1 de mar. de 2021

OPINIÓN

SEN COIDADOS NON HAI VIDA: MULLERES EN FOLGA: ESENCIAIS, PRECARIZADAS E FARTAS!!!

 


 
Galegas 8M 

 Perante as últimas declaracións feitas pola ministra española de sanidade, cuestionando a posibilidade de que o feminismo poda ocupar as rúas do estado neste 8 de marzo e ante a repercusión mediática ocasionada polas mesmas, galegas8m, como a  plataforma que mobiliza as mulleres galegas cada 8 de marzo en clave galega, diversa, inclusiva e horizontal, queremos deixar constancia de que temos a firme intención de ocupar o espazo público nas vilas, cidades e aldeas galegas, como sempre fixemos. Porque os nosos dereitos non poden ficar confinados e urxe, agora, mais que nunca, saír a rúa para esixir medidas reais pola igualdade de dereitos. 

 Dende a plataforma Galegas8M estamos a preparar un novo 8 de marzo galego e inclusivo. Unha decena de vilas e comarcas levan meses celebrando asembleas para garantir unha xornada de folga de 24 horas  de mulleres e mobilizacións locais, baixo o lema SEN COIDADOS NON HAI VIDA: MULLERES EN FOLGA: ESENCIAIS, PRECARIZADAS E FARTAS!!! 

 No caso da cidade de Vigo, có fin de garantir a seguridade, mudamos o noso itinerario, saíndo desde a praza dos cabalos e percorrendo a Gran Vía ate a praza de América, escollemos espazos amplos que posibiliten a distancia social e organizamos unha marcha en columnas de mulleres. 

 Por outra banda, este ano, para evitar a difusión masiva de aerosois, facemos un chamamento para que a manifestación se transforme nunha treboada. Usaremos o noso corpo e utensilios e non a nosa voz para facer tremer a cidade e elevar as nosas reivindicacións e o son do feminismo a cada recuncho. 

 Así mesmo, aclarar que se fixo en tempo e forma a comunicación má subdelegación do goberno, obtendo resposta desde organismo sen delitimar a ocupación de espazos e persoas asistentes. 

 As mulleres estivemos na primeira liña contra o coronavirus, traballando arreo nos hospitais, nos xeriátricos, nos servizos de limpeza, nas caixas do supermercado, nos centros educativos..., de xeito natural, asumimos o noso rol de coidado, incluso con un detrimento nas nosas condicións laborais, de saúde e, en xeral, de vida. 

 Esenciais, precarizadas e fartas, as mulleres recibimos o enorme impacto da pandemia e é por isto que somos conscientes de que é máis necesario que nunca ocupar o espazo público, facer visible o invisible e reivindicar os coidados no centro. 

 Non vamos a asumir que se nos culpabilice socialmente por reivindicar os nosos dereitos, xusto nun momento no que a situación está sendo limite económica, social, familiar, mental e laboralmente para moitas de nós. Xusto nun momento no que somos vítimas de unha violencia estrutural de xénero que se ampara na nosa voluntariedade para cubrir servizos esencias, traballos que aínda hoxe seguen sendo invisibles e, por tanto, non valorados.   

 É por iso que reafirmamos a nosa intención  de facer tremer Galiza.  

 As mulleres somos responsables e temos a forza para conquistar ese mundo, tamén noso, que soñamos xusto e igualitario. Avanzamos para acadalo desde a insubmisión, a rebeldía e a loita!! 

 Abaixo o patriarcado capitalista e colonial! 

(R.)

Ningún comentario:

Publicar un comentario