28 de nov. de 2020

A GUARDA

A iniciativa do Grupo Municipal do PSdeG-PSOE no Concello de A Guarda, que presentou unha moción ao respecto

O PLENO DA CORPORACIÓN MUNICIPAL ACORDOU INSTAR A XUNTA DE GALICIA QUE OS TERREOS PORTUARIOS REVIRTAN NOS CONCELLOS

 

A Corporación Municipal do Concello de A Guarda celebrou sesión plenaria ordinaria, cumplindo os protocolos establecidos polas autoridades sanitarias

 

Infogauda / A Guarda

  Como xa habiamos informado oportunamente neste xornal dixital transfronteirizo, a Corporación Municipal do Concello de A Guarda, celebrou o pasado venres día 27 deste mes de novembro de 2020, unha sesión plenaria ordinaria cunha ampla relación de asuntos a tratar.  Queremos salientar que entre os temas debatidos foi aprobada a seguinte moción:

"MOCIÓN QUE PRESENTA O GRUPO SOCIALISTA (..,) PEDINDO AO GOBERNO GALEGO A REVERSIÓN Á TITULARIDADE DOS TERREOS PORTUARIOS AOS CONCELLOS, CANDO O SEU USO PARA FINS RELACIONADOS CO PORTO SEXA RESIDUAL OU INEXISTENTE E SEXAN SUSCEPTIBLES DE UTILIZACIÓN MUNICIPAL, PARA A SÚA CONSIDERACIÓN, DEBATE E POSTERIOR APROBACIÓN POLO PLENO DO CONCELLO DE A GUARDA 

EXPOSICIÓN DE MOTIVOS 

 A relación natural entre o porto e os espazos urbanos ten en Galicia unhas características particulares. Como é habitual en case todas as vilas e pobos mariñeiros, a vida portuaria foi sempre ligada ao desenvolvemento da propia poboación, e a vinculación urbanística entre ambos espazos estivo sempre ligada. A estruturación administrativa causou unha dicotomía que, na maior parte dos pobos e vilas costeiras con entidade portuaria, provoca a confluencia de intereses de entidades administrativas distintas como son o Porto e os concellos. 

 De xeito especial esta relación está condicionada no plano urbanístico polo amplo espazo sobre o que o Porto ten responsabilidade administrativa, por ser da súa titularidade, froito do crecemento sobre o mar que as actividades portuarias foron desenvolvendo, pero que son terreos de uso urbano, afastados da actividade marítima e pesqueira. Existen exemplos en todo o territorio costeiro de Galicia, observando case que en cada vila como o Porto é titular dun espazo que, en termos xerais, úsase para actividade urbana. Tal é así que en moitas ocasións os propios veciños e veciñas descoñecen esta titularidade, e non a comprenden, por ser Portos de Galicia titular de terreos que nada teñen que ver coa súa actividade. 

 Este escenario provoca problemas de xestión habituais para todos os concellos, que pretenden desenvolver actividades e usos deses terreos, pero necesitan de autorización e aceptación de Portos, sendo esta unha institución que non comprende a necesidade deses usos, retrasa os procesos e/ou os dificulta e impide. Ademais dos concellos, numerosos colectivos sociais, culturais ou deportivos, tenden a querer usar tales terreos, normalmente ben situados nas vilas costeiras, atopándose con que Portos esixe unha taxas inasumibles e considera, discrecionalmente, o seu uso. Pola contra, eses terreos non son obxecto da atención de Portos de Galicia, nin do investimento, polo que terminan por deteriorarse e acumular lixo, sendo os concellos os que, por responsabilidade, terminan por asumir o custo do seu mantemento sen ser titulares. 

 Esta inxustiza entre titularidade, utilidade, uso e beneficio, resulta incomprensible para a inmensa maioría de concellos, o que repercute na vida cotiá e posibilidades de mellora dos espazos públicos para veciños e veciñas. Por esta situación sería necesario iniciar procesos de diálogo para resolver a cuestión, voluntarios por concellos, para poder afrontar métodos de reversión desas titularidades. 

 Por todo o exposto, o Grupo Municipal Socialista no Concello de A Guarda presenta para a súa aprobación polo Pleno Municipal o seguinte ACORDO: 

 Instase á Xunta de Galicia a abrir un procedemento normativo que permita a negociación bilateral voluntaria dos concellos coa entidade Portos de Galicia para, nos formatos e medidas que ambas administracións acorden, ofrecer a posibilidade de reverter a titularidade de terreos portuarios cara os concellos, cando o seu uso para fins relacionados co porto sexa residual ou inexistente e teñan posibilidades de utilización municipal". 

 En A Guarda, a 10 de novembro de 2020  

Asdo: Voceiro do Grupo Municipal Socialista do Concello de A Guarda (sinatura ilexible)

Ningún comentario:

Publicar un comentario