30 de nov. de 2020

A GUARDA

O obradoiro de Emprego Manuel B. Portela VI rematou con éxito

•    Na clausura do obradoiro, o alcalde de A Guarda, recordou que este tipo de formacións son esenciais para concellos do rural, nos que outras posibilidades de mellora da cualificación profesional supoñen desprazamentos non asumibles para moita xente. 

•    A concelleira de formación, Fátima Rodríguez fixo especial fincapé na necesidade desta formación na Guarda, un concello que levaba máis de 10 anos sen impartir un obradoiro e ao que lle foi denegado pola Xunta o que tiña solicitado para o exercicio 2020-21 

 

De esq. a der.: a delegada territorial da Xunta de Galicia, o alcalde de A Guarda e a concelleira de Desenvolvemento Local, no acto de entrega dos certificados de profesionalidade

 

Infogauda / A Guarda

 No mes de novembro de 2019 arrancaba na Guarda o obradoiro de emprego “Manuel B. Portela VI” de “Atención sanitaria a persoas dependentes no domicilio”, un programa mixto de emprego e formación no que participaron un total de 20 persoas que veñen de acadar o correspondente certificado de profesionalidade.  

 Na xornada do pasado venres día 27 de novembro remataba este obradoiro, despois dun ano de formación, que se viu astendida pola pandemia da covid-19. Este obradoiro axudou aos participantes a adquirir todos os coñecementos para prestar servizos de asistencia sanitaria a persoas dependentes.  

 A finalidade do obradoiro foi a de mellorar a ocupabilidade das persoas desempregadas posibilitando ao alumnado a realización dun traballo efectivo que, xunto coa formación para o emprego recibida, busque a súa cualificación profesional e inserción laboral nun sector, o asistencial, con unha importante demanda, sobre todo coa situación sanitaria actual. 

 O programa de axuda no fogar é un recurso que ten por obxecto prestarlles ós cidadáns no seu domicilio un conxunto de atencións dende unha perspectiva integral e normalizadora naquelas situacións nas que teñan limitada a súa autonomía persoal ou nos casos de desintegración familiar, facilitando a permanencia no seu propio entorno de convivencia e evitando a súa posible institucionalización.

 O sábado 28 de novembro tivo lugar a entrega de diplomas que puña o broche final a esta formación, contando coa presenza da delegada territorial da Xunta de Galicia en Pontevedra, María Luísa Piñeiro Arcos; o alcalde de A Guarda, Antonio Lomba Baz e a concelleira de Desenvolvemento Local, Fátima Rodríguez Marcos. 

 

Foto de familia coas autoridades, técnica local de emprego, e participantes no obradoiro, no salón de plenos do Concello de A Guarda
 

 Antonio Lomba agradeceu na súa intervención a visita da  delegada territorial da Xunta en Pontevedra á clausura do obradoiro, aproveitando a ocasión para recordar que este tipo de formacións son esenciais para concellos do rural, nos que outras posibilidades de mellora da cualificación profesional supoñen desprazamentos non asumibles para moita xente.  

 Tal e como manifestou o alcalde de A Guarda, este é o primeiro obradoiro que se realiza na vila dende o ano 2008, motivo de satisfacción para o Concello, posto que permitíu formar a persoas da Guarda nun sector cunha alta demanda na actualidade, promovendo o emprego e a calidade da atención ás persoas dependentes, o que repercutirá na calidade de vida dos nosos veciños.

 Pola súa banda Fátima Rodríguez fixo especial fincapé na necesidade de repetir este tipo de experiencias na Guarda, un concello que levaba máis de 10 anos sen impartir un obradoiro ao que lle foi denegado pola Xunta o que tiña solicitado para o exercicio 2020-21.

Ningún comentario:

Publicar un comentario