O CONCELLO EDITOU UN ALMANAQUE DE 2021
Os protagonistas principais do seu contido son as persoas que forman parte de moitas das asociacións culturais e deportivas de A Guarda
Ricardo Rodríguez Vicente / A Guarda
No día de hoxe vimos de receber de mans dunha compoñente da xunta directiva da Asociación Cultural Alfombras da Guarda, o almanaque deste 2021 que editou o Concello de A Guarda.
Cunha portada a toda cor, cuxa fotografía foi tirada desde as inmediacións da Ribeira, a carón do xardín onde está emprazado o Monumento ao mariñeiro desaparecido, obra do inspirado escultor Magín Xulio Picallo Durán, e como pano de fondo unha vista parcial do porto da nosa fermosa vila, presidido por un inmenso azul que irradia unha especial luminosidade ao barrio de pescadores; o almanaque conta cunha listaxe de teléfonos de interese para á cidadanía, os xenuinos destinatarios da publicación. Nesa listaxe, están, entre outros, os números de teléfono da Oficina Municipal de Turismo, Concello, Albergue de peregrinos, Centro Cultural, Museo Arqueolóxico do Monte Santa Trega, Piscina Municipal, Centro de Saúde,...
A continuación hai unha breve misiva que o alcalde Antonio Lomba Baz dirixe a toda á veciñanza, agradecendo o esforzo de todos "(...) durante o ano 2020, a solidariedade, o compromiso e a fortaleza que demostrastes, faime sentir orgullo de pertencer a este gran concello (...)".
Asemade, o alcalde anima "(...) a seguir actuando coa mesma cautela e prudencia que ata agora (...)" e desexa no seu nome e no da corporación "(...) que o ano 2021 veña ateigado de esperanza, prosperidade e saúde (...)".
Propiamente dito, o almanaque de 2021 comeza cunha potente imaxe dos compoñentes da Banda de Música da Agrupación Musical de A Guarda, tomada no Portiño Novo, en xullo de 2019, cando dentro do programa do XIV Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia, a artista María do Ceo compartiu escenario coa banda de música da que todos os guardeses estamos tan orgullosos.
A continuación, xunto a páxina correspondente ao mes de febreiro, ollamos as fotografías da Agrupación Coral Polifónica de A Guarda e do Grupo de Baile e Gaitas Do Lusco o Fusco.
A carón do mes de marzo figuran as fotografías da Asociación Arpegios Cantabile e da Coral do Club da 3ª Idade e Pensionistas de A Guarda.
Co mes de abril, hai catro fotografías, que corresponden ao Grupo de Gaitas da 3ª Idade; Asociación Studio 88; Agrupación Folclórica Vento Mareiro; e Grupo de Gaitas A Boalleira.
Xunto á páxina do mes de maio, hai unha fotografía que representa a Asociación Cultural Alfombras da Guarda.
Con xuño ollamos dúas fotografías. Unha correspondente a Asociación Cultural Grupo de Baile Xamaraina, e na outra está o Grupo de Acordeóns Mascarenhas.
No ecuador deste 2021, xunto ao mes de xullo hai tres fotografías: Club Deportivo San Xerome Emiliani; A Guarda Hockey Liña; e Asociación Cultural e Deportiva Albatros.
Agosto conta tamén con tres imaxes de entidades vencelladas ao deporte: Club de Baloncesto BMB; Club Deportivo Alagua; e Club de Remo Robaleira.
O mes de setembro ten como protagonistas aos compoñentes do Club de Judo Baixo Miño e o Club Deportivo Unión Guardesa.
Outubro conta cunha fotografía sen posado, na que ollamos un grupo de xogadoras do Club Balonmán Atlético Guardés.
O mes de novembro ten como protagonistas aos xogadores de todas as categorías do Club Sporting Guardés
E finalmente, o mes de decembro está ilustrado con tres fotografías: Club de Petanca O Caldeiro; Club Ciclista Insitu; e o volanteiro Piueiro, representando a Asociación Cultural de Embarcacións Tradicionais Piueiro, varios de cuxos membros están na Ribeira, xunto a embarcación.
En definitiva, no almanaque de 2021 que editou o Concello de A Guarda, están moitas entidades que "moven" a nosa localidade. Non están todas, pero ben é certo que as que están son moi representativas nos diferentes ámbitos das súas actividades.
A contraportada do almanaque leva o escudo - non adaptado a normativa heráldica en vigor - e o texto - na parte superior - Concello da Guarda, en na parte inferior, 2021.
O almanaque ten unhas dimensións de 33,2 x 24 cms.. Está impreso en cuatricomía, en papel estucado de gran cualidade. Ten os números dun tamaño axeitado, conta con santoral con nomes en galego e tamén en castelán, e ten sinalizado o Día das Letras Galegas - 17 de maio - e o Día Internacional contra a Violencia de Xénero - 25 de novembro -.
Trátase, en definitiva, dun traballo feito con agarimo, que amosa o mellor patrimonio de A Guarda: A súa xente.
Ningún comentario:
Publicar un comentario