21 de abr. de 2021

LABORAL

A CIG de Vigo chama á mobilización ante a situación límite  que atravesa o sector naval da comarca 

A central sindical anuncia a posta en marcha dunha campaña de  información e protestas 

O secretario comarcal da CIG-Vigo, Alberto Gonçalves, o responsábel do naval da federación de  Industria, César Rodríguez, e o secretario comarcal da CIG-Industria, Xulio Fernández,  compareceron hoxe en rolda de prensa - Foto: CIG

Infogauda / Vigo

 A Unión Comarcal da CIG de Vigo non está disposta a ficar impasíbel mentres o naval, a principal  sector industrial da bisbarra, esmorece, até o punto de que corre grave perigo de desaparición. Por  iso vén de anunciar a posta en marcha dunha campaña de información e de mobilización para que  os traballadores/as coñezan a situación real na que se atopa o sector e para demandar políticas  públicas que garantan a súa continuidade. 

 O secretario comarcal da CIG-Vigo, Alberto Gonçalves, o responsábel do naval da federación de  Industria, César Rodríguez, e o secretario comarcal da CIG-Industria, Xulio Fernández,  compareceron hoxe en rolda de prensa para ofrecer unha serie de datos que evidencian a grave crise na que se atopa inmerso o sector e para debullar os detalles dunha campaña que incluirá a  convocatoria dunha gran manifestación en maio. 

 Gonçalves lembrou que a CIG leva moito tempo alertando sobre a caída industrial que ameaza con  desertizar a base produtiva da bisbarra e incidiu en que “a perda de peso do sector é tan evidente  como preocupante”. Segundo indicou, só na cidade hai 5400 empregos industriais menos que en  2009, e no último ano destruíronse 2.500 postos de traballo na industria. 

 “Esta situación ten causas e tamén responsábeis, como é a falta dunha política industrial por parte  da Xunta de Galiza e do Goberno español. A inoperancia do Goberno galego, que ten plenas  competencias na industria, deixa o sector no desamparo e no total abandono. Isto ten que ver con  que o modelo do PP para o noso país é o monocultivo do Xacobeo e do sector servizos”, denunciou. 

 Fronte a isto, reiterou que “o futuro de Vigo e da súa área será industrial ou non será”. Polo que  considera que non se pode permanecer impasíbel ante ao retroceso do “verdadeiro pulmón  industrial” do noso país, que é a comarca viguesa. “Neste contexto adquire unha especial  importancia a situación límite que está a atravesar un sector fundamental para a bisbarra e  estratéxico para o país como é a construción e reparación naval”. 

 Asegurou que existe un risco real de que acabe desaparecendo “tal e como o coñecemos hoxe en  día; e falamos dunha actividade que chegou a representar arredor de 10.000 postos de traballo,  mentres que na actualidade non emprega nin a 2000 persoas”. Neste punto censurou a “brutal  campaña antinaval” que está a facer o PP dende a Autoridade Portuaria de Vigo, co obxectivo de  que un estaleiro centenario como Vulcano se converta nunha prolongación do peirao de contedores.  

 De igual xeito, o principal estaleiro do Estado español, Barreras, atravesa unha “gravísima  situación” tras os sucesivos fiascos de Pemex, “a pesar das promesas de Núñez Feijóo”, e da  operación de Ritz Carlton. “As gradas están paralizadas e o persoal das empresas auxiliares hai  semanas que está na casa; a empresa prescindiu días atrás de 50 traballadores/as eventuais e os pouco máis de 100 empregados/as que quedan indefinidos/as non teñen carga de traballo”. Po iso  incide en que o sector se atopa nunha situación crítica, “nun punto de inflexión no que se está a  xogar a súa supervivencia”.  

Asembleas e mobilizacións 

 Fronte a isto, a central sindical aposta pola celebración de asembleas de delegados/as para analizar e informar sobre a situación real na que se atopa o sector, así como pola convocatoria dunha gran  manifestación comarcal a mediados do mes de maio. “Non podemos asistir como meros  espectadores/as ao enterro do naval, porque unha das nosas funcións como sindicato é forzar a quen ten responsabilidades a que actúe”, sinalou Gonçalves. 

 O responsábel sindical entende que é o momento de esixir dos Gobernos español e galego  actuacións reais na defensa do sector que garantan a continuidade da actividade e do emprego,  “porque a crise que padece na actualidade é máis dura aínda que a do tax lease; por iso hai que saír  a pelexar con unllas e dentes polo naval e pola reactivación do sector industrial”. 

 Para iso apelou ao resto de centrais sindicais e ao conxunto da cidadanía, “porque é o momento de  dar unha resposta contundente e unitaria”. Ao mesmo tempo, criticou o papel que está a xogar o  Concello de Vigo, ao que acusou de agocharse tras un “silencio clamoroso”.  

 Finalmente, censurou o comportamento da UGT, sindicato que ostenta a maioría no comité de  Barreras, como no seu día se criticou dende a CIG a central maioritaria na antiga Vulcano, CCOO.  “Parécenos inaceptábel que non só estean a miralas vir, senón que ademais son cómplices do que  está a acontecer co seu carácter obstrucionista e a súa actitude desmobilizadora”.  

 Pola súa banda, o responsábel do naval da CIG-Industria de Vigo, César Rodríguez, fixo fincapé en  que “se hoxe estamos aquí a falar do naval é porque a loita dos traballadores/as e da veciñanza foi  quen de lograr que o sector se mantivera a pesar dos intentos da Unión Europea por desmantelalo  dende os anos 80”. 

 Segundo lamentou, a situación actual é mesmo peor, “porque si que están conseguindo levar a cabo  ese desmantelamento programado, a pesar de que daquela tamén caera un estaleiro”. En  consecuencia, considera que o naval estase a xogar o seu futuro: non se sabe se os terreos de  Vulcano volverán a acoller un estaleiro e Barreras corre serio risco de ir á liquidación. 

 En canto ao valor estratéxico do naval, lembrou que foi un dos sectores principais na introdución da industrialización en Galiza e que a finais dos 70, anos antes da reconversión naval, esta industria  representaba no noso país o 40% do emprego no sector do conxunto do Estado español.

Ningún comentario:

Publicar un comentario