16 de mar. de 2020

A GUARDA

O Concello da Guarda informa a cidadanía do seu funcionamento mentras dure o estado de alarma polo coronavirus COVID-19 


Informa: Concello de A Guarda 

 O Concello da Guarda ven de crear unha Comisión Municipal de Seguimento da evolución do COVID-19 formada polo alcalde, os concelleiros do grupo de goberno municipal, un representante do Grupo de Emerxencias Supramunicipal, un representante da Policía Local e a Secretaria Municipal, para coordinar as medidas que sexan necesarias seguindo a evolución do coronavirus COVID-19 e a declaración do estado de alarma. 

 Deste xeito adoptáronse, dende este luns día 16 de marzo, as seguintes novas medidas respecto do funcionamento do concello: 

• Suspéndese o servizo de atención ao público presencial nas instalacións municipais 

• Prestarase servizo telemático a través da sede electrónica e correo electrónico. 

• Prestarase servizo a través dos seguintes teléfonos: 

o Consultas xerais en horario de 9 a 14 h          986 610 000 
o Servizos Sociais en horario de 9 a 14 h           986 614 507 
o Policía Local                                                    986 610 025 
o GES (Grupo de Emerxencias Supramunicipal) 620 890 902 

• Suspéndese a atención ao publico da oficina de Xestión Tributaria

• Mantense o servizo de recollida de lixo 

• Mantense a atención a emerxencias en vías e obras e reparacións eléctricas. 

 Toda a información estará disponible de xeito actualizada na web municipal www.aguarda.es  

 O Concello da Guarda quere destacar que o funcionamento dos servizos de forma telemática e con teléfonos descentralizados nos domicilios dos traballadores é posible grazas a estructura de comunicacións que ten habilitada departamento de Novas Tecnoloxías, agradecendo a colaboración de todo o funcionariado e traballadores municipais para continuar prestando os servizos básicos á cidadanía. 

 Lémbrase asemade que están pechados os parques infantís, instalacións deportivas, culturais e de formación.  

 Isto parámolo se quedas na casa, gracias pola túa colaboración.

O ROSAL

O Rosal pecha o Centro de Saúde de San Miguel e mantén servizos mínimos administrativos e de mantemento  

Seguindo as indicacións da Garda Civil nesta situación de alerta sanitaria, a Policía Local do Rosal está realizando controis nos supermercados    



Informa: Concello do Rosal

 O Concello do Rosal segue aplicando medidas para previr contaxios de coronavirus entre o persoal do Concello e a poboación en xeral. Neste sentido, o Concello funcionará dende hoxe mesmo con servizos mínimos de 09.00 a 14.00 horas tanto dentro das instalacións da Casa do Concello como fóra delas para garantir a seguridade de todas as traballadoras e traballadores. Deste xeito, péchase toda a atención ao público e a maior parte do persoal xa está traballando de forma telemática, unha medida que afecta especialmente a aqueles traballadores ou traballadoras que directa ou indirectamente teñen ao seu redor ou ao seu cargo persoas consideradas de maior vulnerabilidade, que non farán traballo presencial baixo ningún concepto. 

 Atenderanse chamadas telefónicas e cuestións por vía telemática e soamente se tratarán de forma presencial en Rexistro asuntos de extremada urxencia previa cita telefónica. O mesmo sucederá en Servizos Sociais, que atenderá só casos urxentes e sempre contactando previamente por vía telefónica. Para servizos como o de recollida de lixo ou de avarías estableceranse servizos mínimos rotativos entre o persoal habitual. 

 Por outra banda, a partir do martes 17 de marzo o Centro de Saúde de San Miguel permanecerá pechado ata nova orde. A atención dos veciños e veciñas realizarase no Centro de Saúde do Rosal e pediatría trasladarase ao Centro de Saúde da Guarda. Para máis información as persoas afectadas deben chamar ao número 986 62 60 35.  

Responsabilidade e calma 

 Como forza de seguridade dependente do Estado e seguindo as indicacións marcadas dende a Garda Civil, a Policía Local do Rosal está a levar a cabo dende este luns controis nos supermercados do municipio para garantir a seguridade. Dende o Concello pedimos a toda a veciñanza que manteña a calma e a normalidade nas súas compras e que merque soamente os produtos esenciais, sen acaparar alimentos nin outros bens de consumo, xa que o abastecemento está garantido. Recoméndase extremar as medidas de hixiene e prevención nos mercados e supermercados, reducindo o tempo de permanencia ao mínimo imprescindible, mantendo unha distancia de 2 metros co persoal que traballa alí ou con outras persoas que estean mercando ou evitando tocar os alimentos coas mans.  

 O Concello quere agradecer o gran traballo que están a desenvolver os nosos veciños e veciñas que traballan en mercados e supermercados, no sistema público de saúde ou noutros sectores, que están a facer un esforzo inmenso durante os últimos días para que o resto da poboación teñan todos os recursos necesarios neste tempo de alerta sanitaria.

(R.)

INTERNACIONAL

España e Portugal acordan o control de fronteiras por motivos de saúde pública 

A Ponte da Amizade permanecerá pechada ao tráfico rodado dende esta mesma noite (00.00 h gal/23 h pt) ata o vindeiro 15 abril
  

A Ponte da Amizade xungue Galicia con Portugal
Foto: C.T.


Fonte: Concello de Tomiño

 Os Gobernos de España e Portugal veñen de acordar o control de fronteiras entre os dous países por motivos de saúde pública ao abeiro da pandemia do Covid-19. Por este motivo dende este mesmo luns 16 de marzo (23.00 h pt/00.00 h gal) estará prohibida a circulación de tráfico rodado entre ambos países pola maioría dos seus puntos transfronteirizos, entre eles a Ponte da Amizade que une Tomiño e Cerveira, que permanecerá pechada dende esta mesma noite.  

 Estará prohibida a circulación de todo tráfico rodado a excepción do transporte internacional de mercadorías, do transporte de traballadores transfronteirizos e da circulación de vehículos de emerxencia e socorro. Este tráfico soamente poderá cruzar dun país ao outro por nove puntos habilitados ao longo de toda a fronteira entre España e Portugal. No caso da provincia de Pontevedra será a ponte da A-55 entre Tui e Valença.  

 Esta medida estará en vigor ata as 00.00 h do 15 de abril de 2020, sen prexuízo de que poida ser revisada cada 10 días e prorrogada no tempo en caso de necesidade.

SANIDADE

O Servizo Galego de Saúde comunicará sempre de xeito individual os cambios que afecten ás citas nos seus centros sanitarios  

De non recibirse chamada do Sergas, mantense a cita


     Foto: X.G.

O Sergas promoverá a consulta telefónica en todos os casos posibles e tamén empregará a atención domiciliaria, tanto a través de visita domiciliaria, e recollida de mostras ou a plataforma TELEA  

As farmacias poderán dispensar a domicilio medicamentos ás persoas usuarias que residan en zonas rurais illadas ou sexan dependentes 

Informa: Xunta de Galicia

 Para garantir a protección da poboación fronte ao coronavirus e preservar os recursos sanitarios dispoñibles, o Servizo Galego de Saúde poderá reprogramar as citas co obxecto de facer fronte ás necesidades prioritarias. Tanto as citas de atención primaria e hospitalaria como as probas diagnósticas non urxentes poderán ser adiadas seguindo criterios clínicos e sempre se comunicarán os cambios de xeito individual.  

 Ante esta situación, a instrucción do Sergas é que calquera cambio na cita será comunicado de xeito individual e se non se recibe unha chamada por parte do Sergas, mantense a cita que xa ten.  

 Esta actuación está enmarcada na declaración o pasado 13 de marzo de 2020 da situación de emerxencia sanitaria en Galicia, coa que se activou o Plan Territorial de Emerxencias. Estas medidas foron comunicadas xa a todas as xerencias de áreas sanitarias mediante unha instrucción na que se especifica toda a reordenación asitencial. 

Que se suspende e que se mantén?  

 Nos hospitais poderá ser suspendida ou aprazada a actividade cirúrxica programada, salvo aquelas patoloxías recollidas no Decreto 105/2017, de 28 de setembro, polo que se regula o sistema de garantía de tempos máximos de acceso ás prestacións sanitarias públicas.  

 As consultas e probas diagnósticas non preferentes poderán ser suspendidas ou aprazadas, e no caso das consultas, substituídas por modalidades de atención non presencial.  

 Así mesmo, o Sergas suspende todos os programas de cribado, sen embargo realizaranse as probas diagnósticas derivadas destes programas nos casos que deran positivo. Ademáis, manténse o calendario vacinal infantil. 

Implantación destas medidas  

 O Sergas promoverá a consulta telefónica en todos os casos posibles para evitar que se acuda aos centros sanitarios, e tamén empregará os procedementos que permitan a atención domiciliaria, tanto a través de visita domiciliaria, e recollida de mostras ou a plataforma TELEA, de teleseguimento de pacientes.  

 Todas as modificacións realizadas serán comunicadas individualmente aos pacientes citados ou programados con anterioridade. Así, promoverase o contacto cos todos os pacientes que teñan cita próxima e cambiarase á modalidade telefónica en todas as que sexa posible. Esta actuación realizarase de forma progresiva e seguindo criterios consensuados cos profesionais sanitarios.  

 Os profesionais de atención primaria e hospitalaria revisarán de xeito proactivo con anterioridade á data da cita co obxectivo de identificar aos pacientes fráxiles ou máis vulnerables. Se é posible, estes pacientes serán atendidos mediante modalidade de atención non presencial (consulta telefónica ou teleseguimento).  

 Así mesmo, potenciarase a contestación directa dende os centros de saúde, evitando a entrada de sistemas automáticos, co obxectivo de incrementar a consulta en modalidade non presencial e evitar que os cidadáns teñan que acudir ao centro a solicitar cita. Neste senso, o Sergas establecerá o teletraballo a todos os profesionais que poidan realizar esta variante. 

Novidades con respecto das oficinas de farmacias  

 A Consellería de Sanidade activa a medida que permitirá ás farmacias dispensar a domicilio medicamentos ás persoas usuarias que residan en zonas rurais illadas, dependentes e enfermos crónicos independentemente de onde residan.  

 Tamén se posibilita a entrega de medicación hospitalaria nos domicilios dos pacientes ou a posibilidade de que sexa un familiar o que as recolla no hospital para evitar o desprazamento da persoa enferma. Esta medida súmase á activada xa anteriormente da posibilidade da dispensación excepcional a través do torno. 

PONTEVEDRA

A DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA MANTÉN EN NORMAL FUNCIONAMENTO TODOS OS CENTROS DE COMPOSTAXE COMUNITARIA DO REVITALIZA   

· O vicepresidente destaca que o tratamento de residuos é un servizo básico que será atendido polas mestras e mestres composteiros  

· Garántese a seguridade do modelo “por enriba de calquera sistema tradicional de recollida” e ínstase a seguir os criterios de prevención 

Composteiro comunitario do Plan Revitaliza da Deputación de Pontevedra
Foto: D.PO.

Infogauda / Pontevedra

 A Deputación de Pontevedra manterá en normal funcionamento os centros de compostaxe comunitaria (CCC) directamente dependentes do Plan Revitaliza. Segundo explicou hoxe o vicepresidente César Mosquera, a pesares da crise sanitaria do COVID-19, o tratamento de residuos considérase un servizo básico, polo que as instalacións do Revitaliza serán atendidas por equipas de mestras e mestres composteiras co fin de garantir a súa correcta actividade. Así mesmo, dende a Deputación garántese á cidadanía a seguridade do modelo incluso por riba dos sistemas tradicionais.  

 Os centros de compostaxe comunitaria que se manteñen en activo son os pertencentes aos concellos que están en Liña-1 (fase demostrativa) que non teñan mestres composteiros propios, e os que están en Liña-2 (implantación extensiva da compostaxe)de nova incorporación que non teñan mestres composteiros propios, así como aos veteranos. Estarán atendidos pola Deputación un total de 80 CCC pertencentes aos concellos de Lalín (1), Cerdedo-Cotobade (1), Vilagarcía (2), Portas (1), Campo Lameiro (1), Barro (1), Ribadumia (2), Caldas (4), O Grove (10), Sanxenxo (1), Redondela (1), Vilaboa (10), Cangas (3), Bueu (2), Ponteareas (2), Mondariz (13), Mondariz Balneario (7), As Neves (5), Gondomar (2), O Porriño (1), Salceda de Caselas (5), Oia (2) e Tui (3).  

 No caso de concellos nos que haxa CCC, mais non dependentes da Deputación, como é o caso de Pontevedra, o consello do persoal técnico provincial é que as administracións responsables os manteñan abertos e atendidos para seguir garantindo o servizo á poboación aínda que sexa con servizos mínimos.  

 Tanto o asesor de residuos Carlos Pérez como o propio vicepresidente César Mosquera manifestaron o seu compromiso da seguridade da compostaxe para a veciñanza. O técnico destacou que polas características propias do proceso de compostaxe calquera virus ou outro patóxeno presente nos residuos a tratar é eliminado e hixienizado. “Os virus non soportan temperaturas maiores de 42º xa que nesas condicións morren. No caso dos centros de compostaxe alcánzanse temperaturas maiores a 55º e sostidas no tempo, polo que a posibilidade de infección directa é prácticamente nula”, explicou Pérez.   

 Mosquera destacou, polasúa parte, que se existe un sistema con menos posibilidades de contaxio é a compostaxe, incluso por riba dos sistemas tradicionais. “Se o lixo vén dunha persoa que poida estar infectada, o proceso da compostaxe hixienízao, o que é mellor que que os residuos estean en bolsas a temperatura ambiente”, subliñou.  

 En calquera caso, seguindo os protocolos de prevención, e co fin de evitar posibles contaminacións cruzadas na manipulación de obxectos, todo o persoal –mestres e mestras composteiras- tomará precaucións mantendo sempre as mans cubertas para realizar as súas tarefas. Na mesma liña, tal e como rexen a utilización de elementos comúns, ás persoas usuarias recoméndaselle a utilización de luvas para abrir e pechar as tapas dos composteiros e do estruturante.

