9 de abr. de 2021

MOBILIDADE

OS EXPERTOS EN ESPAZO PÚBLICO DA ‘FACULTADE ÁGORA’ ALERTAN DA “URXENTE NECESIDADE” DE CAMBIAR O DESEÑO DE CIDADES E VILAS PARA FACELAS MÁIS VIVIBLES E SAUDABLES   

A primeira xornada de formación organizada pola Deputación de Pontevedra, á que asistiron máis de 200 representantes políticos da provincia e técnicos centrouse no “dereito a utilizar a cidade” e na “emerxencia climática”  

Apelouse á valentía e determinación política dos representantes públicos para avanzar nos cambios necesarios 

O deputado de Mobiliade, Uxío Benítez, que deu inicio ás intervencións, nun momento da primeira xornada da ‘Facultade Ágora’ da Deputación de Pontevedra - Foto: Rafa Estévez

Infogauda / Pontevedra 

 A primeira xornada da ‘Facultade Ágora’ da Deputación de Pontevedra deixou unha cuestión clara: é necesario que cidades e vilas modifiquen de maneira urxente o seu deseño e organización e se reorienten cara a modelos centrados nas persoas e non nos coches tanto por cuestións de saúde como de medio ambiente.   

 Así o deixaron claro todos os profesores que interviron hoxe : o urbanista José Fariña, o especialista en medio ambiente urbano Salvador Rueda, así como os representantes políticos que protagonizaron o coloquio ‘O espazo público como dereito’, o vicepresidente César Mosquera, o tenente de alcalde e responsable de Mobilidade de Bilbao Alfonso Gil, e o ex concelleiro de Torrelodones Santiago Fernández.  


Captura de pantalla do coloquio da Facultade ´Agora´ - Foto: D.PO.

 A xornada contou coa asistencia de máis de 200 representantes políticos de concellos da provincia, así como de persoal técnico relacionados co espazo público tanto dos municipios pontevedreses como tamén de fóra de Galiza, inscritos co obxectivo de formarse para a toma de decisións que supoñan a creación de espazos públicos de calidade para as persoas.   

 O deputado Uxío Benítez, que deu inicio ás intervencións, salientou a importancia de ter unha “cultura do espazo público” xa que a día de hoxe as facultades tanto de Arquitectura como de Enxeñería apenas tratan a materia. Destacou que a ‘Facultade Ágora’ e a ‘Rede de Concellos Ágora polo Espazo Público’ da que forman parte 54 concellos da provincia pretenden queren mellorar esa situación e ter resultados concretos de cara a 2023, cando se pretende que o espazo gañado aos coches para destinalo ás persoas se incremente porcentualmente de maneira clara e comprobable.   

José Fariña. Preocupa a costa galega, os concellos pequenos téñeno fácil 


 José Fariña, profesor e urbanista - Foto: D.PO.

 O primeiro profesor en participar foi o urbanista José Fariña, que definiu a ‘Facultade Ágora’ como unha iniciativa “fantástica” e “absolutamente oportuna” porque o momento actual, ao seu entender, “é crítico non somentes para o planeta senón tamén para nós mesmos”. “É un caso de auténtica emerxencia e hai que facer algo, que implica cambiar o modelo que ata agora se propuña de deseño e organización das cidades. Hai que cambiar o modelo baseado no automóbil privado cara a un modelo baseado no peón. Así de fácil”, incidiu.  Fariña argumentou cuestións de saúde, xa que o modelo baseado no automóbil é un modelo sedentario, contaminante e insostible porque consume recursos do planeta que non se poden soportar, e subliñou que o cambio de modelo cara ás persoas é máis sano “porque se fai o exercicio máis elemental que se pode facer – andar-, que ademais é o máis barato”.  

Para acadar o cambio de modelo hai que centralo –dixo o profesor- en tres grandes liñas de actuación: deseñar cidades para o peón, para andar, de cercanía ou compactas; introducir a natureza na cidade porque a maior parte do espazo público foi destinado a calzadas para os automóbiles; e crear espazos de convivencia, xa que desapareceron porque os espazos urbanos pasaron a ser espazos nos que só hai circulación de coches.  

 Defendeu Fariña, en relación aos concellos máis pequenos –como os da provincia de Pontevedra-, que para eles é máis fácil o cambio de modelo. “O problema é un modelo de vida que depende do coche. Temos metido na cabeza como funcionar e hai que cambiar modos de vida, formas de vivir. Probablemente en sitios pequenos non sexa necesario facer nada. A natureza está xa ao lado, e seguramente sexan vilas camiñables, polo que o que habería que facer debería ser darlle máis facilidades ao peón para que camiñe, facer espazos máis confortables, facer que algunhas calzadas sexan prioritarias para os peóns en lugar de para os coches. Eu estou preocupado polas grandes cidades e en Galiza por toda a zona de costa, que é unha grande área metropolitana. Iso é o que hai que empezar a plantexar”, subliñou.  

Salvador Rueda. Incorporar e copiar a experiencias para avanzar 


Salvador Rueda, especialista en urbanismo ambiental - Foto: D.PO.

 O considerado ‘pai’ das supermazás de Barcelona, o especialista en urbanismo ambiental Salvador Rueda, definiu tamén a ‘Facultade Ágora’ como unha iniciativa fantástica e moi benvida. “Todo o que se faga no ámbito da transformación das cidades cara a espazos máis sustentables será pouco. A Facultade ademais incide sobre institucións –os concellos- que teñen limitadas as súas capacidades, polo que a formación técnica vale para crear procesos e cambios”, destacou.    

