18 de xuño de 2021

A GUARDA

Vespa velutina: que debes saber? 

 

Infogauda / A Guarda

 O Concello de A Guarda vén de facer público unha información sobre a avespa asiática (Vespa velutina), indicando que "é unha especie procedente de Asia catalogada en España como invasora, que pode ocasionar danos na apicultura, na agricultura e no medio ambiente xa que ataca ás colmeas matando ás abellas melíferas e provocando o descenso da poboación das especies polinizadoras, moi importantes para a produción agrícola.  

 O risco para a saúde humana é o mesmo que o xerado por calquera outra avespa xa que non son máis agresivas que as avespas autóctonas e só atacan cando se ven ameazadas, polo que é importante manterse a máis de 5 metros do niño.  

 A época de trampeo vai de febreiro a maio, durante a fase de construción e actividade do niño primario. O mellor lugar para colocar as trampas son os camelios, que están en flor entre febreiro e maio e atraen á avespa asiática. Pódense facer trampas caseiras e existen numerosas receitas de líquido atraínte para atrapar a exemplares desta especie.  

 O máis importante para combater a presenza da Vespa velutina é a súa identificación e diferenciación doutras especies autóctonas. A avespa autóctona máis similar é a Vespa crabro. A Vespa velutina ten o corpo negro a excepción do cuarto segmento abdominal que é de cor amarelo, a súa cabeza é negra e alaranxada e as patas son amarelas. A Vespa crabro, sen embargo, posúe o abdome maiormente amarelo salvo o primeiro segmento e parte do segundo que son negros e o tórax, a cabeza e as patas son de cor marrón-pardo".  

 Desde o Concello recomendan que en caso de localizar un niño de Vespa velutina non se acheguen a el a menos de 5 metros e comuníqueo ao 012. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario