22 de mar. de 2021

MOBILIDADE TRANSFRONTEIRIZA

MULLER E CON TRABALLO NA INDUSTRIA, PERFIL MAIORITARIO DAS PERSOAS AFECTADAS POLO PECHE DA FRONTEIRA CON PORTUGAL      

O AECT Río Miño vén de analizar de forma estatística os datos recabados ata 18 de marzo no rexistro de persoas prexudicadas   

O 76% das e dos reclamantes son de orixe galega, un 62% son mulleres e o 50% traballa no sector industrial  

Paula María, unha das persoas participantes no documental ‘Confinados no Río Miño’ no que se fala dos problemas causados polo peche da fronteira ás persoas traballadoras do territorio miñoto - Fonte: D.PO.
 

Infogauda / O Baixo Miño

 Muller e con traballao na industria. Ese é o perfil maioritario das persoas do Miño transfronteirizo afectadas polo peche da fronteira con Portugal segundo o análise realizado polo AECT Río Miño sobre o seu rexistro de persoas prexudicadas. A mostra, que estudou os datos achegados voluntariamente entre o 2 e o 18 de marzo, preséntase como representativa da situación pola que está a pasar a xeralidade de traballadoras e traballadores transfronteirizos no territorio.  

 Un dos datos estatísticos máis relevantes é a diferencia significativa con respecto ao xénero das persoas rexistradas, xa que un 62% son mulleres e un 37% son homes. Isto podo explicarse por dúas causas: unha maior decisión á hora de rexistrarse e reclamar os seus dereitos, prexudicados polo peche das pontes; ou ben, o feito de  que a man de obra transfronteiriza, especificamente, entre o Baixo Miño e o Alto Minho, ten unha maioría de xénero feminino. En todo caso, esta poboación foi a máis prexudicada porque a ponte entre Tomiño e Vila Nova de Cerveira, sendo a quinta ponte en mobilidade entre España e Portugal, con 5.812 vehículos medios diarios, foi a única que, por non abrires, deixou incomunicados a dous concellos.   

 No relativo á procedencia por sector económico a análise dos datos leva a apreciar que o sector industrial é o que ocupa a un maior número de persoas (50%). En menor medida, están as persoas ocupadas do sector servizos, no comercio e, finalmente, na administración e servicios públicos.  

 En consideración ao prexuízo provocado, e dentro da lista de causas alegadas, o máis  comunicado é o grave aumento de distancia e tempo, no percorrido entre a residencia dos afectados ao seu traballo e viceversa. O peche da ponte internacional, que obriga ao desvío da rota, así como a agarda para cruzar os controis, fan deste factor o máis salientable no prexuízo ás persoas traballadoras transfronteirizas.  

 En segundo lugar, o 25.29% dos afectados acusan un incremento notable no custo dos seus desprazamentos, algo compatible coa primeira das causas presentadas. En terceiro lugar, un 12.94% das persoas comunican que a situación impediulles, de facto, poder cruzar a fronteira para desprazarse ao seu posto de traballo.  

 Por último, o 1,76% da mostra alegou un prexuízo puramente económico, derivado da diminución do número de clientes procedentes da outra marxe. Este caso é moi común, aínda que non o é nesta lista, dado que o prexuízo para moitos negocios de ambas as dúas beiras do Miño depende dos clientes dos dous países. Neste caso, a mobilidade que condiciona a actividade económica non é a do traballador, senón a dos clientes.  

UN RETROCESO PARA O TERRITORIO DO RÍO MIÑO TRANSFRONTEIRIZO

 O análise do rexistro, así, desvela novamente que o restablecemento da fronteira entre os dous Estados ibéricos, acordado a partir do 31 de xaneiro de 2021, supuxo un retroceso, a todos os efectos, para o territorio do río Miño transfronteirizo, singularmente nas limitacións sociais e económicas.  

 Dentro do dano causado por unha decisión política refréndase que un dos conxuntos máis prexudicados é o das e dos traballadores transfronteirizos, persoas que, con independencia da súa nacionalidade, residen nun país e traballan noutro. Ademais de salientar os custes económicos e de tempo boa parte das persoas rexistradas mencionaron tamén o “cansazo físico e psicolóxico” que lles produce esta situación.  

 O formulario aínda se pode cubrir en liña na web smartminho.eu cos datos sobre o tipo de prexuízo sufrido: perdas de tempo, aumento de custes de viaxe ou redución de clientela. A intención é que estes datos poidan servir de base para reclamar compensacións para o territorio, para o que serán remitidas ás administracións competentes na materia.   

 O peche da fronteria con Portugal, decretado o 31 de xaneiro deste ano, seguirá en vigor alomentos ata despois do 5 de abril. Mentres unicamente estará aberto 24 horas o paso de Tui e os de Arbo e Salvaterra seis horas diarias (tres de mañá e tres de tarde), e só para persoas con necesidade acreditada para cruzar a raia.

Ningún comentario:

Publicar un comentario