27 de maio de 2021

VILAGARCÍA DE AROUSA

O proxecto europeo Viticast, coa participación da Deputación, incentiva a redución no uso de fitosanitarios e a optimización da calidade dos viños 

A Estación do Areeiro lidera unha investigación que promove a sustentabilidade ambiental con universidades, denominacións de orixe e adegas de Galicia e Castela-León   

Manuel González, deputado provincial de Centros de Investigación
Foto: D.PO.


Infogauda / Vilagarcia de Arousa

 A busca de solucións innovadoras e baseadas na sustentabilidade para o combate contra o oidio, o mildeu e a botrite nas vides de Galicia e Castela-León é o obxectivo central do programa europeo Viticast, no que a Deputación de Pontevedra participa a través da Estación Fitopatolóxica do Areeiro, xunto con outros 10 socios entre os que figuran denominacións de orixe, adegas, a fundación Feuga e universidades. O proxecto tivo hoxe parada no Auditorio de Vilagarcía, onde se celebrou unha xornada de presentación introducida polo deputado provincial de Centros de Investigación, Manuel González.  

 González reivindicou a traxectoria e o papel crucial do centro de investigación do Areeiro, que é referencia neste tipo de investigacións ao contar con persoal técnico de altísima cualificación. Aproveitou a súa intervención para reivindicar a importancia de investir en I+D+i, tamén na saúde das plantas, especialmente nas relacionadas coa alimentación humana. Ademais puxo en valor á Unión Europea como institución resultante dun proxecto en común que é imprescindible para apostar cos recursos necesarios pola ciencia e o coñecemento. "A ciencia demostrou, unha vez máis, a súa importancia na pandemia que estamos a vivir", afirmou.  

 O programa da xornada, que rematou cunha visita guiada á finca de O Areeiro en Lourizán (Pontevedra), contou tamén coas intervencións de Rosa Pérez, técnica do centro dependente da Deputación, e do responsable do Centro de Avisos Fitosanitarios da Generalitat de Cataluña, Joan Reyes, que acudiu como invitado. A xornada Viticast contou coa asistencia de 30 profesionais do sector, o aforo permitido debido ás restricións da Covid.  

 Viticast, que afronta neste 2021 seu segundo ano de investigación, xa acadou o reto de reducir nun 40% o uso de produtos fitosanitarios para o tratamento das enfermidades fúnxicas das viñas, minimizando así o impacto sobre o medio ambiente. A estratexia consiste en atacar aos fungos unicamente cando hai riscos reais en base ás medicións obxectivas e ás alertas que realizan os centros de avisos, como a Estación Fitopatolóxica do Areeiro.  

 O proxecto inclúe traballo de campo en oito parcelas situadas nas denominacións de orixe Rías Baixas, O Ribeiro, Valdeorras e Ribera del Duero. En cada unha delas situouse unha estación meteorolóxica e un captador de esporas para detectar precozmente a presencia ambiental dos fungos causantes das enfermidades. Ademais disto desenvolvéronse ensaios para predicir a evolución fenolóxica (en función das variables meteorolóxicas) nas distintas variedades de viñas e estudouse a optimización da calidade en albariño, godello, treixadura e tempranillo por medio de analíticas comparadas. A maiores Viticast achega un modelo de cálculo de aforro de custos anuais por hectárea pola redución dos fitosanitarios.  

 O proxecto Viticast ten carácter supraautonómico ao englobar a un total de 11 socios de Galicia e Castela-León. Ademais da Estación de O Areeiro e as denominacións de orixe e as universidades conta tamén coa colaboración das adegas Viña,  Matarromera y Hacienda Monasterio. Conta cun orzamento total de 615.249 euros que están soportados a un 80% polos fondos FEADER da Unión Europea e nun 20% polo Goberno de España a través do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación.

Ningún comentario:

Publicar un comentario