9 de abr. de 2021

PONTEVEDRA

O MUSEO DE PONTEVEDRA LANZA ‘NOVOS VALORES 2021’ DANDO CONTINUIDADE ÁS NOVIDADES DA PASADA EDICIÓN  

Concederanse catro bolsas de 7.500 euros para a formación de artistas noveis de ata 35 anos a través dun proceso de selección dividido en catro fases  

O prazo de inscrición comeza o luns 12 e finaliza o 30 de abril  



Infogauda / Pontevedra

 O Museo de Pontevedra vén de poñer en marcha o certame de artes plásticas Novos Valores 2021 mantendo as novidades da pasada edición, a limitación de idade aos 35 anos e o proceso de selección en catro fases, co obxectivo de potenciar o traballo dos artistas noveis e de acadar a máxima calidade entre as propostas presentadas.   

 A convocatoria ten por obxecto a concesión de catro bolsas de 7.500 euros cada unha, destinadas a promover a formación de artistas naturais ou residentes en Galicia con idade comprendida entre  18 e 35 anos, con traballos dentro das modalidades de pintura, escultura, debuxo, deseño, gravado, fotografía, cerámica e vídeo creación, entre outras, susceptibles de considerarse  “novos valores” .  

 As obras que se presenten deberán ser orixinais e inéditas.  O procedemento para a selección das persoas bolseiras constará de catro fases: a primeira de presentación de solicitudes, unha segunda de selección de propostas, unha terceira de presentación de obras seleccionadas e unha cuarta de concesión das bolsas.  

 As persoas interesadas en participar poderán inscribirse, por vía electrónica, a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Deputación de Pontevedra,  desde o luns 12 ao 30 de abril.   

 Segundo explica o director do Museo Xosé Manuel Rey, “a promoción de actividades culturais, en xeral, e a das manifestacións artísticas, en particular, é un dos trazos que mellor representa a Deputación de Pontevedra ao longo da súa historia. Un dos fitos máis destacados deste labor de patrocinio é a concesión de axudas a creadoras e creadores noveis, documentadas xa na segunda metade do século XIX, desenvolvidas con criterios e formatos moi diversos ao longo do século XX e con continuidade e vixencia plena na actualidade. É por iso que, amparada nestes sólidos fundamentos, a Deputación de Pontevedra convoca o Certame de Artes Plásticas Novos Valores 2021”   

Proceso de selección 

 As persoas interesadas en tomar parte do certame deberán achegar a súa proposta técnica de obra a través da sede electrónica da Deputación de Pontevedra, entre o 10 e o 23 de maio incluíndo ata cinco fotografías da peza  e unha memoria desta que inclúa a ficha técnica (título, técnica, medidas, ano de realización) e a súa descrición, atendendo aos aspectos conceptuais, teóricos e metodolóxicos que permitan unha mellor comprensión da obra. Tamén é preciso presentar un dossier cos traballos desenvoltos pola autora ou autor, que permita coñecer a súa traxectoria artística, e tamén un escrito explicando a finalidade ou destino formativo para o cal se concorre á bolsa.  

 Unha vez revisadas polo Museo de Pontevedra as propostas presentadas, xunto coa súa documentación técnica xustificativa, convocarase ao xurado que examinará, valorará e seleccionará ata un máximo de 25 das propostas presentadas coas que se conformará a exposición Novos Valores 2021.  

 A mostra estará aberta ao público no  edificio Castelao do Museo de Pontevedra do 8 de xullo ao 12 de setembro de 2021 e, coas obras seleccionadas xa expostas, e con carácter previo á inauguración da mostra, o Xurado convocarase de novo para proceder á proposta das catro persoas merecedoras da adxudicación das bolsas. Na edición de 2020 foran 38 as persoas que participaran no certame. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario