14 de out. de 2020

O ROSAL

A AUGA REFRESCA O SALÓN DE EXPOSICIÓNS DO CONCELLO DO ROSAL  

A mostra fotográfica ‘Auga. O sangue da terra’ estará ata o vindeiro 2 de novembro. Forma parte do proxecto ‘Corrente cultural’ que propicia a colaboración entre ABANCA, Afundación e o Concello do Rosal 

 

A alcaldesa e membros do Equipo de Goberno do Concello do Rosal con representantes de ABANCA e Afundación, na apertura da exposición

Foto: C.O.R. 

 

Infogauda / O Rosal

 O Salón de Exposicións do Concello do Rosal acolle desde onte, martes 13 de outubro, a exposición fotográfica «Auga. O sangue da terra», de Manuel Valcárcel, unha iniciativa posible grazas á colaboración entre o Concello do Rosal, ABANCA e Afundación. A mostra, de entrada libre e de balde, permanecerá aberta ao público ata o vindeiro 2 de novembro, de martes a xoves de 18.00 a 20.00 horas e venres e sábados de 11.00 a 13.30 h. 

 Esta proposta é parte do proxecto «Corrente cultural», que considera a arte como un instrumento imprescindible para fomentar o coñecemento e o desenvolvemento colectivo. Grazas a este proxecto, Afundación, a Obra Social de ABANCA, impulsa a capilaridade da cultura en Galicia, ampliando a oferta artística alén das súas sedes e trasladándoa ás vilas galegas para desenvolver tamén nelas as actividades da entidade.  

A exposición ‘Auga. O sangue da terra’  

 «Auga. O sangue da terra» realiza un percorrido pola relación do ser humano coa auga mediante fotografías dos cinco continentes. Lugares tan remotos como Nova Celandia, India, China, Níxer, o deserto de Atacama ou a conca do lucense río Lor foron fotografados por Manuel Valcárcel e recollidos neste proxecto expositivo que ten como obxectivo valorar a auga como elemento vital e amosar como inflúe a presenza ou ausencia de auga nas culturas, nas paisaxes e nos ecosistemas.  

 As imaxes están distribuídas en tres bloques. O primeiro, «Os estados da auga», recolle fotografías tomadas en Nova Celandia e Galicia, co río Lor como protagonista, que plasman o paso da auga en estado sólido ao líquido e, ao mesmo tempo, os engarces entre a montaña e o mar.  

 «A auga e a vida» conforma o segundo bloque con imaxes de dous lugares do continente asiático. Un deles é Varanasi, na India, por onde pasa o río Ganges, que é parte da vida espiritual dos hindús e é destino sacro de peregrinación. O segundo lugar é Longshen Guilin, na China, onde o manexo da auga por parte do ser humano determinou a paisaxe. As ladeiras reconstruíronse con terrazas nas que se cultiva o arroz.  

 «Vivindo na escaseza» é o último bloque que trata sobre a escaseza e ausencia de auga. Inclúe imaxes de Malí e os seus pescadores bozo, quen, aproveitando a época seca, recollen todo o peixe que poden no río Níxer para despois vendelo. A escaseza de auga tamén se ilustra con imaxes do deserto de Atacama, onde a seca deu lugar a unha paisaxe lunar.

Ningún comentario:

Publicar un comentario