6 de mar. de 2021

PONTEVEDRA

A DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA ABRE ESTE LUNS A PREINSCRICIÓN EN LIÑA PARA A ‘FACULTADE ÁGORA’   

A formalización das prazas realizarase en dúas fases a través na nova páxina web redeagora.gal, que aspira a ser referencia para o traballo de recuperación do espazo público   

Os Concellos Ágora terán dereito a tres prazas con matrícula gratuíta e haberá bonificacións para as persoas colexiadas

  


Infogauda / Pontevedra

 A Deputación de Pontevedra abrirá este luns a preinscrición en liña para a Facultade Ágora, a iniciativa de formación impulsada polo departamento de Mobilidade destinada a persoal político e técnico da provincia para ampliar coñecementos sobre como  recuperar espazo público e crear cidades e vilas amables para aumentar a calidade de vida da veciñanza da provincia. 

 A inscrición na Facultade Ágora formalizarase en dúas fases: preinscrición e matrícula, que poderá efectuarse unha vez recibida a confirmación da admisión, que será notificada por correo electrónico. O prazo de preinscrición abrirase o 8 de marzo ás oito da mañá e manterase ata o 22 de marzo ás 24 horas. O prazo de matrícula irá desde o 29 de marzo ás 8h. ata o 8 de abril  ás 24h.  

 A Facultade Ágora está aberta a calquera persoa interesada ata esgotar prazas e a resolución de solicitudes resolverase atendendo a varios criterios. No caso do persoal dos Concellos Ágora, haberá ata tresprazas reservadas con matrícula gratuíta, sendo indispensable que unha delas sexa ocupada por un ou unha responsable política do concello. O resto de solicitudes resolveranse por orde de inscrición ata esgotar prazas, con acceso preferente para as persoas ou entidades domiciliadas na provincia de Pontevedra. O prezo da matrícula xeral é de 400 euros e da matrícula reducida de 300, podendo acceder a este desconto as persoas colexiadas no Colexio de Enxeñería (CICCP), Colexio de Enxeñería Técnica de Obras Públicas. Galicia (CITOP), Colexio Oficial de Arquitectura de Galicia (COAG), e Colexio Oficial de Arquitectura Técnica de Pontevedra (COAATPO).  

 O obxectivo da Facultade Ágora é que a formación que ofrecerá teña unha gran capacidade transformadora na realidade da provincia e que os proxectos de reforma urbana de vilas e cidade redactados polos futuros ‘técnicos e técnicas Ágora’ –título que se acreditará no curso- cumplan criterios de calidade e de mobilidade natural, poñendo sempre ás persoas no centro de cada deseño.  O curso de 2021 comezará o 9 de abril e prolongarase ata o mes de novembro, repartido en 4 módulos e 12 seminarios; a matrícula comezará o 8 de marzo e pecharase o 8 de abril; estará dirixido fundamentalmente a persoas da política, o ámbito técnico, policía, pedagoxía, paisaxe ou medio ambiente, entre outros ámbitos.   

 A estrututura de cada sesión (bisemanal os venres) será dunha primeira parte de conferencias maxistrais, unha segunda de exemplos de boas prácticas para contrastar a teoría coa visión local, e unha terceira parte de debate entre profesorado e alumnado.   

 Algunhas das persoas xa confirmadas para o profesorado son Zaida Muxi, coñecida pola súa experiencia en cuestións de espazo e xénero; Francesco Tonucci, pedagogo fundador da Cidade dos Nenos’;  María Ángeles Durán, Catredrática e investigadora do CSIC; o arquitecto José Fariña autor dun blog sobre pedagoxía, urbanismo e territorio; Rubén Lois, doutor en Xeografía da USC; Izaskun Chinchilla, autora de ‘La ciudad de los cuidados’; José María Ezquiaga, Premio Nacional de Arquitectura; Marta Román, experta en proxectos de mobilidade infantil e consultora en Gea21; Salvador Rueda, Director da Axencia de Eoloxía Urbana de Barcelona; e Alfonso Sanz, autor de ‘Calmar el tráfico’, entre outros.  

Nova web 

 A preinscrición da matrícula terá que formalizarse en liña a través da nova páxina web do proxecto Ágora redeagora.gal, que está xa en funcionamento. Esta páxina pretende ser unha referencia para as persoas interesadas na recuperación do espazo público e de maneira progresiva vai incorporar contidos, tanto en relación ás clases da Facultade Ágora, como a proxectos que se consideran exemplares e cumplen os criterios do decálogo Ágora. 

 Na súa páxina de inicio a web amosa vídeos e documentos sobre o espazo público, e ten apartados referidos aos Principios Ágora, aos concellos adheridos á rede provincial, á actualidade e noticias, e á Facultade Ágora, entre outros.   

 A secretaria técnica da Rede de Cidades que Camiñan e responsable do desenvolvemento, Ana Montalbán, subliñou que “o noso obxectivo foi facer unha páxina funcional e de uso sinxelo onde calquera persoa interesada poida acceder de maneira clara á información sobre a Facultade e á Rede Ágora. Pretendemos ofrecer unha plataforma de difusión e apoio permanente ás persoas matriculadas na Facultade”.

Ningún comentario:

Publicar un comentario