11 de set. de 2020

O ROSAL

O Concello adxudica a elaboración dun plan de acción para o clima e a enerxía sostible  

Dáse así un paso máis na aposta pola eficiencia enerxética no municipio. O proxecto, cun custe de 6.000 euros, conta cunha subvención da Xunta   

    Foto: C.O.R.

Infogauda / O Rosal

 O Equipo de Goberno Municipal do Concello do Rosal continúa no seu camiño para implantar no municipio un modelo de consumo enerxético sostible, eficiente e comprometido co medio ambiente. Despois de realizar unha auditoría enerxética na que se avaliou tanto o consumo da iluminación pública exterior como do conxunto de instalacións municipais, o Concello vén de adxudicar o contrato para a redacción do Plan de Acción para o Clima e a Enerxía Sostible (PACES). O obxectivo deste documento é identificar oportunidades e ámbitos sobre os que actuar para conseguir unha redución do CO2 no municipio.  

 “Non se trata de facer cousas puntuais, senón de mudar por completo o modelo actual de forma estratéxica e planificada, centrándonos en criterios económicos pero tamén éticos e de compromiso co medio ambiente”, salienta a alcaldesa, Ánxela Fernández. Para a rexedora este proxecto é “unha aposta decisiva para ter un plan de futuro que nos sirva para mellorar a eficiencia enerxética do concello”.  

 Para a elaboración deste plan, realizarase un inventario das emisións de C02 equivalentes derivadas dos consumos enerxéticos do municipio que serva para facer unha diagnose do estado actual no que se atopa O Rosal, con medidas implantadas ata a data para a redución de gases de efecto invernadoiro, sectores nos que se debería actuar de xeito máis inmediato e prioridades de actuación. A través do PACES proporanse tamén medidas destinada a mellorar a eficiencia enerxética e a reducir a dependencia dos combustibles fósiles empregando enerxías renovables. 

 O proxecto terá un custe de 6.000 euros que serán financiados pola Consellería de Medio Ambiente a través dunha subvención para a elaboración dos PACES dirixida a concellos adheridos ao ‘Pacto dos Alcaldes e Alcaldesas polo Clima e a Enerxía’, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional con cargo ao programa operativo Feder Galicia 2014-2020. O ‘Pacto dos Alcaldes e Alcaldesas’, ao que está adherido O Rosal, é un movemento que agrupa a milleiros de gobernos locais que se comprometen a afrontar retos coma a sostibilidade enerxética e que pretende garantir unha contorna estable dende o punto de vista económico, social e medioambiental para as xeracións actuais e futuras. 

 As actuacións están cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional con cargo ao programa operativo Feder Galicia 2014-2020.

Ningún comentario:

Publicar un comentario