Ecodesarrollo Gaia leva educación ambiental a Senegal
Guillermo Fernández-Obanza* / A Coruña
A ONG coruñesa Ecodesarrollo Gaia organiza un curso formativo no medio Ambiente e Sustentabilidade que terá lugar na Escola Coruña, situada na localidade senegalesa de Yoff-Tonghor. O curso irá dirixido ao alumnado e profesorado da devandita escola, así como a un grupo de tradutores e tradutoras castelán-wolof co que conta a ONG e que facilita a realización de actividades na localidade senegalesa.
O curso abordará as problemáticas ambientais existentes en África, incluirá vocabulario ambiental e sensibilizará acerca destas cuestións ao persoal escolar e á cidadanía. Con esta formación preténdese xerar sensibilidade e cultura relativa ao medio ambiente e á sustentabilidade, formando a formadores e formadoras en materia de educación ambiental infantil e xuvenil en Senegal.
Ademais, estes cursos permitirán que as e os novos tradutores senegaleses incorporen ao seu léxico o vocabulario ambiental, incrementando así os seus instrumentos para a tradución nesta materia. A formación permitirá tamén activar a sensibilización ambiental no sistema educativo da localidade senegalesa de Yoff- Tonghor.
Os módulos dos que consta o curso serán estudados polo alumnado de Senegal, co que se manterán varias reunións telemáticas de traballo desde Galicia, que permitirán resolver dúbidas, expor ideas e proxectos. O curso finalizará con clases presenciais durante a realización do proxecto Coruña Cura en Senegal, previsiblemente no mes de novembro, cando se realizará a avaliación e entrega de diplomas de participación.
O curso abordará a realidade ambiental africana desde todas as súas perspectivas, facendo referencia ao impacto colonial e neocolonial, ás problemáticas de xénero, as responsabilidades públicas e a responsabilidade cidadá e persoal na asunción e xestión das cuestións ambientais.
O primeiro módulo, recentemente enviado a Senegal, consta de cinco cadernos pequenos que falan dos residuos líquidos e sólidos urbanos, o impacto específico dos residuos plásticos, a educación ambiental e un glosario de palabras relacionadas con estas cuestións.
Posteriormente, enviaranse módulos relativos ao cambio climático e o seu impacto específico en África, así como á problemática xeral do medio ambiente africano, dotados todos eles de cadernos pequenos sobre educación ambiental e glosarios específicos.
* Coordinador de Ecodesarrollo Gaia
Ningún comentario:
Publicar un comentario