25 de set. de 2020

A GUARDA

Tras meses de actuacións para a súa posta en valor 
 
O concheiro do castro do Monte Santa Trega ábrese ao público
 
· Os traballos enmárcanse no proxecto “Escavación, análise e sinalización do concheiro da porta Sur do castro de Santa Trega (A Guarda)”, dirixido por Brais Xosé Currás Refojos, investigador posdoutoral do CSIC, e promovido polo Concello de A Guarda a través da Deputación de Pontevedra 

 
O alcalde e a concelleira de Patrimonio con algúns dos arqueólogos que participan no proxecto, xunto ao panel informativo do concheiro estudado
 
 
Infogauda / A Guarda
 
  Despois de máis de dous milenios de existencia, un dos concheiros do Monte Santa Trega - onde está ubicado o poboado castrexo máis visitado do Noroeste peninsular - vén de ser obxecto de estudo. Dese xeito, grazas o labor multidisciplinar desenvolvido podemos saber como era unha parte da dieta alimentaria dos poboadores dese cobizado enclave, que desde o seu cumio domina o esteiro e a foz do río Miño, unha boa parte da costa atlántica da antiga Gallaecia, o Val do Rosal, a Serra da Grova,... 
 
 Sabemos tamén que animais criaban, e mesmo coñecemos as artes que empregaban na pesca.

 Os concheiros do Trega, estaban emprazados en lugares moi concretos, e os habitantes do poboado tiñan moi claro onde debían depositar o lixo, e facelo sen incorrer en ningún tipo de incivismo.
 
 E agora, a estas alturas do século XXI, o Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) dirixe o proxecto encamiñado á posta en valor do concheiro do castro do Monte Santa Trega, que dende estes días pódese visitar tras meses de actuacións que incluíron limpeza da vexetación da porta sur do poboado galaico romano, sondaxe arqueolóxica, estudo de arqueofauna e levantamento fotogramétrico das estruturas escavadas, e que concluíron coa instalación dun panel informativo cuxo cometido é que os visitantes coñezan los principais resultados deste estudo.   
 
 O equipo de traballo está dirixido por Brais Xosé Currás Refojos, investigador posdoutoral do CSIC no Instituto de Historia do Centro de Ciencias Humanas e Sociais (Madrid). Colabora a empresa Terra-Arqueos e os grupos de investigación Zooarqueoloxía (Universidade de León), con Carlos Fernández Rodríguez ao fronte, e Paleoeconomía e Subsistencia das Sociedades Preindustriais (CSIC) con Marta Moreno.   
 
 “O concheiro, que se atopa ao lado da porta de entrada ao castro do Monte Trega, constituía unha especie de vertedoiro para os seus habitantes. A día de hoxe, é unha fonte de información incalculable pois a través do seu estudo podemos coñecer numerosos aspectos da vida cotiá das persoas que viviron no castro”, explica Brais X. Currás, quen engade que “o proxecto ten [como] fin último constituír unha ferramenta coa que se promova un turismo de calidade”. 
  
 O proxecto foi financiado polo Concello de A Guarda a través da convocatoria 2019 de Axudas para a rehabilitación e sinalización do patrimonio histórico e cultural da Deputación de Pontevedra.  
 
 “A zona do concheiro do castro do Monte Trega xa fora obxecto de escavacións entre 1910 e 1930, realizadas pola Sociedad Pro-Monte Santa Tecla, Ignacio Calvo e Cayetano de Mergelina, e dende entón permanecía abandonada. Os resultados que arestora temos obtido revelan a existencia dunha gandería na que predominan ovellas e cabras de moi pequeno tamaño, documentándose tamén a presencia de porcos e vacas, así coma un dominio total de moluscos e crustáceos propios das zonas rochosas, principalmente lapas, pero tamén mexillóns, bígaros e percebes. Os ourizos tamén foron importantes, sendo menos común o consumo de cangrexos”, explica Brais X. Currás, quen engade que “en canto á actividade pesqueira, constatouse que se practicou fundamentalmente con amocelo nas zonas máis preto da costa. Abunda a lubina, acompañada en moita menor medida de dourada, sargo e maragota, entre outros peixes”. 
 
 Os resultados do estudio do concheiro dánse a coñecer ao público xeral a través dun panel informativo, sito na porta sur. O panel aborda os seguintes aspectos:  
 
1) Explicación da cronoloxía do poboado e o concheiro, así como das prácticas de consumo dos habitantes do castro. 
  
2) Recreación gráfica das edificacións da porta sur.   
 
3) Planimetría do castro e localización da porta sur.  
 
4) Representación gráfica das principais especies presentes no concheiro.  
 
5) Cartografía da contorna do Monte Santa Tegra coa localización do poboado antigo e de zonas de captación de recursos pesqueiros e marisqueiros identificados no castro.   
 
 Nos próximos meses continuarase afondando no coñecemento do castro do Trega no marco del proxecto LOKI: Economías locais, economía imperial: Occidente da Península Ibérica (século II a.C.-século II d.C.), financiado polo Plan Estatal de Investigación Científica e Técnica e de Innovación do Ministerio de Ciencia, dirixido dende o CSIC por Inés Sastre.   
 
 “Realizaránse datacións de C14 que permitirán coñecer o momento de fundación da muralla do poboado, estudiaráse a evolución ambiental a través do pole e analizaránse as sementes recollidas no concheiro. 
 
 Mención especial merece a identificación dun dente humano, que será analizado na universidade alemá de Tübingen”, avanzan dende o CSIC.

Ningún comentario:

Publicar un comentario