20 de abr. de 2021

MEMORIA HISTÓRICA

NOVAS ADHESIÓNS Á QUERELA ARXENTINA CONTRA O FRANQUISMO DE CINCO FAMILIAS GALEGAS       

· Este xoves día 22 de abril, entregarán a documentación no Consulado Arxentino en Vigo polos asasinatos e condeas do ex alcalde de Valga Celestino Carbia, o mestre de Teo Bernardo Mato, e dos veciños de Ponteceso Carlos Abella e do Barbanza José Lijó e José Sieira   

· As denuncias xorden grazas ao proceso iniciado en 2019 na Deputación de Pontevedra e contaron co asesoramento de CeaQua, a IGM, e o grupo de Avogados Novos de Vigo


Familiares de vítimas do franquismo e a deputada provincial de Memoria Histórica, diante do Consulado diante do Consulado de Arxentina en Vigo - Foto: D.PO.

Infogauda / Vigo   

 Galiza dá un novo paso contra o franquismo. Este xoves as familias de cinco homes vitimas de fusilamentos, asesinatos, condeados a cadea perpetua e vexados tralo golpe de Estado e durante o réxime ditatorial franquista, presentarán as súas adhesions á chamada ‘Querela arxentina’, a Causa Criminal 4.591/2010, seguida perante o Xulgado Nacional do Criminal e Correccional Federal núm. 1 de Bos Aires que investiga os crimes de lesa humanidade/xenocidio cometidos polo Estado español dende a sublevación militar do 18 de xullo de 1936 contra o Goberno da II República española ata ben entrada a Transición.  

 Neste caso reclamarase verdade, xustiza e reparación para o ex alcalde de Valga Celestino Carbia, fusilado en Monte Porreiro en maio de 1937; o mestre de Teo Bernardo Mato, falecido en setembro do 36  vítima dun asesinato extraxudicial tras ser detido e sometido a interrogatorio por falanxistas que o liberaron ferido de morte; Carlos Abella López, veciño de Ponteceso e sindicalista da CNT, condeado a pena de norte conmutada por cadea perpetua; e aos veciños de Ribeira José Lijó –membro do comité de defensa da República- fusilado en Santiago en xaneiro do 37; e José Sieria, tamén morto en xaneiro do 37, con orixe en Ribeira e asesinado pola súa vinculación coa CNT.  

 As familias que presentarán os seus escritos denuncia para a súa adhesión á Querela Arxentina, explica a avogada Irene Francés, do Grupo de Avogados Novos de Vigo, “veñen a reforzar esta ferramenta xurídica tan importante na loita contra as políticas do Estado español baseadas na impunidade, o silencio, o esquecemento e a falta de investigación xudicial destes crimes, reclamando así o seu dereito á verdade, xustiza, reparación e garantías de non repetición”.   

 Estas querelas súmanse ás presentadas polas familias de Alexandre Bóveda, Amancio Caamaño e Ramiro Paz en xaneiro de este ano 2021, que reclamaron que a xustiza poña a verdade enriba da mesa sobre os asasinatos acontecidos en A Caeira (Pontevedra) no 1936, que se revoguen as súas condeas e sancionen os seus axustizamentos.   

 As reclamacións das familias destes persoeiros tan significados para Galiza tiveron un efecto chamada que mobilizou a outras persoas afectadas polos crimes do franquismo no país. Todas elas xorden do proceso iniciado en novembro de 2019 pola Deputación de Pontevedra, que anunciou a súa intención de ‘acompañar’ e poñerse a disposición como institución de todas as persoas afectadas.   

 As querelas contaron co asesoramento de CeaQua e coa axuda da Iniciativa Galega pola Memoria e de Histagra, e correu a cargo da Comisión de Dereitos Humanos do Grupo de Avogados Novos de Vigo.  

 As adhesións formalizaranse oficialmente este xoves 22 na sede do Consulado de Arxentina en Vigo, na rúa Lopez de Neira 3. Representantes das familias, de CeaQua, e de Avogados Novos, así como a deputada de Memoria Histórica María Ortega, atenderán á prensa nas inmediacións do Consulado ás 12.30 horas, antes de entregar a documentación das denuncias, xa que non estará permitido subir ás instalacións para tomar imaxes. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario