27 de nov. de 2020

PESCA

OR.PA.GU. promove as bases para a estandarización do observador electrónico na pesca española   

•    O  proxecto  Obepal, que se prolongará ata novembro de 2021, é pioneiro en Europa e conta co financiamento da Fundación Biodiversidade e do Ministerio para a Transición Ecolóxica, a través do programa  Pleamar. 

 

    Esta imaxe foi realizada por un observador electrónico nun barco de OR.PA.GU.

 

Mar Bermúdez / A Guarda

 A Organización de Palangreiros Guardeses (OR.PA.GU.), coa colaboración de numerosas institucións públicas e privadas do sector da pesca, puxo en marcha o proxecto Obepal, que ten como obxectivo a estandarización da metodoloxía de observación electrónica pesqueira monitorada, como alternativa e complemento á presenza de observadores físicos a bordo, pero mantendo a mesma fiabilidade. Tal meta abarca desde as condicións de instalación, ata a obtención de datos, a súa análise e a presentación de resultados co fin de conseguir transparencia, sustentabilidade e eficiencia na actividade pesqueira, así como para asegurar o correcto funcionamento do sistema remoto. 

 Desde hai varios anos, as Organizacións Rexionais de Ordenación Pesqueira (OROP’s) promoven a presenza de observadores nos barcos como método de control e fonte de datos fiable. De feito, ICCAT esixe un 5% de cobertura de observación nos buques de palangre e na CIAT esta esixencia está a incrementarse gradualmente ata un 20%. Como ben sabe a frota, embarcar a un científico é custoso e limita máis un espazo xa de seu reducido como é un buque de pesca e no que teñen que convivir varias persoas durante semanas, situación que se agravou aínda máis nos últimos tempos con motivo da pandemia.   

 É por iso que nos últimos anos veuse desenvolvendo a monitoraxe electrónica como alternativa ou complemento á observación científica, unha opción que xa vén reflectida nas recomendacións das organizacións rexionais de pesca. Para logralo, o sistema necesita dalgúns axustes e, sobre todo, dunha norma ou estándar que dea a posibilidade de certificación da súa metodoloxía en canto a condicións de instalación, privacidade das tripulacións, así como na  recollida e análise de datos, algo que aínda non existe. E aquí é onde encaixa o proxecto Obepal impulsado pola Organización de Palangreiros Guardeses (OR.PA.GU.). 

 

Imaxe capturada por unha cámara de observación electrónica, situada na popa dun barco de OR.PA.GU.
 

 Coa colaboración do Instituto de Investigacións Mariñas do CSIC, a Fundación Biodiversidade e o Ministerio para a Transición Ecolóxica e o cofinanciamento dos FEMP, o proxecto impulsado por OR.PA.GU., posto en marcha o pasado día 1 de novembro e que se estenderá un ano, coñecerá o estado actual da observación electrónica, en canto a metodoloxías de captación de datos, análises e presentación de resultados “en base aos requirimentos de cada Organización Rexional de Pesca”. Todo iso tendo como finalidade última a certificación dos buques nesta materia de tanta relevancia para o sector. 

 Así, unha vez concluído o proxecto, divulgaranse os resultados tanto da norma desenvolvida como dos procesos de certificación, para que calquera entidade interesada poida acollerse a ela.  

 Ademais da colaboración do CSIC como organismo científico recoñecido, os palangreiros guardeses contan tamén coa Asociación Española de Normalización, para o estudo e elaboración dunha norma UNE que detalle e especifique todos os requisitos a cumprir para que a observación electrónica sexa certificable e ofreza, por tanto, fiabilidade en canto aos datos obtidos fronte a calquera organismo ou administración con competencias nesta materia.    

 Os datos obtidos baixo a monitoraxe electrónica normalizada e certificada poderán ser empregados para mellorar a xestión pesqueira. Así mesmo, este método evitará a problemática da falta de espazo naqueles casos nos que non é posible embarcar observadores físicos e aumentará a cobertura da vixilancia científica, o que facilitará a obtención de máis datos para unha ordenación pesqueira sostible. 

Plan de traballo 

 Nunha primeira fase, Obepal recompilará a documentación relacionada coa monitoraxe electrónica, incluíndo visitas a barcos con cámaras de EMS (Sistema Electrónico de Monitoraxe) e entrevistas ás partes interesadas e á Administración. Despois, UNE constituirá un Grupo de Traballo de Normalización que reunirá ás partes implicadas representativas do sector pesqueiro para elaborar posteriormente borradores da Norma de Observación Electrónica, que serán validados polas partes interesadas ata a súa aprobación final. Por último, propoñeranse uns criterios que darán lugar a unha metodoloxía de certificación tras consultar ás partes implicadas.

Ningún comentario:

Publicar un comentario