22 de nov. de 2020

CULTURA

No XXIV cabodano do seu pasamento

ELISEO ALONSO RODRÍGUEZ

CRÓNICA DUN INXUSTIFICABLE ESQUECEMENTO 

 

                                             Eliseo Alonso Rodríguez

                                       Foto: Rivas / Arquivo: Infogauda

 

Ricardo Rodríguez Vicente / A Guarda 

 O primeiro contacto deste cronista coa obra literaria de Eliseo Alonso Rodríguez foi cando o escritor goianés publicou A rúa do noxo (Editorial Galaxia - Vigo, 1977). Lín as 133 páxinas dunha sentada e fixeime ademáis na fotografía do autor que ía nunha das solapas. Tamén reparei na imaxe da portada, de Luis Mariño,  e nos dibuxos interiores, de Xosé Otero Abeledo (Laxeiro). Grazas a foto do autor, pudénno identificar de visu nas súas habituais arribadas ao porto de A Guarda, onde acostumaba falar cos vellos lobos de mar, varados en terra firme. Entre eles, co enxeñoso e lembrado Tío Santiaguiño, verdadeiro expoñente da sabiduría da nosa xente.

 



 A partir de aí, virían outros momentos nos que este cronista tivo oportunidade de tratar persoalmente con Eliseo Alonso, tanto no escritorio, ubicado no seu fogar familiar, como en diferentes eventos nos que coincidimos, que non foron poucos, ainda que tamén puderon ser máis, se as circunstancias nolo hubesen permitido. En todo caso, queremos deixar constancia que unha vez tratamos con el, Eliseo Alonso abriunos súa casa de par en par. E desa relación amical virían súas colaboracións que de xeito totalmente altruista achegounos para ás páxinas especiais con motivo das Festas do Monte Santa Trega, que como correspondente de prensa eu tiven oportunidade de coordinar ao longo de varios anos no xornal FARO DE VIGO.  E iso que naquela altura, Eliseo Alonso era colaborador habitual - e ben retribuído, segundo súas propias verbas - noutro xornal, editado na cidade da Coruña!

 


 Eliseo Alonso era unha persoa que tiña unha especial querenza por A Guarda. E proba diso, entre outras moitas, foi a publicación da 2ª edición do seu libro Bajo Miño y Costa Sur  (Imprenta J.A. Vicente - A Guarda, 1980). 

 Asemade, o escritor goianés, foi o padriño literario de Francisco Álvarez - Koki (A Estivada - Salcidos, 1957), que debutou co seu poemario Lexanías (A Guarda, 1980), auspiciado por Antonio Martínez Vicente, sendo deputado provincial. 

 


 

 

 

 

 

 

 

 

 

 Andado o tempo viría Gamelas y marineros (Editorial Excma. Deputación de Pontevedra. 1ª edición, 1987; 2ª edición, 1997). Un libro de 180 páxinas, con numerosas fotografías en b/n e a toda cor, que recolle un amplo estudo etnográfico sobre as gamelas guardesas e seus tripulantes. Ata o día de hoxe, é o traballo máis completo que coñecemos sobre esa embarcación característica do porto guardés, ainda que tristemente en transo de desaparición. 

 A presenza de Eliseo Alonso na vila de A Guarda era habitual. Dese xeito podíamos atopalo tanto na Ribeira, como no estudo fotográfico de José Gardeazábal Rivas, ou no prelo de José Antonio Vicente Lomba, entre outros lugares posibles. Porque o escritor, etnógrafo, poeta e xornalista miñoto coñecía a nosa vila tan ben como seu Goián natal. 

 


 

 

 

 

 

 

 

 

 

 Do obradoiro de imprenta de Jose - como o coñecíamos familiares e amigos - na rúa Vicente Sobrino, sairon tamén outros libros monográficos da autoría de Eliseo Alonso, como por exemplo Xoán Piñeiro (Xunta de Galicia - Imprenta J.A. Vicente - A Guarda, 1981), Antonio Fernández (Xunta de Galicia - Imprenta J.A. Vicente - A Guarda, 1989), Pescadores del río Miño (tramo gallego-portugués) (Deputación de Pontevedra. Servicio de Publicacións. 1989),...

 Grazas a E. A., na vila de A Guarda viron a luz outras publicacións de diferentes autores, entre eles Xente a esgalla (Imprenta J. A.Vicente - A Guarda, 1981), do ilustrador Fernando Quesada, que mesmo presentou algún dos seus libros na vila guardesa.

