11 de set. de 2020

O ROSAL

SANIDADE ESTABLECE MEDIDAS RESTRICTIVAS NO ROSAL 

Casa do Concello do Rosal
Foto: C.O.R.

Infogauda / O Rosal

 O Equipo de Goberno Municipal do Concello do Rosal vén de facer público que a  Consellería  e Sanidade, decidiu na mañá deste venres día 11 de setembro de 2020, establecer medidas restritivas nos concello coruñés de Laxe, e nos concellos pontevedreses de Lalín, A Guarda, O Rosal, Vilaboa e Poio, logo da reunión do Subcómite clínico de expertos que se encarga de revisar a situación epidemiolóxica en Galicia.  

 Entre as medidas que terán que adoptar estes concellos destacan a limitación dos aforos ao 50% nos establecementos comerciais, de restauración e hostalería -onde ademais estará prohibido o consumo en barra-, así como en bibliotecas, academias, autoescolas e centros privados de ensino non regrado entre outros. Tamén se establece a limitación do número máximo de persoas nas xuntanzas tanto privadas como na vía pública fixado nun máximo de 10 persoas; así como a redución dos aforos en celebracións, velorios e lugares de culto.  

 Estas medidas serán publicadas esta tarde no DOG e entrarán en vigor desde ás 00:00 horas desta medianoite. Ademais, apuntou que, a posible ampliación ou redución deste conxunto de medidas será revisado no prazo máximo dunha semana.  

 Cómpre destacar que, no caso de celebracións como vodas, bautizos e comuñóns, non poderán superar o 50 % do aforo do salón de banquetes nin o número máximo de 50 persoas para lugares pechados e de 100 persoas no caso de celebrarse en espazos ao aire libre, se ben este apartado da norma non entrará en vigor até o vindeiro luns, polo que non afectará aos eventos previstos para esta fin de semana.  

 A intención de Sanidade é poder actuar de xeito más selectivo e con maior rapidez ante a aparición de casos nunha zona concreta. É por isto que, fronte ás medidas adoptadas para toda a comunidade autónoma dende o principio da pandemia, procura agora acoutar ao máximo a expansión do virus, restrinxindo e regulando determinadas actividades xa non por áreas sanitarias, senón por concellos, cidades ou mesmo barrios.

Ningún comentario:

Publicar un comentario