6 de out. de 2020

DEPORTES

A Guarda acollerá a VII edición do Trail do Trega 

O domingo día 11 de outubro, dende á Alameda da vila

 

De esq. a der.: Gorka Gómez, Mª Montserrat Magallanes, Antonio Lomba e Serafín Acevedo, na presentación da VII edición do Trail do Trega

Foto: C.A.G.


Infogauda / A Guarda

 A Casa dos Alonso - sede do Concello de A Guarda - acolleu ao mediodía de hoxe, a presentación da VII edición do Trail do Trega, terceira e última proba da Pontevedra Trail League. 

 No devandito acto participaron: Antonio Lomba Baz, alcalde de A Guarda; Mª Montserrat Magallanes Álvarez, concelleira de Deportes; Gorka Gómez, deputado provincial de Deportes; e Serafín Acevedo, organizador da proba deportiva. 

 O domingo día 11 de outubro o Trail do Trega chega á súa sétima edición con 14 km de percorrido e preto de 800 metros de desnivel. Debido a pandemia da Covid-19, está limitada a 300 prazas, cuxas inscripcións xa están cubertas, e as saídas serán de 10 atletas cada 30 segundos. 

 A proba arrancará ás 10:30h dende a Alameda da vila de A Guarda e transcorrerá polo Monte Santa Trega, un dos lugares máis fermosos e visitados de Galicia. A carreira non ten un desnivel significativo pero o constante cambio de terreo, a orografía e a climatoloxía, farán que sexa unha proba dura e para a que se necesita unha boa preparación. 

 Así mesmo haberá unha andaina guiada de 10 km e con 500 metros de desnivel, que sairá ás 10:00h dende a Alameda de A Guarda. A participación está limitada a 100 persoas.

 Mª Montserrat Magallanes asegurou na súa intervención que, malia que son tempos complicados, o Concello de A Guarda estivo traballando arreo para poder sacar adiante este evento deportivo con todas as medidas de seguridade e protocolos sanitarios pola Covid-19, sendo esta unha icona de todas as probas que se desenvolven ao longo do ano na vila, mesturando o deporte e a natureza nun marco incomparable como é o Monte de Santa Trega. 

 Serafín Acevedo indicou que as saídas realizaranse por quendas de 10 deportistas e distanciadas entre si por 30 segundos, con separacións de 3 metros cada un, e en grupos de similares características físicas e competitivas, para evitar adiantamentos e aglomeracións, con avituallamentos individualizados.

 Gorka Gómez resaltou a importancia dos concellos, institucións e empresas que dan o paso nestes momentos para a realización de eventos, ofertando á cidadanía espazos onde poder facer deporte e dun xeito seguro e ao aire libre. 

 Antonio Lomba agradeceu o apoio da Deputación de Pontevedra, indicando que, aínda que son malos tempos para a cultura e para o deporte, esta competición se realiza cun estrito protocolo para garantir as medidas sanitarias, con máis de 300 participantes entre o Trail e a Andaina. O edil ampliou que a xente ten gañas de facer deporte e de competir, agardando que todo saia ben para poder continuar organizando probas tan emblemáticas coma a que chega este domingo ao Monte Santa Trega. 

 Máis info: http://www.traildotrega.com/ 

Ningún comentario:

Publicar un comentario