Comezan na Lanzada os traballos do xeoradar cara ao proxecto de musealización do xacemento
A actuación desenvólvese nunha área de 16.000 metros cadrados para obter unha planimetría axustada do subsolo a fin de evitar afeccións e protexer todo o conxunto durante o proceso de musealización
Infogauda / A Lanzada
Persoal dunha empresa especializada iniciou esta mañá no xacemento da Lanzada os traballos de xeoradar cuxos resultados se incorporarán ao proxecto de musealización impulsada polo Ministerio de Fomento e a Deputación de Pontevedra. O obxectivo desta actuación técnica é definir na súa totalidade a planimetría axustada dos restos no visibles que puidesen existir no subsolo, a fin de evitar posibles afeccións e protexer o conxunto cara ao desenvolvemento da próxima musealización.
Os traballos, que contaron cunha fase preparatoria que se desenvolveu en coordinación co Concello de Sanxenxo para a delimitación da área e a limpeza da zona, consiste nunha prospección xeofísica de investigación para obter a maior precisión e calidade na descrición, delimitación e caracterización dos elementos arqueolóxicos do xacemento. Trátase dunha área de traballo que engloba unha superficie de 16.000 metros cadrados na parte máis próxima á terra e ao redor da zona principal onde se fixeron antigas escavacións. Tamén, cunha prospección magnética, se poderán contextualizar aspectos concretos do xacemento, localizar e delimitar elementos como estruturas de combustión, niveis de destrución o estruturas defensiva. O xeoradar, en definitiva, non só permitirá analizar e facer un abano das estruturas existentes como a necrópolis, salazón o poboado, senón que axudará tamén a delimitar elementos que puideran non estar localizados.
Unha vez rematado o traballo, os resultados da actuación, que se prolongará ata o xoves e que conta coa autorización de Patrimonio da Xunta e da Comunidade de Noalla, se incorporarán con carácter divulgativo ao programa de musealización. O proxecto xa está redactado e atópase na fase de corrección para ser remitido á Dirección de Patrimonio.
A técnica do xeoradar se ven utilizando con excelentes resultados noutras zonas da provincia como no caso de ata seis castros da zona do Deza, entre eles o de Toiriz en Silleda. Tamén está previsto desenvolver actuacións similares nos xacementos de Montaz en Silleda, e no Castriño de Bendoiro, en Lalín, castros enmarcados no convenio da Deputación de Pontevedra e o Consejo Superior de Investigaciones Científicas (CSIC).
Ningún comentario:
Publicar un comentario