28 de ago. de 2020

A GUARDA

I Encontro do Libro Luso-Galaico da Ribeira do Río Miño

· Un evento a incluir na programación cultural de anos vindeiros

Antonio Lomba e Miguel Alves, alcaldes de A Guarda e de Caminha. respectivamente, ollando algúns dos libros postos á venda
Fotos: C.A.G.

Infogauda / A Guarda 

 Comezou sendo unha idea que Luis Almeida, xornalista e fundador e director do xornal dixital  Caminha 2000, creado vai para dúas décadas, lanzou para conmemorar aquel emprendemento seu, que próximamente cumplirá seu XX aniversario. E así, do seu maxín xurdiu a proposta de celebrar de xeito simultáneo - en Caminha e en A Guarda -, o I Encontro do Libro Luso-Galaico da Ribeira do Río Miño, evento no que participaron tamén outros concellos galegos e portugueses da rexión miñota.

 A idea de Almeida foi moi ben acollida, tanto pola Câmara Municipal de Caminha como polo Concello de A Guarda. E dese xeito, tanto nunha ribeira coma na outra, comezaron a traballar varias persoas para encher de variado contido o programa.



Miguel Alves, Antonio Lomba e Luís Almeida, no acto de apertura do Encontro


 E chegado o pasado venres día 21 daría comezo o Encontro na Praça Conselheiro Silva Torres, de Caminha, e na Praza de Avelino Vicente, de A Guarda, respectivamente, coa asistencia coordinada dos alcaldes de Caminha e de A Guarda, que nas súas respectivas intervencións, saudaron de xeito entusiasta a iniciativa e coincidiron en que debe ter continuidade en anos vindeiros. 

 Na primeira edición do I Encontro do Libro Luso-Galaico da Ribeira do Río Miño houbo varios postos de mostra e venda de libros de autores galegos e portugueses, editados en calquera dos tres idiomas (castelán, galego ou portugués), algúns dos cales, mesmo participaron coas respectivas intervencións segundo estaba previsto no amplo programa de actividades.

 O respectable público achegouse aos postos de venda dos libros

 Houbo actuacións musicais, proxección de vídeos etnográficos, sinatura de libros, sesión de contacontos, recitais de poesía,...

  E tamén xurdiron propostas para ter en conta en anos vindeiros. Por exemplo - e sen que iso se interprete como crítica -, deberían estar representados autores coas súas obras hoxendía dispoñibles, que teñen publicado libros mediante autoedición ou mesmo co apoio de editoriais. No que respecta aos autores portugueses, segundo referiu o autor da iniciativa, estaban os libros de varios escritores, mesmo ainda que non tivesen recibido apoio da câmara municipal caminhense. 

 Asemade, na súa intervención ao mediodía do sábado día 22 de agosto, Ricardo Rodríguez Vicente relembrou unha vez máis a Eliseo Alonso. Na súa intervención, que foi seguida de preto, pola concelleira de Cultura do Concello de A Guarda, Mª Montserrat Magallanes Álvarez, entre outras persoas, o cronista guardés dixo: 

 "(...) A Guarda continúa tendo pendente de levar a bó termo unha homenaxe a Eliseo Alonso Rodríguez.

 Como todos sabemos foi un destacado escritor, articulista, poeta, etnógrafo e xornalista, que ainda sendo natural de Goián, sempre procurou facer singraduras cara ao porto e a vila de A Guarda.

 El soubo escoitar as xentes do noso mar, e froito dun labor de anos, deixounos un inigualable legado literario, formado - entre outras obras da súa autoría-  por “Cantos de cotovía”, “Seara de romances”, “Contos do Miño”, “La pintura de Antonio Fernández”, “Los ríos de Pontevedra”, “Tempo y camino”, “Bajo Miño y Costa Sur”, “A rúa do noxo”, “Xoán Piñeiro”, “Antonio Fernández”, “Gamelas y marineros”, “Pescadores del río Miño”, “Reiciñeira”, Tres flores, tres pastoras, allá lejos”, “Viños do Rosal e do Condado”,  e ”A fronteira comunicante”, que viu a luz en edición póstuma, e que dalgún xeito quixo ser – sen pretendelo seu autor – unha homenaxe ao poeta e escritor do Miño galaico-portugués.

 Eliseo Alonso foi un verdadeiro valedor de A Guarda e do Baixo Miño. Non somentes pola súa contribución a difusión dos atractivos desta singular contorna, senón pola participación directa en moitos eventos culturais, como a Exposición de Siglas Poveiras, que o Museo de Etnografía e Historia de Póvoa de Varzim, en boa hora trouxo ata a nosa vila. Ou súa participación nos Congresos Gallaecia - que non estaría de máis darlles continuidade -, senón tamén na Festa da Lagosta, da cal foi pregoeiro.