 Como xa dixemos en múltiples ocasións, a Eliseo Alonso tíñamolo sempre de man. Colabouraba no libro-programa das Festas do Monte Santa Trega, alentou á creación do Museo do Mar de A Guarda, apoiou coa súa prosa escrita e súa información xornalística, as actividades que desenvolviamos desde a Agrupación Cultural Guardesa; escribiu sobre o Esteiro do río Miño, os muños de vento, as tradicións guardesas, os atractivos do noso pobo,...; e acompañaba aos artistas guardeses cando expoñiamos en Vigo, Tui, Tomiño,..., e mesmo facendo posible que o día da inauguración dunha mostra colectiva de pintores guardesses, compartíramos con Antón Abreu Bastos unha garimosa merenda-cea cunhas "palomitas"  - pequenas cuncas de pedra - de saboroso treixadura, no Bar Chamadoira, de Vigo. Ou que fose posible que sendo responsable da Sección Plástica, da Agrupación Cultural Guardesa, o que suscrebe pudese organizar unha mostra de obras do escultor Xoán Piñeiro Nogueira, que tivo lugar no Instituto da Sangriña. Por poñer tan soio unhas pinceladas a xeito de exemplo da súa capacidade para facilitar, sen estridencias, a conversa amigable, así como a relación entre artistas de longo percorrido e os máis novos, inquedos noveis.

 Alonso de Goyán - pseudónimo de Seíto, hipocorístico de Eliseo Alonso - era en verdade un home bó e xeneroso. Sempre podiamos contar con el, xa fose na Festa da Lagosta - da que foi pregoeiro - ou nos Congresos Gallaecia, nos que participou activamente, ou noutras xeiras que viñamos organizando desde o activismo cultural totalmente voluntario e nas que Eliseo sempre estaba presto a colaborar.

 Por todo iso, e por outras moitas razóns que darían para unha crónica máis extensa, este cronista non pode comprender - porque non hai motivo razoable que o xustifique - que o pobo de A Guarda, representado pola súa Corporación Municipal, non haxa adoitado - mália haber sido solicitado en máis dunha ocasión (a última vez, mediante escrito presentado no rexistro de entradas do Concello, o día 21 de decembro de 2018) por varias persoas vencelladas á Cultura - o acordo de comezar o procedemento previsto no Regulamento de Honras e Distincións, para tributarlle a Eliseo Alonso Rodríguez, a homenaxe póstuma que en boa lei os guardeses debémoslle.

 Ademáis de facelo en diferentes ocasións nos medios de comunicación, así como no libro-programa das Festas do Monte Santa Trega (A Guarda, 2013),  este informador, pediuno persoal e públicamente, diante do alcalde de A Guarda, dos familiares e amigos de Eliseo Alonso e do respectable público, no acto de inauguración da exposición "O MAR NO MUNDO DE ELISEO ALONSO" que a Asociación InfoMAXE presentou en agosto de 2014, no local da familia de Dª Guadalupe, na rúa do Porto.

 Por outra banda, dentro do XIV Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia, o venres día 12 de xullo de 2019, no acto de presentación do libro Río mar poesía, nosa intervención estivo centrada na lembranza á Eliseo Alonso, na cal ademáis dunha evocación a súa figura, reiteramos a proposta de homenaxe póstuma. 

 Posteriormente, con motivo do I Encontro do Libro Luso-Galaico da Ribeira do Río Miño, o sábado día 22 de agosto, insistimos na devandita proposta. Nesa oportunidade, manifestámoslle persoalmente - nun primeiro momento - e de xeito público, e sempre respectuoso, despois, a Dª Mª Montserrat Magallanes Álvarez, concelleira delegada de Cultura do Concello de A Guarda que gustaríanos que a nosa vila tivese á honra de ser pioneira en agradecer e recoñecer como se merece, todo canto Eliseo Alonso fixo polo patrimonio cultural de noso. De A Guarda en particular, e do Baixo Miño e de Galicia, en xeral. Temos o compromiso verbal da concelleira de Cultura de tratar sobre o asunto. Pasaron tres meses desde aquela. Non hai novidades. 

 E o tempo, como o río Miño, vai pasando, sen presa e sen pausa. Nel habita a ninfa miñota que de cando en vez, ceiba seu canto ribeirego, para ouvidos que o saiban atender.

 O pasado día 18 deste mes cumpliuse o 24 cabodano do pasamento de Eliseo Alonso Rodríguez, na cidade de La Habana (Cuba).  O que subscribe, entre outras persoas cuxas identidades cónstannos, agardamos que dunha vez por todas, a institución municipal, nunha proposta conxunta de todos os grupos municipais representados na Corporación, poña en marcha o procedemento que leve a bó porto a homenaxe a Eliseo Alonso que vimos solicitando.

 Podémolo decir doutro xeito, pero non máis claro.

 Esta é a crónica dun inxustificable esquecemento. Agardamos confiados en poder dispoñer de mellores novas nun futuro próximo.

Ningún comentario:

Publicar un comentario