21 de abr. de 2021

LABORAL

Segundo denuncia a federación de Industria da CIG

CCOO e UGT consuman unha nova traizón á clase  traballadora e pactan un convenio do metal pontevedrés  que empeora a proposta patronal  ” 

Aceptan que se pague o plus de eventualidade a final de contrato e  reducen o incremento salarial 

Infogauda / Vigo

 “A pouco máis dun día de que se fixese efectiva a convocatoria dunha xornada de folga no sector do metal da provincia de Pontevedra, CCOO e UGT volven consumar unha nova traizón á clase traballadora ao  pactar un convenio colectivo que incluso empeora a última proposta achegada pola patronal. O  preacordo, que foi cociñado antes da xuntanza celebrada esta tarde entre o empresariado e a  representación sindical, inclúe que o complemento de eventualidade se pague ao final do contrato e  contempla unha redución do aumento salarial que figuraba na última proposta”.  Esa é a valoración crítica feita pola CIG.

 Dende a federación de Industria da CIG denuncian que “o preacordo que veñen de asinar os sindicatos estatais e as patronais Asime, Atra e Instalectra xa estaba pactado antes de celebrarse a reunión” deste martes día 20 de abril no hotel Coia de Vigo, na que tamén estivo presente a CIG. “Xa antes da reunión CCOO anuncioulle o  acordo aos seus delegados/as, nos mesmos termos que a proposta que asinaron”.  

 E iso a pesar de que na mañá de onte [luns día 19 de abril] os tres sindicatos mantiveron unha xuntanza “para preparar a  xornada de folga prevista para este xoves día 22”, ademais de abordar a posibilidade de convocar novos paros os días 4 e 6 de maio. “Unha vez máis está claro que todo foi un paripé, algo ao que  desgraciadamente xa nos teñen acostumados/a”. Por iso dende a CIG apelan á necesidade de que a  correlación de forzas nas empresas varíe cando se celebren as eleccións sindicais, “porque é o único xeito de que isto non volva a suceder”. 

 En canto ao contido do acordo, dende a central sindical sinalan que “inclúe unhas das principais aspiracións da patronal, que os sindicatos colocaron como unha das liñas vermellas da negociación: o  pago da cláusula de eventualidade ao final, o que na práctica vai supoñer que a maioría dos  traballadores/as eventuais non a van cobrar, porque as empresas obríganos/as a renunciar a ela se queren volver a ser contratados/as”. 

 No que ten que ver co aumento salarial, pactaron un 0,5% en 2020 (sen o pago de atrasos) e un 1,75% en  2021 e 2022. Dende a CIG indican que a última proposta da patronal, cando se falaba dun convenio de dous anos de duración, contemplaba unha suba salarial maior a cambio de pagar o complemento de  eventualidade ao final do contrato: un 0,5% en 2020 e un 2% en 2021. “Polo tanto, o que asinaron  empeora a proposta anterior”. 

 Lembran que as centrais sindicais optaran por negociar un convenio de transición, para o que renunciaron ás súas plataformas e consensuaron unha serie de cuestións que deberan ser irrenunciábeis, entre elas o  pago do plus de eventualidade mes a mes. “Pero a patronal non renunciou á súa plataforma, e vén de  conseguir unha das súas principais reclamacións”. En consecuencia, na CIG amosan a súa preocupación polo que pode suceder en 2023, cando se negocie a renovación do convenio. “O empresariado volverá á  carga para introducir de novo as ETT no sector -outra das súas aspiracións- porque a súa avaricia non ten límite, e está claro que os sindicatos estatais cederán unha vez máis a cambio de nada”.

Ningún comentario:

Publicar un comentario