O persoal de Vitrasa ratifica por ampla maioría en asemblea a convocatoria de folga durante once días
Desenvolverá paros parciais no mes de decembro para rexeitar a modificación da xornada laboral
Asemblea do cadro de persoal de Vitrasa
Infogauda / Vigo
O cadro de persoal de Vitrasa, concesionaria do servizo de transporte urbano do Concello de Vigo, ratificou por ampla maioría na asemblea celebrada este sábado a proposta do comité de convocar folga contra a modificación unilateral da xornada laboral por parte da empresa. Deste xeito, os empregados/as desenvolverán paros parciais durante 11 días do mes de decembro para rexeitar os cambios nas condicións de traballo impostos pola dirección.
A proposta do comité de empresa, presidido pola CIG, contempla paros parciais para os días 1, 3, 9, 11, 14, 16, 18, 21, 23, 28 e 30 de decembro en horario de 7:30 a 9:30, de 13:00 a 15:00 e de 19:00 a 21:00 e saíu adiante con 164 votos a favor e unicamente 15 en contra. Na asemblea que tivo lugar o sábado pola noite nas instalacións da empresa na estrada de Camposancos participaron un total de 164 persoas, que emitiron o seu voto en furna.
Con esta folga o persoal de Vitrasa quere amosar a súa oposición á modificación substancial das condicións de traballo por parte da dirección, que está a converter xornadas continuas en partidas para cubrir os reforzos de liñas necesarios pola situación derivada da pandemia. Segundo denuncian, estes cambios unilaterais por parte de Vitrasa vulneran o artigo 8 do convenio colectivo, referente á modificación da xornada.
Fronte a isto, dende o comité reclaman máis contratacións para reforzar o servizo nas horas punta e evitar deste xeito que se enchan os autobuses, en lugar de que sexan os traballadores/as os que teñan que sacrificar os seus horarios laborais.
Ningún comentario:
Publicar un comentario