Programación teatral de outono
Consta de cinco obras que serán representadas entre o 26 de setembro e o 11 de decembro
Infogauda / A Guarda
O Concello de A Guarda programa un total de cinco representacións teatrais nesta tempada de outono. Trátase das obras “A nena que quería navegar”, “Invisibles”, “O mel non caduca”, “Rosa Caramelo” e “Running”, que serán postas en escena entre o 26 de setembro e o 11 de decembro deste ano.
Esta programación arranca xa na xornada deste sábado día 26 de setembro ás 18:00h no Centro Cultural coa obra “A nena que quería navegar”. Unha comedia para público familiar que trata de visibilizar e paliar as consecuencias do acoso escolar a través de técnicas de reforzo positivo e aumento da autoestima. Un espectáculo optimista, colorista, emocionante, reflexivo e festivo, no que se mesturan distintas disciplinas como os monicreques, o teatro de obxectos, as vídeo proxeccións e a música en directo.
O sábado 3 de outubro ás 20:00h no Centro Cultural, é a quenda da obra “Invisibles” . Unha adaptación do libro homónimo da xornalista Montse Fajardo que relata casos reais de violencia de xénero sufridos por sete mulleres galegas. Protagonizado por Mela Casal, Sheyla Fariña e Neves Rodríguez, coa dirección de Marián Bañobre.
O venres día 16 de outubro ás 20:00h no Centro Cultural, continúa a programación de teatro coa obra “O mel non caduca”. É un espectáculo biodegradable e ecosostible xestado a partir dun proceso de creación colectiva, arredor da relación do ser humano cos obxectos, da degradación ecolóxica do planeta por mor da perversa lóxica consumista do capitalismo e da obsolescencia programada, tanto dos produtos como das persoas.
O sábado 24 de outubro ás 18:00h é a quenda da obra “Rosa Caramelo” . Un espectáculo para nenas e nenos onde se lle dá a volta a roles e estereotipos de xénero. Nesta montaxe composta de catro historias nas que combínase a palabra e a música en directo, tratarase de crear unha atmosfera adecuada para desmontar unha serie de ideas impostas e simplificadas, pero fortemente asumidas, sobre actitudes e aptitudes das mulleres e dos homes.
Xa para pechar este ciclo de teatro de outono, o venres 11 de decembro ás 21:00h o Centro Cultural acollerá a representación teatral de “Running”. Dous actores asumen o reto de interpretar, ademais dos dous protagonistas desta comedia, a todos os personaxes das familias dos dous e da súa contorna, con algunhas aparicións tamén de personaxes televisivos e entrevistadores para retratar o noso mundo saturado de información televisiva e cibernética. Nun total de vinte personaxes entre os dous. Trátase dunha vertixinosa peza cómica con mensaxe final. Parodia da nosa ocupadísima vida actual coas súas eternas présas, ese maratón de teléfonos, móbiles, obrigacións familiares, persoais e laborais, que pretende reflexionar sobre a cabida que pode ter nesta acelerada dinámica “sempre Running” o amor. E en última instancia a relación cun mesmo.
Para todas as representacións teatrais seguirase un estrito protocolo Covid-19, polo que é preciso inscribirse con anterioridade chamando ao Centro Cultural no 986 61 18 50 ou acudindo ata o propio Centro Cultural dende o luns previo a cada actividade. O aforo é limitado.
Ningún comentario:
Publicar un comentario