23 de xan. de 2021

A GUARDA

Apoio rotundo ás reivindicacións da hostalaría guardesa 

A concentración tivo lugar na praza de Avelino Vicente que acolleu a todas as persoas que quixeron apoiar á hostalaría da Guarda

 

 


Infogauda / A Guarda 

 A plataforma “Hostalaría Guardesa” viuse sorprendida polo apoio á concentración que se realizou este sábado 23 ás 11:00 h na céntrica praza de Avelino Vicente, na Guarda. 

 Na concentración podían escoitarse frases como “Se fósemos banqueiros, rescatados os primeiros”, “se pechas os negocios por precaución, tes que acompañalos de indemnizacións”…, que amosaban o nivel de cansanzo e enfado da hostalaría ante a situación que está a vivir coas restriccións levadas a cabo pola Xunta de Galicia sen medidas económicas que as acompañe. 

 

 

 


 Durante o acto, leuse un manifesto no que se responsabilizaba á Xunta de Galicia da actual situación de desamparo no que está o sector e lle esixe solucións inmediatas para salvar os negocios e os postos de traballo que xeran. Tamén deixaron claro que a hostalaría galega, en xeral, e a guardesa, en particular, non pode ser a que pague o prezo daquel “salvemos o nadal”. 

 A “Plataforma Hostalaría Guardesa” entende que se hai que pechar, péchase, pero con indemnizacións directas polas perdas ocasionadas e que axuden a manter os hoteis, restaurantes e cafetarías mentres duren estas medidas restrictivas. 

 A actual situación de “peche encuberto” é insostible, sen dereito a ningún tipo de indemnización, pero sen practicamente posibilidade de poder traballar debido a que coas medidas tomadas case ningún local da Guarda é rendíbel telo aberto. 

 Dende “Plataforma Hostalaría Guardesa” queren agradecer as mostras de apoio do pobo da Guarda, que amosou unha actitude de responsabilidade e que en todo momento se respectaron as distancias sociais esixidas para este tipo de actos. Así mesmo, seguirán traballando e loitando para evitar a ruína duns negocios que xeran numerosos postos de traballo no concello.

Ningún comentario:

Publicar un comentario