21 de out. de 2020

PONTEVEDRA

Persoal de Illa do Príncipe, "á altura de implementar na práctica o que aprendemos no Revitaliza" na súa reserva mundial da biosfera  

O grupo africano cualificou de "fantástico" o aproveitamento do curso de formación na provincia

 

A presidenta e o vicepresidente da Deputación de Pontevedra, co deputado Uxío Benítez e á delegación de Illa de Príncipe no acto de clausura da formación na compostaxe
 

Infogauda / Pontevedra

  O persoal de Illa de Príncipe que durante os dous últimos meses estivo en Pontevedra para formarse na compostaxe ao abeiro do Revitaliza rematou a súa formación e regresará á súa rexión nos vindeiros días para aplicar o modelo provincial na que está recoñecida como reserva mundial da biosfera. "Estamos á altura de implementar na práctica o que aprendemos aquí e vostedes nos ensinaron. Temos todo en marcha para poder iniciar o proxecto", explicou Rodrigo dos Ramos Cardoso Cassandra, voceiro do grupo.

  Cassandra, en nome de Páscoa Rita dos Santos, Anabela Mendes e  Alberto Ana Leal, subliñou o grande traballo realizado na provincia, co intercambio de experiencias e a incorporación de conceptos que servirán para a valorización de residuos na súa illa de orixe. Agradeceu a dispoñibilidade das autoridades provinciais, e insistiu en que a impresión que levan de Pontevedra "é fantástica". Así mesmo, subliñou que a rexión á que pertencen "non ten como retribuír" a formación e material achegado pola Deputación de Pontevedra, polo que ofreceu que a cooperación sexa bidireccional noutras áreas e tamén convidou a todo o persoal do Revitaliza a visitar Príncipe para comprobar ‘in situ' o aproveitamento do coñecemento adquirido. Ademais dos agradecementos oficiais, o grupo de Illa de Príncipe tamén quixo amosar a súa gratitude polo trato recibido cantando de maneira máis ‘íntima' unha canción autóctona na súa lingua sobre o coidado da biosfera.

  O vicepresidente Mosquera aproveitou, pola súa banda, para destacar que Illa de Príncipe ten posibilidades de converterse nun referente na zona e incluso mundial se aproveitan a formación adquirida grazas ao Revitaliza. "Eu vexo os tres elementos que se necesitan para que sexades exitosos: ter fé nas cousas e nas propias capacidades, traballo e coñecemento. Fóchedes valentes ao querer ser reserva da biosfera. Esa é unha decisión valente e forte. A ilusión e a decisión para isto téndela tamén, e o coñecemento é fácil adaptalo", subliñou.

  Mosquera tamén sinalou que o Revitaliza está a dar resultados máis satisfactorios dos esperados. Subliñou que nestes momentos a Unión Europea está a mirar para o plan provincial e os seus resultados. "Nós somos unha esquina de Europa pero non aceptamos ese status. Nós estudamos o que se facía neste campo, adaptamos as solucións ás características das Rías Baixas e non aceptamos as solucións centralistas. Acadamos un fito francamente difícil nun tempo relativamente curto", salientou.

  A presidenta da Deputación Carmela Silva enxalzou a relación existente entre a institución provincial e a Illa de Príncipe ao abeiro do Plan Revitaliza, "un proxecto revolucionario no mundo que vai cambiar as cousas, e que compartimos tanto en Pontevedra como en Príncipe. Algún día poderemos dicir que a Deputación e a Illa de Príncipe fomos nais e pais dun proxecto que ten que chegar a moitos outros lugares e vai significar un cambio de paradigma no mundo". Neste eido, Carmela Silva asegurou sentirse "emocionada" por poder formar parte dun proxecto común: "É marabilloso compartir e poñer en marcha iniciativas entre lugares tan distantes da terra. Así debería ser o novo mundo".

Ningún comentario:

Publicar un comentario