O Museo de Pontevedra organiza o obradoiro 'Con J de Javiota, con J de José' en homenaxe ao fotógrafo José Suárez
A actividade está dirixida ao público infantil e realizarase na Semana Santa en catro quendas con grupos de catro participantes
Fotografía da serie ´Mariñeiros´, de José Suárez
Infogauda / Pontevedra
O Museo de Pontevedra suma unha nova iniciativa máis para complementar a exposición do fotógrafo José Suárez ‘1902-1974'. Nesta ocasión a actividade estará dixida á rapazada e consistirá nun obradoiro artístico mariñeiro titulado ‘Con J de Javiota, con J de José', atendendo a unha das súas imaxes máis incónicas na que un neno -do Morrazo- leva entra as súas mans un barco chamado Javiota.
Segundo explica o departamento de Educación do Museo, José Suárez, o máis internacional dos fotógrafos galegos, percorreu cámara en man boa parte do mundo, retratando e filmando personas e recunchos de Uruguai, Arxentina, Xapón, Castela a Mancha mais, sen embargo, foi a súa querida Galicia a protagonista das súas mellores capturas e os mariñeiros, redeiras e outras xentes do mar os seus modelos predilectos.
As e os destinatarios desta iniciativa serán nenas e nenos de 6 a 12 anos, que poderán participar en catro quendas independentes o 30 e o 31 de marzo ás 10h e 12h en grupos de catro participantes. A duración estimada será dunha hora e media.
O obradoiro, como de costume, iniciarase cun pequeno percorrido pola sala de exposicións durante o cal se achegará aos cativos a obra de José Suárez, poñendo o til sobre a importancia das súas fotografías para coñecer como era a vida na Galicia costeira ata fai non moito. Seguidamente, levarase a cabo a actividade central do obradoiro, que consiste en lixar e pintar a silueta dun barco de madeira que tamén poderá personalizarse co nome ou con algún outro motivo "e que poderán usar como placa para a porta dos seus cuartos, como calcapapeis ou para decorar sobre unha mesiña ou estante".
Segundo explica a equipa de Educación do Museo, escolleuse o barco como símbolo da Galicia mariñeira e porque o seu uso dará pé a falar dos diferentes tipos de embarcacións que se utilizan de xeito tradicional e dos labores relacionadas coa pesca e o mundo do mar.
Para participar será precisa inscrición previa debido ás restricións actuais derivadas da situación sanitaria. O número de prazas é limitado a catro participantes por quenda, polo que será necesario enviar un correo electrónico antes do día 23 a educacion.museo@depo.es.
Ningún comentario:
Publicar un comentario