20 de out. de 2020

GALICIA

NORVENTO AMEAZA AS PAISAXES PONDALIANAS COS EÓLICOS DO MONTE SALGUEIRAS 

· O parque eólico de Salgueiras peta nos Cantís do Canteiro, nas Brañas de Gondomil, no Esteiro do Anllóns, no Monte Branco e na Praia de Balarés    

· As asociacións ambientais bergantiñás, a Rede galega por un Rural Vivo e Ecoloxistas en Acción instan á Xunta de Galicia á retractarse do proxecto polo dano ambiental e paisaxístico irreparable    

· A Fundación Eduardo Pondal, que leva o nome do bardo pontecesán, impasible ante a problemática paisaxística e ambiental que supoñen os 6 aeroxeneradores    

 

“Montes, non me conocedes,  

non me conocedes, chousas 

de Balarés e As Salgueiras,  

e de Gondomil, ti, costa,  

p’ronde cando era pequeno,  

con unha gorra de lontra,  

perseguía as lebres tímidas  

p’las vosas rudas camposas?”.    

 

                                         Autor: Eduardo Pondal  

(Balarés é unha aldea costeira de Cospindo, e As Salgueiras é un minúsculo núcleo, hoxe abandonado, no límite entre Froxán e Cospindo, indo cara a Ousinde e Gondomil).  

 No ano 2012 a Xefatura Territorial da Consellería de Economía e Industria da Coruña, sometía a información pública o proxecto do parque eólico de Salgueiras no concello de Ponteceso na provincia da Coruña, promovido por Norvento, S.L. e que supón a instalación de seis aeroxeneradores de 18 MW de potencia total.  

 Desde a parte máis ao Norte da poligonal do parque eólico ata o sur da mesma, linda cos límites definidos para o LIC da Costa da Morte. Nesta área desemboca ademais o río Anllóns, tamén clasificado como LIC. A menos de dous quilómetros está o parque eólico de Corme G-3 en funcionamento.  

 A Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental recoñece expresamente no texto da Declaración de Impacto ambiental a proximidade do proxecto á zona especial de conservación (ZEC) Costa da Morte (espazo que con distintas delimitacións posúe tamén as categorías de zona de especial protección dos valores naturais (ZEPVN) e zona de especial protección para as aves (ZEPA).  

 As infraestruturas do parque eólico están incluídas no ámbito de aplicación da normativa do Plan de Ordenación do Litoral de Galicia (POL), nas unidades de paisaxe Monte Branco (05.02.182), Praia de Balarés (05.02.181), Brañas de Gondomil (05.02.179), Esteiro do Anllóns (05.02.183) e Cantís do Canteiro (05.02.180). Parte das infraestruturas inciden sobre un espazo de interés, espazo de interese paisaxístico (Cantís do Canteiro) e espazo de protección de ladeira.  

 Todos estes espazos configuran ademáis as chamadas Paisaxes Pondalianas coas que a veciñanza, ao igual que o bardo pontecesán, gardan fortes vínculos emocionais.  

 A área de observación de aves da Costa da Morte é a máis próxima e está cualificada entre as dez máis importantes de Galicia, desde o punto de vista ornitolóxico.  

 O esteiro do río Anllóns está recoñecido como Monumento Natural dentro da Rede Galega de Espazos Protexidos e as Brañas de Gondomil figuran no Inventario de Humidais de Galicia.  

 O informe de 13 de setembro de 2012 da Secretaría Xeral para o Turismo concluía que o impacto do parque eólico sobre o turismo ía ser demoledor.  

 O 28 de outubro de 2016 formulábase a Declaración de impacto ambiental favorable pola Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental. Curiosamente e de xeito espúreo catro anos máis tarde, o 27 de febreiro de 2020 publicábase no DOG número 39 a Resolución do 24 de novembro de de 2016, da Dirección Xeral de Enerxía e Minas, pola que se dá publicidade á declaración de impacto ambiental, impulsando de novo o proxecto.  

 O Instituto de Estudos do Territorio concluía que non existe lugar algún onde non se produza incidencia visual do proxecto sobre os núcleos de identidade do litoral O Porto de Corme, Ponteceso, Laxe, O Couto e Taboído, e sobre os lugares de interese Praia de Balarés, Praia da Ermida, Miradoiro do Monte Branco, Miradoiro do Galiñeiro, e a imposibilidade de establecer medidas correctoras de apantallamento nestes lugares para a mitigación do impacto visual, deixando latente a manifesta incompatibilidade do proxecto cos valores paisaxísticos aínda que sin a valentía de pronunciarse expresamente ao respecto.  

 Desde as asociacións ambientais bergantiñás, a Rede Galega por un Rural Vivo e Ecoloxistas en Acción ínstase ao concello de Ponteceso e á Xunta de Galicia a retractarse dun proxecto eólico ilegal, que debera incorporar unha Avaliación das repercusións sobre da Rede Natura 2000, tal e como esixe o artigo 6 da Directiva 92/43/CEE do Consello, do 21 de maio de 1992, relativa á conservación dos hábitats naturais e da fauna e flora silvestres e un Informe actulizado do Instituto de Estudos do Territorio, que se pronunciara con claridade sobre o grao de compatibilidade paisaxística do proxecto, xa que o existe no expediente administrativo obvia este extremo e non entra a valorar os efectos sinérxicos e acumulativos do proxecto co parque eólico de Corme G-3, xa en funcionamento.  

 Instan ademais a respectar a normativa establecida no Plan de ordenación do Litoral (POL) que recoñece os Cantís do Canteiro como Espazo de Interés Paisaxístico e de protección de ladeira. 

   

Rede Galega por un Rural Vivo  

Ecoloxistas en Acción Galicia  

Asociación ambiental e cultural Petón do Lobo  

Asociación galega Cova Crea  

Asociación O Ouriol do Anllóns 

Asociación Movemento Oia

Ningún comentario:

Publicar un comentario