23 de mar. de 2021

A GUARDA

Hoxe, na Guarda  

O Partido Popular reclama ao Goberno que dea marcha atrás na Lei de Cambio Climático que pon en risco a continuidade da industria do mar   

• Critican que altera a duración das concesións e deixa a porta aberta a que sexa un órgano consultivo quen outorgue ou denegue as prórrogas con total discrecionalidade. 

 

No acto desta mañá participaron o voceiro do grupo do PP na Deputación, Jorge Cubela, os deputados provinciais Alejandro Lorenzo, Elena Estévez e Miguel Domínguez, o voceiro do PP da Guarda, Roberto José Álvarez Carrero e concelleiros do Grupo Municipal do PP no concello de A Guarda

• Os populares defenderán o venres na Deputación de Pontevedra unha moción en defensa dos postos de traballo da industria galega. 

• Piden aos socialistas galegos que presionen para que o Goberno central retire ese punto da Lei e lamentan que o BNG diga unha cousa en Galicia e vote outra distinta en Madrid.   

Infogauda / A Guarda

 O Partido Popular de Pontevedra denunciou esta mañá que a Lei de Cambio Climático que o Goberno central está tramitando no Congreso pon en risco a continuidade de todo o sector mar-industria da provincia e, polo tanto, tamén dos concellos do Baixo Miño, xa que non só altera a duración das concesións, senón que tamén deixa a porta aberta a que sexa un órgano consultivo quen outorgue ou denegue as prórrogas con total discrecionalidade.  

 Foi na Guarda, nun acto no que participaron o voceiro do grupo do PP na Deputación, Jorge Cubela, os deputados provinciais Alejandro Lorenzo, Elena Estévez e Miguel Domínguez, e o voceiro do PP da Guarda, Roberto José Álvarez Carrero. Na vila guardesa visitaron unha das instalacións afectadas pola lei, acompañados por representantes dos sectores afectados.  

 Amosaron a súa preocupación por unha Lei que traerá consecuencias “terribles”, que afectará a todo o sector mar-industria e, polo tanto, repercutirá no mantemento de milleiros de empregos e investimentos. “É un problema de intencionalidade política, e polo tanto a solución é de vontade política”, sinalou Jorge Cubela, que pediu aos alcaldes e deputados socialistas que presionen para que o Goberno central retire ese punto da Lei. Ademais, lamentou que o BNG “diga unha cousa en Galicia e vote outra distinta en Madrid”. 

 Nesta liña, indicou que “co artigo 18 desta Lei, preto de 5.000 industrias galegas poden quedar desafiuzadas nun período de 5 a 12 anos. Estamos falando de que centos de familias galegas poden quedar sen traballo pola tramitación e aprobación desta Lei, e por iso o PP se posiciona como sempre na defensa dos postos de traballo nun sector clave para o PIB galego”.   

 Recordou que esta Lei afecta a todas as concesións que están en terreo marítimo-terrestre, é dicir, cocedoiros, depuradoras, bateas, industria de transformación, conserveiras... Por iso, anunciou que o grupo provincial defenderá este venres no pleno da Deputación de Pontevedra os milleiros de postos de traballo na industria galega e que o Goberno central elimine este artigo tan prexudicial para os intereses da costa.  

 Sobre isto tamén se referiu o deputado provincial da zona do Baixo Miño, Alejandro Lorenzo. “Quen non entenda que unha depuradora, unha fábrica de conservas ou un cocedoiro ou piscifactoría teñen que estar ao lado do mar é que non coñecen Galicia. Esta Lei amosa o descoñecemento absoluto que ten o Goberno central da nosa costa”.   

 Ademais, Lorenzo criticou que o Goberno central intente aprobar esta Lei “tan prexudicial” para o emprego e a economía galegas nun momento tan delicado como o actual. “Coa situación tan complicada que estamos vivindo e o que queda por chegar, isto é o que faltaba. En dous artigos estamos xogándonos o futuro de moitas empresas e emprego para a comarca e para a provincia”.  

 Por último, Roberto José A. Carrero recordou que na Guarda hai cetáreas afectadas por esta norma, pero tamén outras concesións administrativas e incluso hoteis, por iso amosou a súa “absoluta preocupación”. Así, lamentou que “non se tiveran en conta os intereses e as opinións do sector do mar”. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario