16 de mar. de 2020

INTERNACIONAL

España e Portugal acordan o control de fronteiras por motivos de saúde pública 

A Ponte da Amizade permanecerá pechada ao tráfico rodado dende esta mesma noite (00.00 h gal/23 h pt) ata o vindeiro 15 abril
  

A Ponte da Amizade xungue Galicia con Portugal
Foto: C.T.


Fonte: Concello de Tomiño

 Os Gobernos de España e Portugal veñen de acordar o control de fronteiras entre os dous países por motivos de saúde pública ao abeiro da pandemia do Covid-19. Por este motivo dende este mesmo luns 16 de marzo (23.00 h pt/00.00 h gal) estará prohibida a circulación de tráfico rodado entre ambos países pola maioría dos seus puntos transfronteirizos, entre eles a Ponte da Amizade que une Tomiño e Cerveira, que permanecerá pechada dende esta mesma noite.  

 Estará prohibida a circulación de todo tráfico rodado a excepción do transporte internacional de mercadorías, do transporte de traballadores transfronteirizos e da circulación de vehículos de emerxencia e socorro. Este tráfico soamente poderá cruzar dun país ao outro por nove puntos habilitados ao longo de toda a fronteira entre España e Portugal. No caso da provincia de Pontevedra será a ponte da A-55 entre Tui e Valença.  

 Esta medida estará en vigor ata as 00.00 h do 15 de abril de 2020, sen prexuízo de que poida ser revisada cada 10 días e prorrogada no tempo en caso de necesidade.

Ningún comentario:

Publicar un comentario