ÁS MEDIDAS DE SEGURIDADE TOMADAS ATÉ O MOMENTO TANTO POLA EMPRESA COMO POLO CONCELLO DE VIGO SON INSUFICIENTES
Comité de Empresa de VITRASA / Vigo
Ante a crise sanitaria provocada polo coronavirus, o comité de empresa de VITRASA quere expresar que as medidas de seguridade tomadas até o momento tanto pola empresa como polo Concello de Vigo son insuficientes e mesmo ridículas en comparación con outras cidades. Diante disto, gustaríanos que fosen ampliadas nos seguintes termos:
-Eliminar o pago en efectivo para non manipular moeda e manter a distancia de seguridade.
-Realizar a subida e baixada de viaxeiros/as pola porta traseira.
-Impedir o acceso á plataforma dianteira e á zona de condución, delimitando o paso mediante cintas.
-Límite de aforo que garanta a distancia de seguridade.
Gustaríanos lembrar que os condutores/as podemos chegar a ser tanto portadores/as como receptores/as do virus. Debido á inexistencia dunha rede de servizos hixiénicos proporcionados pola empresa e/ou Concello de Vigo (reivindicación histórica do persoal) e ao peche de establecementos de hostalería, os condutores/ as de VITRASA non poden realizar as súas necesidades fisiolóxicas en condicións durante a súa xornada de traballo.
Lamentamos a negativa da empresa á colocación de biombos solicitada desde 2016, considerando que neste momento sería o máis efectivo. Esperamos que a súa instalación se produza o máis axiña posible.
Así mesmo, queremos solicitarlle aos usuarios/as a súa máxima colaboración seguindo as normas ditadas polo Ministerio de Sanidade, que manteñan a separación mínima, evitar consultas ao persoal de condución e colaborar o máximo posible para evitar a propagación desta enfermidade.
(R.)
Ningún comentario:
Publicar un comentario