Justa Montero: "A seguir coa culler sempre en alto"
A muller do loitador antifranquista Chato Galante participou nas II Xornadas de Memoria da Deputación destacando a "forza do movemento memorialista galego"
Justa Montero - á dereita da imaxe -, animou a toda a cidadanía "a seguir coa culler sempre en alto"
Fotos: D.PO.
Fotos: D.PO.
Infogauda / Pontevedra
As Xornadas de Memoria Histórica da Deputación tiveron como
acto central a homenaxe a Chato Galante, loitador antifranquista que
faleceu o pasado mes de marzo traballando a eito para loitar contra a
impunidade das persoas que asasinaron, torturaron e vexaron durante a
ditadura. Na homenaxe, a primeira dende o pasamento, estivo presente a
parella de Galante, a coñecida activista feminista Justa Montero, quen
animou a toda a cidadanía "a seguir coa culler sempre en alto" contra a
impunidade, referíndose á culler que o propio Chato Galante utilizara
para fuxir do cárcere como símbolo da esperanza de que non existe nada
imposible.
Justa Montero, que recibiu de mans da deputada de
Memoria Histórica María Ortega a figura dunha redeira de Sargadelos coa
inscrición ‘A Chato Galante, que teceu redes de memoria na Galiza', fixo
referencia á importancia do pobo galego para a súa parella. "Cada vez
que estaba aquí volvía con entusiasmo renovado pola forza do movemento
memorialista galego. A súa homenaxe é unha homenaxe a todas as persoas
que loitan pola verdade, a xustiza e a reparación", destacou.
Na
homenaxe tamén participou o compañeiro de celda Gus Gómez, outra das
vítimas de Billy El Niño, quen fixo un percorrido polas vivencias
compartidas, e destacou a importancia que Galante daba á
participación na querela contra o Franquismo. "Tiña unha concepción
radical dos dereitos humanos. Convenceu a todos da importancia das
querelas que tamén puxemos en marcha co Grupo de Avogados Novos de Vigo,
comenzando polos casos das familias Bóveda, Paz e Caamaño", relatou,
para finalizar asegurando que é preciso "excavar novos túneles de
liberdade e ter sempre a man unha culler".
Participantes nun dos relatorios da xornadas
Pola súa parte, a integrante da Iniciativa Galega pola Memoria, Montse Fajardo, tamén subliñou o papel central de Galante no convencemento das asociacións galegas para sumarse á loita xudicial. "El deunos o pulo definitivo, o empurrón. (…) Chato sempre vai estar nun lugar de honra na IGM", afirmou.
Na homenaxe a Chato Galante realizouse a estrea do
vídeo conmemorativo sobre a súa loita dirixida por Almudena Carracedo e
Robert Bahan, responsables da laureada película ‘El silencio de otros'.
Participaron Lucía César Veloso e Manolo Dopico cunha sentida actuación
musical na que a cantante explicou a súa sorpresa cando coñeceu a
Galante e o viu cantar o himno galego na súa totalidade, peza que
aprenderá estando no cárcere con compañeiros galegos.
Unha das sorpresas da xornada foi a toma da palabra por parte de
importantes dirixentes do movemento memorialista do País Vasco, Josu
Ibargutxi e Enrique Gesalada Larreta, da Plataforma Vasca contra os
crimes do franquismo e a Asociación 3 de marzo, que puxeron de manifesto
a súa vinculación con Galante e a realidade da loita contra a
impunidade no seu territorio.
Relatorios
Ademais da homenaxe a Galante, durante a mañá tamén participaron varios
dos integrantes do grupo da avogacía que está levando adiante a querela
arxentina en España e en Galiza. Jacinto Lara subliñou que a loita
contra a impunidade do franquismo "non é unicamente unha loita xudicial,
xa que está a plantexar un conflito político ao Estado español, que na
transición implementou un modelo de impunidade que se consolidou durante
40 anos: É un conflito político", salientou.
Lara avogou por
facer reformas lexislativas no ordenamento xurídico español para poder
incorporar o dereito internacional que, segundo dixo, está a "presionar
de maneira interesante e molesta ao Estado español". Criticou duramente a
sentenza do Tribunal Supremo de 2012 que está a impedir que se xulguen
os feitos do franquismo e puxo de relevo como exemplo o acontecido coa
declaración indagatoria de Martín Villa, permanentemente boicoteada
dende os xulgados e o Goberno.
Pola súa banda, a xornalista
Cristina Fallarás fixo unha exposición crítica do papel dos grandes
medios de comunicación de masas no relato da Transición. Destacou a súa
importancia na xerarquización da realidade ao elixir que feitos contar á
cidadanía, dándolle máis ou menos importancia. Neste sentido, subliñou
que a memoria histórica estivo claramente relegada dende a Transición
ata o ano 2017, cando empezaron a mudar os posicionamentos.
Ao
seu entender, nesa data, ao aparecer os medios novos que non requiren de
investimento de capital como os tradicionais, o relato compeza a
cambiar. Subliñou que tamén as redes sociais afectaron, xa que empezan a
poñer sobre a mesa temas desaparecidos e persoas que non tiñan voz,
rompendo a xerarquización imposta. "Aparece de novo o Valle dos Caídos,
aparece Meirás, aparecen foxas… e como os medios imperantes vén que é un
relato imparable, asumírono e apropiáronse del", dixo, "pero
abstraéndoo para que se evite tratar os casos particulares que deben
seguir estando presentes".
É por iso que Fallarás animou a
seguir mantendo o relato, a utilizar os medios dispoñibles e as redes
sociais, porque "é unha oportunidade que hai que aproveitar", finalizou.
Participantes da mesa redonda
Finalmente, xa pola tarde celebrouse unha mesa redonda con Tareixa Navaza, Margarita Ledo, Xurxo Souto e Santi Cortegoso, e un monólogo de Alberto San Juan, titulado ‘Autorretrato de un joven capitalista'.
Ningún comentario:
Publicar un comentario