8 de nov. de 2025

A GUARDA

Natalia Golovastikova achéganos de novo, súa arte á nosa vila

 Expón no Espazo Cultural Escola


A pintora Natalia Golovastikova ao carón de varias obras da súa autoría que amosa nunha nova exposición na vila de A Guarda
Foto: Infogauda


Ricardo Rodríguez Vicente / A Guarda

 O Espazo Cultural Escola, promovido polo Centro San Xerome, e ubicado na rúa Concepción Arenal, nº  65 - baixo (A Guarda), acolle durante un mes unha nova exposición da pintora Natalia Golovastikova.

 Esta artista, natural de Saratov (Rusia) e veciña de O Rosal, conta cunha ampla traxectoria profesional. Dende moi nova cursou estudos de preparación ao longo dun ano para acceder a prestixiosa Academia de Artes Bogolybov, en Rusia. Esa institución académica conta con 120 anos de traxectoria, e o seu fundador Bogolybov está considerado como un dos grandes pintores rusos do seu tempo. 

 Ao longo de catro anos, desde 1973 ata 1977, Natalia estudou con tesón para obter o diploma de pintora e deseñadora, traballando posteriormente dous anos como deseñadora. 

 Desde 1999 vive e traballa en España. Unha gran parte das súas obras atópase en coleccións privadas de diferentes países como España, Francia, Estados Unidos, Inglaterra, Bélxica, Rusia,...  

  A nivel expositivo, Natalia leva 25 anos amosando súas pinturas en diferentes galerías e salas do Levante español, especialmente en Torrevieja (Alacante), tendo participado tamén en mostras colectivas, así como en certames de pintura ao aire libre, tanto en España como en Francia.

 Neste 2025 fixo dúas exposicións individuais. Unha na sala do Concello do Rosal e outra na Casa dos Alonso, de A Guarda.

 Natalia Golovastikova traballa habitualmente ao aire libre, motivo polo cal é moi habitual ollala diante do seu cabalete, pintando en diferentes lugares da comarca do Baixo Miño, como O Rosal, Tui, A Guarda,...

 Súa predilección son tanto os espazos abertos - arquitectura tradicional, camiños, muiños, pontes, rúas,...- como en plena natureza - árbores, auga, fervenzas, mariñas, ríos,...-, ainda que tamén pinta bodegóns, flores..., e todo aquilo que lle inspira no seu labor creativo e que plasma con soltura mediante óleos sobre lenzo.

 A obra desta artista reflicte coñecementos e dominio técnico, así como un axeitado tratamento matérico. O resultado está ben á vista: obras de diferentes tamaños, nas que en todo caso, nótase o oficio e seu gosto persoal polo que fai.

 A mostra pictórica que Natalia Golovastikova presenta no Espazo Cultural Escola poderase visitar nos seguintes horarios:  

 • Mércores, xoves e venres, de 10:30 a 13:30, e de 18:00 a  20:00 horas.

 • Sábados: de 10:30 a 14:00 horas.

Ningún comentario:

Publicar un comentario