19 de ago. de 2020

TURISMO

A Guarda será sede da 90ª edición do Encontro da Federación Internacional Clubes Campistas

· O evento terá lugar na segunda quincena de xuño de 2021

O alcalde de A Guarda - 4º pola esquerda - cos organizadores e o concesionario do camping Santa Tecla

 

Infogauda / A Guarda 

  O Salón de Plenos da Casa dos Alonso acolleu este mércores día 19 de agosto, o acto de presentación da 90ª edición Encontro Internacional da FICC 2021, un evento que na súa longa traxectoria tan só se celebrou en tres ocasións en territorio español, e que se celebrará na Guarda o vindeiro ano.   

 Neste acto contouse coa asistencia de Antonio Lomba Baz, alcalde de A Guarda; Mª Montserrat Magallanes Álvarez, concelleira de Cultura; Joao Alves, presidente da FICC; José Vicente, presidente da Federación Española de Clubes Campistas (FECC); Miguel Merino Ayllón, vicepresidente da Federación Española de Clubes Campistas (FECC); Andrés Sánchez, vogal da Federación Española de Clubes Campistas (FECC); Juan Antonio Cidanes, presidente do Camping Caravaning Club de Galicia-Vigo; José Iglesias, vogal e responsable das relacións coa FICC e José Coello Vicente, representante do Camping Santa Tecla.  

 O Presidente da Federación Española de Clubes Campistas (FECC) agradeceu na súa intervención a boa disposición do Concello de A Guarda para acoller esta edición, destacando que nesta localidade xa se celebraron con éxito 3 acampadas nacionais, sendo un municipio excepcional para este tipo de eventos e contando o Camping Santa Tecla cunhas instalacións inmellorables. 

 José Vicente indicou que o evento terá lugar na segunda quincena do mes de xuño de 2021, onde os centos de campistas de todo o mundo gozarán da boa gastronomía local, da natureza e dos recursos turísticos do municipio e da súa contorna cunha morea de actividades nas que se inclúen xogos populares, desfiles, visitas turísticas, entre outras. 

 Para o Presidente da FICC é un pracer estar de novo en Galicia, nun evento que se celebra por terceira vez en territorio español dende 1933, destacando a gran experiencia do comité organizador formado pola FECC na realización dos seus encontros nacionais, a apoio amosado polo Concello de A Guarda e do Camping Santa Tecla. 

 Joâo Alves indicou que a decisión de facelo na Guarda estivo entre as opcións máis distinguidas xunto con Polonia, Croacia e Corea do Sur, pero a gran capacidade da FECC para a organización deste tipos de eventos foi clave para que finalmente A Guarda resultase gañadora, o que conlevará unha promoción deste municipio a nivel mundial dende a FICC.  

 

Momento da firma do convenio de colaboración entre o alcalde do Concello de A Guarda e o representante da FECC

 O alcalde de A Guarda agradeceu a todos os presentes a súa asistencia amosando unha vez más o compromiso do Concello guardés para que este evento saia adiante e ben, agardando tamén que a situación provocada polo Covid-19 mellore de cara ao ano que ven. Antonio Lomba destacou a gran repercusión a nivel mundial e forte impacto turístico e económico que terá este evento para a vila, municipio que xa conta cunha longa traxectoria na organización e realización de eventos coma o XIV Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia celebrado en xullo de 2019, ou eventos de importante renome coma a Festa da Langosta, a Festa do Peixe Espada ou as Festas do Monte Santa Trega.  

 O acto de presentación desta 90º edición rematou coa firma do convenio de colaboración entre o Concello de A Guarda e a FECC, que permitirá xestionar os recursos necesarios para que sexa un éxito.

Ningún comentario:

Publicar un comentario