11 de set. de 2020

TOMIÑO

A homenaxe aos heroes e heroínas da crise sanitaria pecha O Alivio 2020  

As festas rematarán este sábado na Praza do Seixo co acto cívico (20h) e co concerto da Banda de Música de Goián (22.30 h)   

Compoñentes da Banda de Música Agrupación Musical de Goián nun dos ensaios recentes
Foto: C.T.

Infogauda / Tomiño

 O Alivio chega á súa recta final. Este sábado 12 de setembro a Praza do Seixo acollerá o peche das festas co tradicional acto cívico e cun concerto da Banda de Música Agrupación Musical de Goián. A tarde arrancará ás 20.00 horas cunha sentida homenaxe a todas as persoas que durante a crise sanitaria colaboraron de forma activa na loita contra a Covid-19, a todos os colectivos e a toda a veciñanza que converteron o municipio nun exemplo de unidade e solidariedade durante unha situación excepcional. 

 O acto cívico, que por primeira vez non protagoniza unha persoa individual, centrará o seu recoñecemento no persoal sanitario, que estará representado por Ana María Fonterosa, enfermeira do centro de saúde tomiñés con máis de 32 anos de experiencia.  

 Tras esta homenaxe, chegará a quenda da música. A Agrupación Musical de Goián non faltará á súa cita co Alivio e porá punto e final co seu concerto a unhas festas diferentes e marcadas por todas as medidas de prevención tomadas para que o público puidera desfrutar de música, contos, teatro ou maxia con total seguridade. 

 A Banda de Música da Agrupación Musical de Goián subirase ao escenario ás 22.30 horas. O concerto será de balde, pero será necesario reservar entrada chamando ao 986 622 001 ou enviando un correo electrónico a cultura@tomino.gal.

Ningún comentario:

Publicar un comentario