VIGO

OS TRABALLADORES/AS DE COMFICA, CONTRATA DE MOVISTAR, ANTE A CRISE SANITARIA DO CORONAVIRUS

Comité de empresa de Confica / Vigo

 Desde o comité de empresa de Comfica na provincia de Pontevedra, ante a alerta sanitaria producida polo novo coronavirus, queremos denunciar que non se nos teña facilitado ningún tipo de medida de protección individual. 

 Tras as conversas mantidas coa dirección de empresa na que nos informan que tras as reunións mantidas entre o Goberno, Telefónica, e as empresas contratistas que traballan para Telefónica Movistar, informouse aos traballadores/as de rúa (os tecnicos/as que fan as instalacións e as reparacións en domicilios particulares e9 empresas) que temos que seguir traballando porque somos un sector estratéxico, remitíndonos ao artigo 19 do RD do 14 de marzo de 2020. 

 Dende este comité de empresa, pertencente na súa totalidade ao sindicato CIG, queremos expresar que debido á responsabilidade da situación os traballadores/as non nos negamos en ninigún momento a continuar traballando. 

 Pero a día de hoxe non recibimos ningún medio de protección individual, como poden ser luvas desbotábeis, xel antiséptico e máscaras para protexernos e desinfectarnos depois de cada actuación e evitar así converternos en propagadores/as do virus. 

 Estes medios están considerados como EPI, e remitímonos ao artigo 17 da Lei de Prevención de Riscos Laborais 31/1995 do 8 de novembro, onde se lembra que o empresario/a deberá proporcionar os equipos de proteccion individual axeitados para o desenvolvemento das funcións de cada traballador/a e velar polo uso efectivo destes cando, pola natureza dos traballos, realizados sexan necesarios. 

 Os equipos de protección individual deberan empregarse cando os riscos non se poidan evitar. Pero mentres nós non temos os equipos necesarios, os traballadores/as da empresa principal- Movistar Telefónica- teñen todos os medios necesarios cando realizan o mesmo traballo ca nós. 

 Tamén queremos expresar que os delegados/as de prevención comunicáronlle á empresa que deberan crear un protocolo de actuación cara ao cliente, ao que hoxe en día se lle cita a través dun sistema automático, que é o que o chama para citalo para facer a instalación ou solucionar a avería. 

 Cremos que a empresa debera lembrarlle as medidas de seguridade, como que no caso de que se teña que actuar en domicilio hai que manter a distancia de seguridade; a zona de traballo ten que estar limpa; ou que debará ser unha única persoa a que atende o técnico/a no domicilio. Ademais, se o cliente ten síntomas ten que cancelar a actuación e adiar a cita. Neste senso, apelamos á responsabilidade da cidadanía, xa que somos un colectivo de risco e poemos converternos en propagadores/as do virus debido á gran cantidade de visitas que realizamos. 

Vigo, 16 de marzo de 2020.

(R.)

VIGO

ÁS MEDIDAS DE SEGURIDADE TOMADAS ATÉ O MOMENTO TANTO POLA EMPRESA COMO POLO CONCELLO DE VIGO SON INSUFICIENTES


 
Comité de Empresa de VITRASA / Vigo

 Ante a crise sanitaria provocada polo coronavirus, o comité de empresa de VITRASA quere expresar que as medidas de seguridade tomadas até o momento tanto pola empresa como polo Concello de Vigo son insuficientes e mesmo ridículas en comparación con outras cidades. Diante disto, gustaríanos que fosen ampliadas nos seguintes termos: 

-Eliminar o pago en efectivo para non manipular moeda e manter a distancia de seguridade. 

-Realizar a subida e baixada de viaxeiros/as pola porta traseira. 

-Impedir o acceso á plataforma dianteira e á zona de condución, delimitando o paso mediante cintas. 

-Límite de aforo que garanta a distancia de seguridade. 

 Gustaríanos lembrar que os condutores/as podemos chegar a ser tanto portadores/as como receptores/as do virus. Debido á inexistencia dunha rede de servizos hixiénicos proporcionados pola empresa e/ou Concello de Vigo (reivindicación histórica do persoal) e ao peche de establecementos de hostalería, os condutores/ as de VITRASA non poden realizar as súas necesidades fisiolóxicas en condicións durante a súa xornada de traballo. 

 Lamentamos a negativa da empresa á colocación de biombos solicitada desde 2016, considerando que neste momento sería o máis efectivo. Esperamos que a súa instalación se produza o máis axiña posible. 

 Así mesmo, queremos solicitarlle aos usuarios/as a súa máxima colaboración seguindo as normas ditadas polo Ministerio de Sanidade, que manteñan a separación mínima, evitar consultas ao persoal de condución e colaborar o máximo posible para evitar a propagación desta enfermidade. 

(R.)