai de familia mariñeira, e coñece tamén, de primeira man, como é a vida dos emigrantes, xa que el foino, ao igual que súa irmá.

 Dese xeito, Caíno, dende ben neno, e tamén de mozo, soubo ollar a xeografía física, a orografía, memorizar a toponimia, a talasonimia, o patrimonio natural e monumental, e tamén a arquitectura da súa vila natal. E fíxoo documentando súa memoria, anímica e fotográficamente. E como non, tamén coas súas acuarelas, seus dibuxos e súas pinturas, que son dunha beleza impresionante.

 Ademáis diso, Caíno ten tido deica agora dúas iniciativas literarias, patentes nos seus libros autoeditados "As portas ausentes", publicado fai unha década, e "Baiona. Os ollos no tempo", que vén de presentar fai unhas semanas, no colexio de Baíña. 


Portada do novo libro de Caíno Vasconcellos

 Na súa primeira achega literaria, Caíno optou pola linguaxe poética como vehículo de comunicación. E agora, con "Baiona. Os ollos no tempo", fíxoo combinando fotografías e un persoalísimo discurso prosístico. Neste segundo libro, que por decisión propia Caíno presentou na véspera do Día das Letras Galegas deste ano, o autor evoca todos e cada ún dos lugares da súa memoria e faino na língua habitual nel - o galego -, que é boa proba tamén da súa coherencia e agarimo pola fala materna. E ademáis, faino coa perspectiva persoal que lle permite súa lúcida memoria e súas dotes de bo observador, que garda as lembranzas de cada estación temporal, dos ventos, das cores do ceo e do mar, da vexetación do bosque, das hortas, das vivendas, dos nomes e alcumes das familias, das tradicións, do patrimonio histórico-artístico e monumental,...

 Cunha exquisita análise de cada lugar, Caíno achéganos matices que soio unha persoa sensible como el é capaz de descreber co acerto con que o fai, combinando localismos, vocablos populares e tamén, cando a ocasión o require, adoita empregar, na súa xusta medida,  sustantivos máis requintados.

 A achega deste creador baionés é tamén, todo un exemplo de solidariedade deica o pobo palestino, a quen dedica este libro, e ao mesmo tempo toca na fibra medioambiental para o que reclama "(...) todolos recursos humanos, económicos e científicos, para frear o letal deterioro que sofren os ríos e os mares pola contaminación incesante e a sobre pesca incontrolada (...)".

 O libro está tamén dedicado a súa familia e aos seus amigos, así como "as beiras dos ríos e do mar, acubillos da vida perdidos da infancia".

 A publicación conta cun prólogo de Anxo Rodríguez Lemos, profesor do Departamento de Historia (Área de Historia Moderna), da Universidade de Santiago de Compostela (USC) e membro do Instituto de Estudos Miñorans (IEM), do cal extraemos o seguinte parágrafo: "A obra de Caíno é continua esculca sobre os lugares que se imantaron a súa vida que percorreron o seu maxín nun encontro cotiá coa Baiona dos seus soños, a vila que esmoreceu no seu itinerario vital porque xa non existe, desapareceu por sempre, como o pito dos vellos vapores ao enfiar pola Porta. Nas súas palabras recende o peixe salgado da Praza do Pescado ou da sardiña picada para servir de engado, nun palangre ben largado por Detrás do Boi. As imaxes son espazos, tempos e relatos unidos na voz manifesta dun sentimento perpetuo que vivirá co autor ata o fin dos seus días cando o seu devir se deite e apague como aquela auga escorregadiza que baixaba polas laxes da Lagarteira a onde os nenos e nenas corrían xogar (...)".

 Pola nosa parte, ao tempo que damos conta da publicación de "Baiona. Os ollos no tempo", agradecémoslle a Caíno que tivera - unha vez máis - a xenerosidaee, tantas veces acreditada, de vir ata A Guarda e traernos persoalmente este agasallo de libro cuxa lectura recomendamos porque é verdadeiramente unha xoia, digna de desfrutarse devagar. 

 "(...) Con este sinxelo e emotivo traballo quero evocar os tempos amados, nos lugares da miña infancia ceibe e leda, e sobor de todo, as persoas, mulleres e homes, traballadoras sacrificadas que loitaron e padeceron a infamia, a inxustiza e a miseria, e que pelexaron e sufriron para recuperar a xustiza, a liberdade, o benestar e á paz que desfrutamos hoxe". Con esas sentidas verbas remata Caíno seu libro "Baiona. Os ollos no tempo". Unha nova testemuña literaria de agarimo do artista baionés a súa matria.

Ningún comentario:

Publicar un comentario