O AECT Rio Miño cualifica de "escándalo" o "caos" sufrido onte polas persoas traballadoras na fronteira con Portugal
O vicedirector, Uxío Benítez, critica que se repitan problemas loxísticos no control do paso de Tui: "Isto sobrepasa o definible"
As "colas" quilométricas no paso fronteirizo de Tui-Valença do Minho evidenciaron un verdadeiro caos - Foto: D.PO.
Infogauda / Tui
"O acontecido hoxe [por onte martes día 20 de abril] na fronteira con Portugal foi un caos e un escándalo". Así definiu o vicedirector do AECT Río Miño, Uxío Benítez, as mais de dúas horas de espera e as colas quilométricas –ata Guillarei– que tiveron que sufrir as persoas traballadoras para pasar o control do paso de Tui a Portugal na mañá de onte.
Benítez destacou que é inasumible que despois de meses coas fronteiras pechadas se volvan repetir problemas loxísticos nos puntos de control fronteirizo "igual que se estiveramos no primeiro día do confinamento, sen ter coñecemento e medios para os problemas de saturación". "Isto sobrepasa o definible e ten que haber solucións e compensacións aseguradas", destacou.
O vicedirector do AECT insiste en que chove sobre mollado unha vez máis, e que a situación vivida onte vén "quentar máis o ambiente" tras o anuncio hai uns días de que a fronteira vai estar pechada outros 15 días máis.
Explicou, de feito, que foron centos de persoas afectadas as que se puxeron en contacto co Agrupamento e cos concellos fronteirizos para, unha vez máis, deixarlles constancia do seu enfado pola situación e o dano económico e social que está a causarlles o feche da fronteira no Miño, agora máis aínda cando se está a reabrir e a reactivar a economía en todas e cada unha das localidades tanto galegas como lusas.
Antes de coñecer a situación acontecida hoxe, na tarde de onte luns o Consello de Coordinación do AECT Río Miño aprobou o texto da moción que aprobarán en Pleno os 16 concellos e cámaras da raia sobre a situación da fronteira.
Nestas mocións os gobernos locais insisten na conclusión do estudo do impacto socioeconómico encargado polo AECT Río Miño á Universidade de Vigo, que é que o primeiro confinamento e o peche da fronteira entre Pontevedra e Portugal na primeira vaga da pandemia, entre o 17 de marzo e o 30 de xuño de 2020, provocou unha caída do Produto Interior Bruto de máis de oitenta millóns de euros nos 26 concellos do territorio transfronteirizo do Miño. Destacan que a caída derivada do efecto fronteira no comercio foi dun 14,18 % sobre o efecto do confinamento, e na hostalaría e restauración foi dun 16,53 %.O prexuízo económico do actual peche será aínda moito maior.
Ante isto, as corporacións pedirán ás autoridades estatais, rexionais e autonómicas dos estados español e portugués medidas de compensación polo prexuízo económico, impulsando medidas dirixidas especificamente á recuperación socio económica da fronteira do rio Miño procedentes do Plan europeo de recuperación Pos-COVID (NEXT EU), así como do Marco Financeiro Europeo 2021-2027.
Tamén esixirán a integración inmediata das persoas traballadoras transfronteirizas como beneficiarias dos mecanismos socioeconómicos aprobados polos gobernos de Portugal e España para afrontar o impacto da pandemia causada polo COVID-19 e que as empresas prexudicadas polos peches fronteirizos sexan igualmente elixibles nos seus propios mecanismos de recuperación.
Reclamarán, así mesmo, diante dos gobernos de Portugal e España, así como diante do Goberno galego a creación da tarxeta cidadá transfronteiriza que poida ser esencial para a convivencia social e para a economía destas rexións fronteirizas, e esixirán a posta en marcha dun Investimento Territorial Integrado de carácter Transfronteirizo (ITI) concertada entre ambos países e dotada financeiramente con cargo a fondos europeos.
Estes acordos nos concellos e cámaras serán trasladados aos presidentes dos gobernos portugués e español, presidente da Xunta de Galicia e da Comissao de Coordenaçao e Desenvolvimento Rexional do Norte, comisaria europea de cohesión, presidenta da Comisión Europea, presidente do Comité das Rexións, Grupos parlamentarios europeos, do Congreso e Senado español e da Assembleia da República Portuguesa.
Ningún comentario:
Publicar un comentario