16 de mar. de 2020

VIGO

OS TRABALLADORES/AS DE COMFICA, CONTRATA DE MOVISTAR, ANTE A CRISE SANITARIA DO CORONAVIRUS

Comité de empresa de Confica / Vigo

 Desde o comité de empresa de Comfica na provincia de Pontevedra, ante a alerta sanitaria producida polo novo coronavirus, queremos denunciar que non se nos teña facilitado ningún tipo de medida de protección individual. 

 Tras as conversas mantidas coa dirección de empresa na que nos informan que tras as reunións mantidas entre o Goberno, Telefónica, e as empresas contratistas que traballan para Telefónica Movistar, informouse aos traballadores/as de rúa (os tecnicos/as que fan as instalacións e as reparacións en domicilios particulares e9 empresas) que temos que seguir traballando porque somos un sector estratéxico, remitíndonos ao artigo 19 do RD do 14 de marzo de 2020. 

 Dende este comité de empresa, pertencente na súa totalidade ao sindicato CIG, queremos expresar que debido á responsabilidade da situación os traballadores/as non nos negamos en ninigún momento a continuar traballando. 

 Pero a día de hoxe non recibimos ningún medio de protección individual, como poden ser luvas desbotábeis, xel antiséptico e máscaras para protexernos e desinfectarnos depois de cada actuación e evitar así converternos en propagadores/as do virus. 

 Estes medios están considerados como EPI, e remitímonos ao artigo 17 da Lei de Prevención de Riscos Laborais 31/1995 do 8 de novembro, onde se lembra que o empresario/a deberá proporcionar os equipos de proteccion individual axeitados para o desenvolvemento das funcións de cada traballador/a e velar polo uso efectivo destes cando, pola natureza dos traballos, realizados sexan necesarios. 

 Os equipos de protección individual deberan empregarse cando os riscos non se poidan evitar. Pero mentres nós non temos os equipos necesarios, os traballadores/as da empresa principal- Movistar Telefónica- teñen todos os medios necesarios cando realizan o mesmo traballo ca nós. 

 Tamén queremos expresar que os delegados/as de prevención comunicáronlle á empresa que deberan crear un protocolo de actuación cara ao cliente, ao que hoxe en día se lle cita a través dun sistema automático, que é o que o chama para citalo para facer a instalación ou solucionar a avería. 

 Cremos que a empresa debera lembrarlle as medidas de seguridade, como que no caso de que se teña que actuar en domicilio hai que manter a distancia de seguridade; a zona de traballo ten que estar limpa; ou que debará ser unha única persoa a que atende o técnico/a no domicilio. Ademais, se o cliente ten síntomas ten que cancelar a actuación e adiar a cita. Neste senso, apelamos á responsabilidade da cidadanía, xa que somos un colectivo de risco e poemos converternos en propagadores/as do virus debido á gran cantidade de visitas que realizamos. 

Vigo, 16 de marzo de 2020.

(R.)

Ningún comentario:

Publicar un comentario