23 de xuño de 2021

PONTEVEDRA

Francisco Conde mantivo unha reunión de traballo con alcaldes e voceiros da provincia  

Explicou que o modelo eólico da Xunta avoga por favorecer o desenvolvemento ordenado do sector, sempre que sexa compatible co resto de actividades económicas e desde o máximo consenso. 

Recorda que tramitar os proxectos non é o mesmo que autorizalos.  


Conde explicou que o modelo da Xunta de Galicia avoga por favorecer un desenvolvemento ordenado do sector eólico

Foto: P.P. PO.

Infogauda / Pontevedra 

 Alcaldes e voceiros do Partido Popular afectados no seu territorio por proxectos de parques eólicos mantiveron onte pola noite unha reunión semipresencial co vicepresidente segundo e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde.   

 Foi  a través dunha convocatoria do PP provincial, na que Conde explicou que o modelo da Xunta de Galicia avoga por favorecer un desenvolvemento ordenado do sector eólico, aberto a quen dispoña de capacidade legal, técnica e económica para participar, sempre que sexa compatible co resto de actividades económicas –neste caso, principalmente, vinculadas ao sector primario e forestal– e desde o máximo consenso con todas as partes implicadas.  

 Insistiu en que tramitar os proxectos eólicos, que é unha obriga para calquera administración pública, non é o mesmo que autorizalos. Nesta liña, apuntou que a tramitación administrativa que se realiza no procedemento de autorización dun parque eólico que dependa da Xunta de Galicia conta con  todas as garantías xurídicas, técnicas e ambientais correspondentes antes da emisión dunha resolución en sentido positivo ou negativo. É máis, todos os proxectos se someten a unha adecuada avaliación das súas repercusións no lugar e contan cun proceso totalmente transparente.  

 Por último, recordou que o Goberno galego creou a rede de información provincial para manter un contacto directo e fluído cos concellos que permitirá poñer a disposición información de primeira man, antes de proceder á preceptiva exposición pública dos proxectos eólicos. Sen prexuízo das alegacións que este organismo, así como calquera outra persoa ou entidade da zona, poida presentar no trámite de exposición pública.

Ningún comentario:

Publicar un comentario