11 de set. de 2020

CAMPOSANCOS (A GUARDA)

AGARIMO POLA RECUPERACIÓN DOS NOMES DOS LUGARES

Iso é o que amosou un traballador que está contratado pola Entidade Local Menor de Camposancos


  
Ricardo Rodríguez Vicente / Camposancos

 Con toda probabilidade esa nova non vai sair na primeira páxina de ningún medio de comunicación, nin vai abrir ningún noticiario radiofónico ou televisivo, pero desde este xornal dixital transfronteirizo non podemos pasar por alto o feito. Trátase do labor que de xeito altruista desenvolveu con agarimo Ricardo Videira Barcia, traballador contratado pola Entidade Local Menor de Camposancos para tarefas de limpeza de camiños, que certamente sen menoscabo de ninguén, desenvolve con esmero. Neste caso en concreto, puxo en práctica á sinalización toponímica dalgúns lugares da xurisdicción de Camposancos e dese xeito recuperou do esquecemento algúns topónimos que os maiores ainda lembran, cousa que os máis novos, nalgúns casos, tal vez descoñecían esa riqueza que configuran os nomes dos lugares, algúns dos cales son territorios por onde andan a cotío.


                   Fotos: R.V. B.


 Ese labor totalmente desinteresado que Ricardo Videira Barcia desenvolveu motu propio debera ter o apoio necesario e continuidade a curto ou medio prazo, a fin de rescatar do esquecemento e da súa posible perda co paso do tempo eses nomes que forman parte do patrimonio inmaterial de Camposancos, en particular, e por extensión do noso País.

 Deixamos constancia desa iniciativa  - que mereceu os parabéns e o público agradecemento de Mª Mercedes Martínez Vázquez, presidenta da Entidade Local Menor de Camposancos -, porque ao igoal que o fixemos oportunamente cando informamos do labor desenvolvida no Monte Santa Trega por iniciativa da xunta reitora da Comunidade de Montes Veciñais en Man da parroquia de Camposancos, que preside José Fernando Martínez Martínez; realmente esa nova merece quedar documentada para coñecemento de toda á cidadanía. E sobor de todo para poñer en valor a toponimia e microtoponimia de noso. Un legado impagable e que non é exclusivo de ninguén, porque pertence a toda á cidadanía.

Ningún comentario:

Publicar un comentario