EMILIO ALONSO FREIRÍA CUMPLIU 100 ANOS
· E recibiu os parabéns do alcalde e da tenente de alcalde do Concello de A Guarda
Ricardo Rodríguez Vicente / A Guarda
No día de hoxe, noso conveciño Emilio Alonso Freiría, cumpliu 100 anos, ocasión propicia para receber os parabéns dos seus familiares, así como os do alcalde de A Guarda e da tenente de alcalde, Antonio Lomba Baz e Mª Montserrat Magallanes Álvarez, respectivamente, que en nome propio, do concello e de toda á veciñanza visitárono no seu fogar e fixéronlle entrega dunha tarta cos correspondentes díxitos de un século de activa e prolífica existencia.
Emilio Alonso Freiría, coñecido popularmente polo seu segundo apelido, é miñorano de nacemento, concretamente da parroquia de Panxón, no concello de Nigrán onde residiu ata súa mocidade. Alí traballou no agro, nunha zapatería - segundo nos referiu nos anos 70 do pasado século un emprendedor veciño seu, co cal conversamos no seu establecemento, situado preto do paseo marítimo de Panxón - e tamén de carpinteiro.
Asemade, desempeñou seu labor como administrativo dunha conserveira e tamén como secretario da confraría de pescadores.
Mozo inquedo, na súa etapa de servizo militar, formou parte da banda de música do seu rexemento.
Tamén foi co-fundador do club de fútbol Dunas, de Nigrán, do cal foi seu primeiro secretario.
Na súa mocidade, participou nun grupo de afeccionados ao teatro, e mesmo creou unha rondalla mixta de instrumentos de corda, na que el tocaba o violín.
Chegado á vila de A Guarda, Freiría desempeñou seu cometido profesional como oficial do Xulgado de Distrito - que posteriormente coa Ley 38/1988, de 28 de diciembre, de Demarcación y de Planta Judicial, quedaría limitado a Xulgado de Paz -, colaborando activamente no ámeto social. Dese xeito, lembrámolo -cando este cronista era alumno do Colexio PP. Somascos -, como membro da Asociación de Cabezas de Familia, da que foi secretario.
Naqueles tempos tamén foi director do Recreo Artístico Guardés ao longo de 7 anos. E sendo Alfonso Martínez Peniza, presidente desa sociedade, e Freiría formaba parte da xunta directiva, foi cando o Recreo deixou súa peregrinaxe polas diferentes ubicacións precedentes (nas rúas José Antonio, Vicente Sobrino, Concepción Arenal,...- e pasou a contar con sede en propiedade, na rúa Puerto Rico.
O legado de Freiría na vila de A Guarda e moi amplo, e probablemente sen nós pretendelo, poida que omitamos involuntariamente moitas das actividades nas que participou. En todo caso, sabemos que formou parte de comisións das Festas do Monte Santa Trega, foi co-organizador de festivais benéficos, e logo de xubilarse, promoveu á creación de Club de Pensionistas e Xubilados de A Guarda, sendo presidente desa entidade ao longo de varios anos.
Por se todo iso non fose suficiente, a Freiría lembrámolo como secretario do Club Ciclista Rosal, nos primeiros anos de Gerardo Álvarez Martínez, como presidente desa entidade deportiva.
Freiría ten sido un home creativo. Froito desa faceta artística súa, sabemos das súas dotes como caricaturista, debuxante e pintor, sendo autor de numerosas obras realizadas a lapis, pluma, óleo,..., habendo colaborado en diferentes edicións do libro-programa das Festas do Monte Santa Trega, non soio como debuxante, senón tamén con artigos da súa autoría, facendo gala dun fino sentido do humor e tamén dunha persoal ironía. É probablemente, a día de hoxe, o colaborador máis veterano da devandita publicación.
Freiría tamén exerceu como correspondente de FARO DE VIGO e tamén de El Pueblo Gallego, entre outros xornais, así como da revista Miñor, de Buenos Aires, da que foi nomeado Correspondente Honorario, séndolle concedida a medalla de ouro desa publicación.
Tamén colaborou noutras publicacións de festas da comarca do Baixo Miño, así como no boletín da Agrupación Cultural Guardesa e no da asociación Érguete Baixo Miño.
En 1999, a Agrupación Cultural Guardesa adicoulle a Emilio Alonso Freiría o Día das Letras Galegas na nosa localidade, motivo polo cal foi merecidamente homenaxeado no seu pobo de adopción.
Freiría é autor de tres libros inéditos: "En estrados. Audiencias jocosas"; "De paseo por A Guarda. Visión romántica y apasionada del paisaje"; e "Cajón de sastre", recopilación de parte da súa producción literaria, que conta con un prólodo da autoría de súa neta Eva Vicente Alonso.
Emilio Alonso Freiría, guardés de lei e de corazón, é un exemplo de persoa que ao longo da súa vida ten feito unha xenerosa achega á comunidade guardesa.
Por iso, no día de hoxe, queremos sumarnos aos parabéns que ten recibido, porque realmente é merecedor diso e moito máis.
Ad multos annos.
Ningún comentario:
Publicar un comentario