16 de mar. de 2020

PONTEVEDRA

A DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA MANTÉN EN NORMAL FUNCIONAMENTO TODOS OS CENTROS DE COMPOSTAXE COMUNITARIA DO REVITALIZA   

· O vicepresidente destaca que o tratamento de residuos é un servizo básico que será atendido polas mestras e mestres composteiros  

· Garántese a seguridade do modelo “por enriba de calquera sistema tradicional de recollida” e ínstase a seguir os criterios de prevención 

Composteiro comunitario do Plan Revitaliza da Deputación de Pontevedra
Foto: D.PO.

Infogauda / Pontevedra

 A Deputación de Pontevedra manterá en normal funcionamento os centros de compostaxe comunitaria (CCC) directamente dependentes do Plan Revitaliza. Segundo explicou hoxe o vicepresidente César Mosquera, a pesares da crise sanitaria do COVID-19, o tratamento de residuos considérase un servizo básico, polo que as instalacións do Revitaliza serán atendidas por equipas de mestras e mestres composteiras co fin de garantir a súa correcta actividade. Así mesmo, dende a Deputación garántese á cidadanía a seguridade do modelo incluso por riba dos sistemas tradicionais.  

 Os centros de compostaxe comunitaria que se manteñen en activo son os pertencentes aos concellos que están en Liña-1 (fase demostrativa) que non teñan mestres composteiros propios, e os que están en Liña-2 (implantación extensiva da compostaxe)de nova incorporación que non teñan mestres composteiros propios, así como aos veteranos. Estarán atendidos pola Deputación un total de 80 CCC pertencentes aos concellos de Lalín (1), Cerdedo-Cotobade (1), Vilagarcía (2), Portas (1), Campo Lameiro (1), Barro (1), Ribadumia (2), Caldas (4), O Grove (10), Sanxenxo (1), Redondela (1), Vilaboa (10), Cangas (3), Bueu (2), Ponteareas (2), Mondariz (13), Mondariz Balneario (7), As Neves (5), Gondomar (2), O Porriño (1), Salceda de Caselas (5), Oia (2) e Tui (3).  

 No caso de concellos nos que haxa CCC, mais non dependentes da Deputación, como é o caso de Pontevedra, o consello do persoal técnico provincial é que as administracións responsables os manteñan abertos e atendidos para seguir garantindo o servizo á poboación aínda que sexa con servizos mínimos.  

 Tanto o asesor de residuos Carlos Pérez como o propio vicepresidente César Mosquera manifestaron o seu compromiso da seguridade da compostaxe para a veciñanza. O técnico destacou que polas características propias do proceso de compostaxe calquera virus ou outro patóxeno presente nos residuos a tratar é eliminado e hixienizado. “Os virus non soportan temperaturas maiores de 42º xa que nesas condicións morren. No caso dos centros de compostaxe alcánzanse temperaturas maiores a 55º e sostidas no tempo, polo que a posibilidade de infección directa é prácticamente nula”, explicou Pérez.   

 Mosquera destacou, polasúa parte, que se existe un sistema con menos posibilidades de contaxio é a compostaxe, incluso por riba dos sistemas tradicionais. “Se o lixo vén dunha persoa que poida estar infectada, o proceso da compostaxe hixienízao, o que é mellor que que os residuos estean en bolsas a temperatura ambiente”, subliñou.  

 En calquera caso, seguindo os protocolos de prevención, e co fin de evitar posibles contaminacións cruzadas na manipulación de obxectos, todo o persoal –mestres e mestras composteiras- tomará precaucións mantendo sempre as mans cubertas para realizar as súas tarefas. Na mesma liña, tal e como rexen a utilización de elementos comúns, ás persoas usuarias recoméndaselle a utilización de luvas para abrir e pechar as tapas dos composteiros e do estruturante.

Ningún comentario:

Publicar un comentario