4 de xuño de 2021

A GUARDA

Alumnado do CEIP Manuel Rodríguez Sinde celebrou o Día Mundial do Medio Ambiente  

• Presentando como traballo final dun proxecto medioambiental, un mural das Boas Prácticas do peregrino


O alcalde e membros da Corporación municipal, co alumnado e profesores do CEIP Manuel Rodríguez Sinde, amosando os carteis feitos polos escolares

Foto: C.A.G.

Infogauda / A Guarda

 Na mañá deste venres día 4 de xuño de 2021  o Salón de Plenos do Concello de A Guarda acolleu un acto no cal alumnado do CEIP Manuel Rodríguez Sinde fixo entrega ás autoridades locais de varios carteis nos que en tres linguas, e con debuxos, crearon un mural das Boas Prácticas do peregrino.





Mural de Boas Prácticas do peregrino, feito polo alumnado do CEIP Manuel Rodríguez Sinde

 

 Antonio Lomba Baz, alcalde de A Guarda, amosouse moi sorprendido e interesado por esta iniciativa, dando os parabéns aos alumnos presentes, co compromiso adquirido de colocar estes carteis nos espazos polos que circulan os peregrinos que realizan o Camiño Portugués pola Costa ao seu paso pola vila, como é a Estación Marítima, a Oficina de Turismo ou o Albergue Municipal.


    a

Escolares do CEIP Manuel Rodríguez Sinde facendo o Camiño Portugués pola Costa
Fotos: CEIP M.R. Sinde

 

 Esta iniciativa nace do proxecto de Voz Natura no cal participa este centro educativo de A Guarda e no que desde Biblio Sinde empregaron o Camiño de Santiago como fío condutor, co fin de xuntar esforzos e levar a todo o profesorado pola mesma senda. 

 O itinerario xacobeo denominado Camiño Portugués pola Costa transcorre pola nosa localidade, polo que involucrar a toda a comunidade educativa foi doado e moi interesante, segundo refiren desde o CEIP Manuel Rodríguez Sinde. Dese xeito descubriron dúas sendas dun gran valor etnográfico e paisaxístico: o tramo que vai desde A Pasaxe pasando por Camposancos, Monte Santa Trega e a vila; e o percorrido pola costa, pasando polo areal de Fedorento, praia de Area Grande, pías salineiras, cetarias Redonda e Altiña, camiños antergos, cunha flora autóctona moi interesante. 

 Na actividade realizada tamén houbo unha visita ao albergue municipal de A Guarda e os escolares fíxeron a pé o tramo que pasa polo centro da vila. 

 A participación do alumnado na proposta de facer andainas polos diferentes tramos do camiño foi do 100%. Dende os máis pequenos ata os maiores todos os cursos realizaron saídas para coñecelo. Os cursos de 5º e 6º de primaria fixeron un tramo en Oia e visitaron Santiago de Compostela. 

 A concienciación do alumnado do seu valor e a importancia da súa conservación foron os obxectivos prioritarios, fomentando a participación das familias e facendo as diferentes etapas cos seus fillos e fillas e así conseguiron o selado da súa credencial de peregrinos ao final do proxecto.  

 O resultado final despois de todo o traballo realizado foi a presentación dun cartel do que se debe facer para ser un bo peregrino, obra colectiva que foi editada nas tres linguas do colexio (galego, castelán e inglés), e no que participou todo o alumnado do centro educativo.

Ningún comentario:

Publicar un comentario