27 de maio de 2021

VIGO

Claman polo mantemento da praza de celador/a no centro de saúde vigués da Dobrada  

A CIG-Saúde seguirá a mobilizarse contra a eliminación deste posto en Atención Primaria  

 

A CIG-Saúde de Vigo desenvolveu hoxe unha concentración diante do centro de saúde da Dobrada

Foto: CIG

Infogauda / Vigo

 A CIG-Saúde de Vigo desenvolveu hoxe unha concentración diante do centro de saúde da Dobrada para esixir que non se elimine unha praza de celador/a en quenda de tarde pola xubilación da celadora que até o de agora ocupaba ese posto.  

 Na protesta, que tivo lugar ao berro de “Non, non, non á amortización!” ás portas do centro médico a partir das 11:30 horas, participaron delegados/as sindicais e traballadores/as.   

 Segundo denuncian dende a central sindical, a intención da Xerencia da área sanitaria de Vigo é reconverter esa praza en Persoal de Servizos Xerais (PSX). “Diante disto, remitímoslle un escrito á Xerencia para amosarlle o noso rexeitamento e solicitándolle que manteña a praza de celador/a, xa que neste centro, como noutros de similares dimensións, son perfectamente compatíbeis estas dúas categorías laborais”, explican.  

 Ao mesmo tempo, anuncian que continuarán coas mobilizacións para frear a intención da Xerencia de eliminar os postos de celador/a no servizo de Atención Primaria.

Ningún comentario:

Publicar un comentario