27 de nov. de 2020

OIA

A Xunta de Galicia impulsa un proxecto piloto no concello de Oia para desenvolver un novo modelo de saneamento no rural máis eficiente, sostible e integrado no territorio  

Estudarase a través de novas ferramentas os sistemas de depuración máis adecuados e eficaces para os pequenos núcleos de poboación  

Permitirá formular un estudo de alternativas para a optimización da depuración, así como atopar a mellor solución para o saneamento na zona interior de Oia  

Os traballos completarán os que xa está a realizar Augas de Galicia en relación á mellora da depuración na franxa costeira do municipio  

O proxecto permitirá probar sobre o terreo a metodoloxía coa fin de extrapolala a outros concellos de Galicia 

 

Infogauda / Oia

  A Conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, impulsa un proxecto piloto no concello de Oia para desenvolver un novo modelo de saneamento da auga no ámbito rural máis eficiente, sostible e integrado no territorio.

 Para a realización deste experiencia analizarase a implantación das novas ferramentas desenvolvidas nos traballos que está a realizar Augas de Galicia, a través dun convenio de colaboración coa Universidade da Coruña, para acadar sistemas de depuración adecuados e eficaces nos núcleos rurais.

 De acordo coas liñas de traballo deseñadas no marco deste estudo, a experiencia piloto no concello de Oia permitirá formular un estudo de alternativas para optimizar os sistemas de depuración nos núcleos rurais, co obxecto de atopar a mellor solución para a configuración do saneamento na zona interior do municipio.

 Estes traballos poderán, ademais, completar os que xa se están a realizar desde o organismo hidráulico da Xunta en relación á mellora da depuración na franxa costeira desde municipio.

 As características do concello de Oia fan que sexa un bo exemplo para aplicar a metodoloxía desenvolvida neste estudo, que busca implantar novas propostas para optimizar a depuración nos pequenos núcleos de poboación do medio rural. Este municipio pontevedrés posúe unha densidade de poboación por debaixo da media de Galicia, moi poboado na zona costeira e cunha maior dispersión na zona interior poboacional; e cunha orografía enmarcada polas serras de Groba e do Argallo, que incrementan a complexidade da solución para o saneamento.
 O proxecto piloto permitirá probar sobre o terreo a metodoloxía para desenvolver un novo modelo de saneamento no rural, coa fin de extrapolala a outros concellos de Galicia.

Ningún comentario:

Publicar un comentario