 Rueda subliñou que se tardou demasiado en tomar consciencia de que é preciso recuperar o espazo público para as persoas, algo que nos últimos meses se evidenciou a raíz da pandemia da COVID. O espazo publico nas cidades é a chave –dixo- para poder achegarnos a un futuro con menos incertidume”. “Estamos nunha situación moi grave de emerxencia climática. Todos os problemas están xerados principalmente polas cidades e deben abordarse de maneira rápida e global con modelos que permitan facer cambios en tempos reducidos. Sen a transformación do espazo público e da mobilidade actual é bastante difícil acadar obxectivos”, subliñou.  

 Para Rueda o espazo público “é a casa común, a casa de todos”, e os usos que se lle dean serán vitais para o futuro e para o presente porque mellorarán a calidade urbana e a calidade de vida da cidadanía, tema central para os concellos porque entra dentro das súas competencias.   

 Na súa charla explicou como é posible facer unha proposta de cambio dunha cidade en tempo récord, con investimentos reducidos e resultados de mellora da calidade urbana e de vida únicos a través dun proxecto no que leva traballando hai 30 anos en Barcelona - as supermazás-, que permite conseguir que a maior parte do espazo que hoxe está dedicado á mobilidade para outros usos, pero sen comprometer o funcionamento ou o tráfico (que se debe reducir un 15 e un 21%, como aconteceu durante o confinamento).  

 En canto á aplicabilidade dun modelo como o de Barcelona na provincia de Pontevedra, Salvador Rueda subliñou que “se se pode facer en Barcelona, non se vai poder facer un concello? A dificultade redúcese á mínima expresión sempre que teñamos núcleos urbanos consolidados no espazo público”.  

 Para finalizar, animou a outras vilas e cidades a seguir o exemplo de Pontevedra ou Barcelona, Vitoria ou outros lugares: “Hai que incorporar o bo e o mellor destas experiencias para que todo o mundo, se non sabe como facelo, que o copie, que non pasa nada. En consecuencia, que se animen. Non é que pague a pena, é que é urxente e necesario”.  

Coloquio de representantes políticos. A determinación e valentía.  

 Unha vez finalizadas as charlas maxistrais dos profesores centrais da xornada deuse paso a un coloquio no que participaron o vicepresidente da Deputación César Mosquera, o concelleiro de Mobilidade de Bilbao Alfonso Gil, e o ex concelleiro de Torrelodones Santiago Fernández en substitución da ex alcaldesa de Torrelodones Elena Biurrum, ausente por motivos de saúde de última hora. Todos eles falaron das experiencias concretas nas súas localidades e sobre retos e responsabilidades na gobernanza. A coincidencia foi plena na necesidade de actuar para modificar o deseño e funcionamento das vilas e cidades dando protagonismo ás persoas sempre con “determinación e valentía política”.   


César Mosquera, vicepresidente da Deputación de Pontevedra - Foto: Rafa Estévez

 Puxeron o foco, empezando por César Mosquera, en que o espazo público é un dereito da cidadanía á mesma altura que a Educación ou a Sanidade, polo que todas as intervencións que se realizan deben ter en conta as implicacións e consecuencias dese principio básico: “Se as persoas son o máis importante haberá que darlle máis do 50% do espazo público e non aos coches; haberá que facer que cando camiñen non teñan que ser elas as que cambien a rasante, senón que deben ser os coches os que suban en baixen ao pasar por un paso de peóns... A idea de ‘as persoas primeiro’ ten moitas implicacións prácticas”, subliñou.   

 Insistiu ademais en que se unha forza política concorre a unhas eleccións cun programa no que defende a recuperación do espazo público e non o executa porque xurden protestas de “minorías ruidosas” está a cometer un “fraude” por non cumprir coa súa palabra.  

 Pola súa parte Alfonso Gil puxo por diante o traballo de Bilbao á hora de pensar a cidade con dúas ferramentas: a redución da velocidade e a aplicación dun Plan de Acción de Xénero. Subliñou que “as e os dirixentes” teñen obriga de dar teito ás persoas, pero “non espazo para que os coches aparquen nas rúas”. Tamén salientou que todo aquel que ostente unha responsabilidade pública debe “poñerse ao lío” e non deixar por herdanza un mundo peor ás persoas que chegan: “Temos que actuar de maneira inmediata no local ou estaremos faltando ás nosas responsabilidade. Non hai que escudarse nas presións do ‘mundo do coche’. Hai que actuar!”.  

 Finalmente Santiago Fernández explicou a realidade no concello de Torrelodones, de 23.000 habitantes e cunha realidade de asentamento poboacional difusa, baseada nas urbanizacións. Apuntou como dende que Biurrum se fixo cargo da Alcaldía desta cidade madrileña se reenfocaron a política en relación coa mobilidade natural nun municipio que se tiña desenvolvido baixo o concepto de cidade dormitorio, con hábitats de baixa densidade, e ao que foron dotando de interesantes infraestruturas peonís e de calidade do espazo público.   

Inauguración oficial 

 O vindeiro evento da ‘Facultade Ágora’ será a inauguración oficial o vindeiro día 21 de abril, coa conferencia de apertura do padriño do curso, o director xeral de Arquitectura e Axenda Urbana do Ministerio de Mobilidade, Iñaqui Carnicero. O día 23 de abril será a segunda xornada formativa, na que participarán figuras como o asesor de mobilidade da alcaldesa de París Carlos Moreno ou especialistas como Isabela Velázquez, Rubén Lois ou Valeiro González.

Ningún comentario:

Publicar un comentario