 A Eliseo Alonso tíñamolo de man, como se di de xeito coloquial. Era unha persoa moi accesible e sempre presta a colaborar.

 Por iso, eiquí e agora, relembramos súa figura, e exhortamos a nosos representantes municipais a dar comezo á tramitación oficial que corresponda, e de acordo co Regulamento de Honras e Distincións do Concello de A Guarda, se lle tribute unha merecida homenaxe póstuma na vila de A Guarda.

 Vímolo decindo desde fai anos. Temos pendente unha débeda de gratitude con Eliseo Alonso. Quixéramos que estas verbas, cuxo fondo, temos constancia que o comparten moitos veciños de A Guarda; sexan tidas en conta e dese xeito, por parte de quen corresponde, óbrese en consecuencia.

 Agardamos á mellor receptividade a esta proposta que vimos reiterando periódicamente e que quixéramos que desta vez fose tida en consideración. De ser así, A Guarda tería á honra de ser á primeira localidade que recoñece a titulo póstumo a Eliseo Alonso, como unha figura senlleira da cultura miñota.

 Agardamos como acuse de recibo a estas nosas verbas, a inminente comunicación de inicio do correspondente expedente municipal para o fin proposto (...)".

 Na súa intervención Rodríguez Vicente felicitou "(...) ao prezado amigo Luís Almeida, veterano xornalista, fundador e director do xornal dixital Caminha@2000, con motivo da conmemoración do seu 20 aniversario na Rede de redes. É dicir, dúas décadas de actividade informativa, que están precedidas por unha longa etapa como activo redactor na prensa e radio rexional do Alto Minho, e tamén como xornalista en medios dun maior ámeto de difusión. 

 A Luís Almeida, e por extensión, a Caminha@2000, cábelles tamén a altísima honra de editar e publicar unha variada bibliografía de destacados autores que adicaron moito do seu tempo á investigación etnográfica, histórica, política, ..., e tamén á creación poética (...)".

 A xeito de apuntamentos, na súa intervención, Rodríguez Vicente fixo referencia a tradición bibliográfica existente tanto en Caminha como en A Guarda, e salientou que "(...) desde fai máis de un século, a vila de A Guarda sempre tivo imprentas. Nalgunhas delas imprimíronse xornais como La Voz del Tecla, Heraldo Guardés, Nuevo Heraldo, Presente, A Nosa Lucha, A Voz do Miño,..., entre outros. Neles colaboraron destacadas personalidades, xornalistas e correspondentes.
 
 A día de hoxe, A Guarda conta con tres imprentas, ainda que aquela tradición xornalística, de prensa en papel, pasou a ter formato dixital e seus responsables non están vencelllados a ningunha imprenta. Neste caso, os medios electrónicos, aproveitan a tecnoloxía de comunicacións dixitais, para espallar súas novas (...)".

 A continuación fixo uso da palabra Luís Almeida, que agradeceu a acollida a súa proposta, tanto en Caminha como en A Guarda, e fixo unha evocación de varias persoas que ao longo da súa andaina xornalística coñeceu, como por exemplo: Manuel Díaz González "Ligero", Antonio Cividanes Gómez, Antonino Torrón Fernández, Purificación Álvarez Álvarez, José Manuel Domínguez Freitas, José Luís Alonso Riego, Antonio Lomba Baz,..., entre outras, relembrando varias anécdotas e vivencias relacionadas coa actividade que desenvolveron.

 Ademáis de amosar seu apoio á proposta de homenaxe a Eliseo Alonso, tamén relembrou aquela fermosa iniciativa que auspiciara o inesquecible Germano de Sousa Ramalhosa, anfitrión e promotor dos Encontros Luso-Galaicos (que cada ano adicaba a un concello galego), evento que acollía na Casa da Anta, en Lanhelas. Alí, entre outros artistas, cando ainda non eran tan coñecidos como hoxendía, actuaron Carlos Núñez, Milladoiro,..., e por suposto poetas, pintores, escultores,..., galegos e portugueses.

 Polo tanto, como ben relembrou Luís Almeida hai precedentes de actividades conxuntas e o Encontro do Libro Luso-Galaico da Ribeira do Río Miño xurdiu para estreitar as relacións entre os veciños dunha e doutra beira do Miño.

  Desde este xornal dixital transfronteirizo facemos votos para que a semente do Encontro do Libro Luso-Galaico da Ribeira do Río Miño haxa caído en terra fértil e podamos en edicións vindeiras, voltar a compartir os froitos desa iniciativa. Porque como ben dixo Miguel Alves, presidente da Câmara Municipal de Caminha, "a Cultura é segura".

Ningún comentario:

Publicar un comentario