23 de mar. de 2021

LABORAL

A CIG urxe os Gobernos español e galego a unha intervención pública directa ante a crise do estaleiro Barreras 

Anuncia unha campaña para demandar solucións que garantan o futuro dun sector fundamental para Vigo e estratéxico para o país 

 

Infogauda / Vigo

 A CIG de Vigo trasladou hoxe publicamente a súa “enorme preocupación” pola “grave situación” que se está a vivir no estaleiro Barreras, ante a que urxe os Gobernos español e galego a unha intervención pública directa na empresa para garantir o futuro do naval. Ao mesmo tempo, anuncia a posta en marcha dunha campaña para demandar solucións para un sector fundamental para a comarca e estratéxico para o conxunto do país. 

 O secretario comarcal da CIG-Vigo, Alberto Gonçalves, denunciou que despois de que o cruceiro 'Evrima' abandonase as instalacións de Barreras camiño de Santander para afrontar a última fase do proceso de construción, os traballadores/as atópanse sen carga de traballo e o persoal das empresas auxiliares xa abandonou o estaleiro. “Estanse a confirmar os peores presaxios, verificando que a opaca operación de cambio de propiedade e de dirección da compañía promovida por Ritz Carlton era unha saída en falso”. 

 Neste senso, sinala que tras rematar o preconcurso de acredores o estaleiro atópase novamente nunha disxuntiva que ameaza o seu futuro, “xa que a día de hoxe non hai ningún proxecto real en carteira, ningún novo pedido á vista; nin garantía de carga de traballo, polo tanto tampouco para o emprego directo e indirecto que xera Barreras”. 

 Gonçalves fai fincapé en que a situación do estaleiro é de vital importancia tendo en conta o papel que xoga no conxunto do sector naval da Ría de Vigo. “Por iso non podemos permitir que corra a mesma sorte que Vulcano; hai que garantir a súa continuidade para blindar o futuro do naval na cidade, como sector fundamental na industria da nosa comarca”. 

Actuación urxente 

 Mais considera que a solución non pode seguir sendo inxectar “millóns e millóns de euros” en forma de avais ou financiamento, “xa que ao final non garanten a actividade nin serven para forzar a Barreras a cumprir coas súas obrigas coa industrial auxiliar e co seu persoal”. 

 Por iso, dende a CIG reclámanlle á Xunta de Galiza e ao Goberno español “que non miren cara a outro lado” e ínstanos a actuar de maneira urxente. “Diante das incertezas e da falta de seriedade do proxecto empresarial é o momento dunha intervención pública directa que asegure o futuro do estaleiro”. Entenden que a necesidade desta intervención faise máis evidente ca nunca ante o “desleixo total” do capital privado e a súa “nefasta xestión”, “polo que o futuro do naval de Vigo esixe poñer en marcha un estaleiro público ou semipúblico”. 

 En consecuencia, anuncian a posta en marcha dunha campaña de información, denuncia e reivindicación que incluirá unha axenda mobilizadora, “dende o convencemento de que non podemos ficar quietos/as mentres a irresponsabilidade do empresario de turno e a deixadez das Administracións poña en xogo o futuro de todo un sector”. 

A CIG mobilízase contra o despedimento dunha candidata da central nas eleccións sindicais en Vapores Suardiaz 

Desenvolveu unha protesta diante das oficinas da empresa en Vigo para reclamar a readmisión da traballadora, con 15 anos de antigüidade

 

A FGAMT-CIG mobilizouse hoxe para denunciar o despedimento dunha traballadora de Vapores Suardiaz Norte - Foto: CIG

 

Infogauda / Vigo

 A FGAMT-CIG mobilizouse hoxe para denunciar o despedimento dunha traballadora de Vapores Suardiaz Norte tras 15 anos na empresa por presentarse como candidata da central ás eleccións sindicais. Un grupo de delegados/as desenvolveron unha concentración diante das oficinas da compañía de transportes en Vigo, onde se solidarizaron coa afectada e reclamaron a súa readmisión. 

 Desde a CIG refiren que o inicio deste caso de represión sindical remóntase ao verán de 2019, cando unha empregada de Suardiaz decide promover eleccións para escoller representación sindical na empresa por primeira vez. “A partir de entón a actitude da directora comigo mudou completamente”, explica a propia afectada. 

 Ademais, os responsábeis de recursos humanos da empresa mantiveron xuntanzas individuais con cada un/ha dos traballadores/as para comunicarlles que serían despedidos/as inmediatamente no caso de que optasen por votar pola candidata da CIG

 Con todo, a traballadora logrou empatar en apoios coa candidata de CCOO, a persoa encargada da limpeza da oficina, que curiosamente é a nai da directora. Como tiña máis antigüidade ca min na empresa resultou escollida delegada sindical”. 

 A partir de aí comeza unha persecución diaria contra a afectada, con "desprezos, ninguneos, desautorizacións públicas e retirada de responsabilidades". E chegando ao punto de que cando intentaba falar coa directora "respondíame que “esta conversación me resulta del todo inerte””. 

 Dende entón padeceu un acoso constante, que rematou co seu despido o pasado día 11 por supostamente terse ausentado da oficina sen dar explicacións. “Tamén din que non me desprazaba aos barcos, cando me comunicaran que deixara de facelo porque estaban formando a outra persoa para que se encargase”. 

 Obviamente, a CIG presentará unha demanda para reclamar a nulidade do despido por vulneración do dereito de liberdade sindical e esixir a inmediata readmisión dunha traballadora que en 15 anos da empresa nunca tivo ningún problema. “Durante todo este tempo non pasou nada e desenvolvín o meu traballo perfectamente, pero de súpeto todo cambiou cando me presentei ás eleccións”. A afectada está convencida de que a intención da empresa era despedila xa o ano pasado, pero como consecuencia da pandemia presentou un ERTE “e todo se demorou”. 

 Dende a CIG anuncian que seguirán a convocar mobilizacións para que este caso de represión sindical non quede impune e até lograr que a afectada sexa readmitida no seu posto de traballo.

Ningún comentario:

Publicar un comentario